jueves. 02.12.2021 |
El tiempo
jueves. 02.12.2021
El tiempo

Lucía Novas Garrido: "Sempre procuro a expresión de emocións e explicar con palabras a extrañeza da realidade"

MUSEO _se chove_ vestibulo do EDIFICIO CASTELAO do MUSEO__ presentacion da nova coleccion de poesia de mulleres_ Medal_ da Deputacion_ Con Lucia Novas _primeira autora publicada_ e Anton Sobral _coordinador_
Lucía Novas. ARQUIVO

O libro Violetas no asfalto, unha antoloxía da obra de Lucía Novas Garrido á que se engaden algúns novos poemas e outros de traballos inéditos, inaugura a colección Medal, editada pola Deputación de Pontevedra, que agrupará unha serie de traballos de poesía feita por mulleres, contando coa coordinación do artista pontevedrés Antón Sobral.

Escribe poesía pouco despois de aprender a facelo e xa ten publicados tres libros (Epiderme de estío, Neve e Cervatos), ademais dun cuarto que aínda non víu a luz e centos de páxinas de poemas soltos que algún día pode que conformen un novo traballo literario dirixido ao público. Actualmente, Lucía Novas Garrido traballa na elaboración dun novo libro. 

De onde lle ven este gusaniño pola poesía? 
Escribo poesía dende pouco despois de aprender a escribir, aínda que daquela non era máis que un xermolo infantil. Todo xurdiu a raíz do labor da miña profesora Loliña Menduíña, que nos facía ditados de pequenos poemas de diversos autores (Rosalía de Castro, Lorca, Alberti, Gerardo Diego...), organizábanos pequenos recitais e tamén nos pedía escribir algún pequeno poema ou estrofa. 

Como lembra esa primera etapa? 
Lémbrome de como me engaiolaban eses textos que ela nos ditaba, e como fun elaborando o meu libriño de poemas de autores... Tamén recordo cando memoricei o poema dos lagartos de Lorca ou un momento no que estaba coa miña profesora elixindo textos de Rosalía, e como ó final aprendera a primeira estrofa do "Nasín cando as plantas nasen"... Lembro tamén os dous primeiros poemas que escribín como traballo de clase, un en castelán, tentando imitar un pouco a Alberti, e outro en galego, moi rosaliano... Recordo como logo fun sumando outros, elaborando co paso do tempo o meu libriño de poemas infantís, coa súa portada e as súas ilustracións... 

A miña creatividade está refuxiada nalgún lugar agochado do meu interior, aínda que comeza a espreguizarse

Como o ve desde a perspectiva que ten hoxe da poesía? 
Dende a perspectiva de hoxe resúltame moi simpático e entrañable lembrar todo isto... e tamén me emociona pensar que a poesía é unha paixón que leva toda a vida acompañándome... 
Logo, xa na adolescencia, comecei a escribir un pouco máis en serio, a realizar máis lecturas, e tiven a sorte de gañar algúns premios, que me serviron para darme pulos... Daquela, xa na Universidade, publiquei o meu primeiro libro, Epiderme de estío. E a partir de aquí foron aparecendo os dous seguintes (Neve e Cervatos), que cada vez fun deixando repousar máis.

Como definiría a estética destes primeiros libros? 
Hai un elo de unión entre Epiderme de estío e Neve, que se completa coa obra inédita Orxo e incendio: nas tres obras a natureza e o transcurso das estacións teñen unha grande importancia, e realízase un percorrido simbólico a través do verán, o outono e o inverno. En primeiro lugar, Epiderme de estío constitúe unha celebración do amor, o verán, o océano e o goce da vida, e está ateigado de sensorialismo. En Neve, a dor, a ferida, é sandada co repouso e os bálsamos que ofrece a estación de inverno, ata alcanzar a resurrección. Cervatos une aspectos dos libros anteriores (os dous polos, o Eros e o Tánatos, o amor e a dor) a través dunha estética fragmentaria, dun gran crebacabezas con varios fíos narrativos, ateigada de referencias intertextuais vencelladas á música e ó audiovisual. 

Que é Violetas no asfalto? Ou dito doutro modo, que nos imos atopar neste libro que abre a colección Medal da Deputación de Pontevedra? 
Violetas no asfalto constitúe unha antoloxía persoal do que teño escrito ata día de hoxe. Presenta unha selección de poemas dos tres libros que teño publicados (Epiderme de estío, Neve e Cervatos), textos que pertencen a unha obra inédita que escribín entre Epiderme de estío e Neve, que leva por título Orxo e incendio, e mais unha selección de poemas escritos entre Neve e Cervatos, e que se agrupan no apartado Enxertos

Faime especial ilusión este proxecto porque pretende traballar pola cultura e a poesía, pero tamén loitar pola igualdade

Cal é o obxectivo dos poemas que atopamos neste libro? 
A través dos meus poemas sempre procuro a expresión de emocións, intentar explicar con palabras a estrañeza da realidade, e unha busca da beleza. 

Que supón para vostede a honra de inaugurar coa súa obra esta nova escolma de poetas galegas? 
Para calquera poeta é unha grande honra inaugurar unha colección, e faime especial ilusión por tratarse dun proxecto que pretende non só traballar pola cultura e a poesía, senón tamén loitar pola igualdade. 

O impulsor e coordinador desta colección, o artista Antón Sobral, dixo de vostede na presentación de libro que é "unha das mellores poetas galegas nun momento excepcional da nosa poesía". Que pensou nese momento? Moita responsabilidade tamén, non? 
Pensei na enorme tradición da poesía galega dende as cantigas da Idade Media, no Rexurdimento, nas Vangardas, nos poetas de Posguerra, na Xeración dos 80... e na gran importancia da poesía galega actual, que destaca a nivel peninsular, feito afirmado incluso por autores de fóra do noso sistema literario... aínda que sempre tendo coidado con estas afirmacións, pois tampouco podemos caer en pensar que a nosa literatura é mellor se é valorada ou premiada dende o sistema literario español, por exemplo... En canto á miña poesía, sempre me custa aceptar eloxios tan xenerosos, aínda que agradezo profundamente esas palabras. 

Que lle parece que se adique esta escolma á poesía de mulleres galegas, cando sempre, maioritariamente, se destinaban a homes?
Creo que son moi positivas todas as iniciativas para loitar pola igualdade. A pesar de que a nosa literatura moderna nace coa obra dunha muller, Rosalía de Castro, durante o SXX, produto do machismo e o patriarcado, tardamos en atopar outra figura feminina e debemos agardar á poesía de Posguerra para encontrala... Nos últimos anos, a presenza da muller na literatura galega foise normalizando, sobre todo a partir da Xeración dos 90, pero iso non quere dicir que estea todo feito, e toda iniciativa para loitar por unha sociedade igualitaria é moi necesaria. 

A nosa lingua está en desigualdade de condicións e precísase un apoio para fomentar a edición en galego

Unha cousa importante da colección é que, ao ser editada pola Deputación de Pontevedra, os seus libros acabarán en bibliotecas municipais e centros de ensino, o que fai que teñan un número de potenciais lectores moito maior que cando se publica a través das canles normais. É importante achegar máis a poesía (e a literatura en xeral) máis á cidadanía e nomeadamente aos nosos escolares e estudantes? 
Si, totalmente, precísase fomentar máis a lectura, a cultura en xeral, e o libro en galego en particular, e esta iniciativa é moi necesaria neste sentido. É preciso un esforzo maior para apoiar o libro en galego por parte das administracións, pois fomos recuando neste sentido moitísimo nos últimos anos, e estoume referindo principalmente á Xunta de Galicia, que foi erradicando ou minguando axudas para o libro no noso idioma. A nosa lingua está en desigualdade de condicións e precísase un apoio por parte da Administración para fomentar a edición en galego, en mínimos históricos ollando en perspectiva o traballo realizado dende a chegada da democracia se a comparamos coa edición en castelán, e catalán ou en éuscaro. 

Está traballando actualmente nalgún novo proxecto? Se é así, xa se pode adiantar algo? 
Actualmente a miña creatividade está refuxiada nalgún lugar agochado do meu interior por mor da pandemia, pois preciso tranquilidade e intensidade á vez para escribir, aínda que comeza a espreguizarse unha idea de libro e de estética na miña mente que está agardando a que a situación se normalice un pouco máis para saír do seu agocho.

Lucía Novas Garrido: "Sempre procuro a expresión de emocións e...
Comentarios
ç