Sés: "A miña vida é integramente en galego"

Reunindo no Campiño de Santa María (20.00 horas) a dous dos músicos galegos máis importantes da escena actual, Sés e Baiuca, arranca este luns o ciclo En3vistas, do Concello de Pontevedra. Podería saír de aquí unha colaboración? "Non sei, non sei. Para Baiuca, que é un tipo moderno, eu seguramente son unha señora", di Sés.
A cantante Sés. RAFA FARIÑA
photo_camera A cantante Sés. RAFA FARIÑA

Cantautora de orixe bergantiñá, María Xosé Silvar Sés (A Coruña, 1982) é unha das voces máis recoñecibles e singulares do rock e do blues galego. Licenciada en Filoloxía galega e Antropoloxía social, ten publicados sete discos.

Podería cantar noutro idioma que non fose o galego?
Xa cantei e penso seguir cantando. Cantei en catalán e en euskera e fixen un disco de versións en español. Eu son filóloga. Non odio ningunha lingua. O que pasa é que só considero miña unha. Gústame aprender moitas e gústame cantar en moitas, pero só considero miña unha.

Pero parécelle que existen prexuízos arredor de quen canta en galego?
Existen prexuízos arredor de todas as linguas que non sexan hexemónicas. Cantar nunha lingua como a galega ten pros e contras. Non todo son contras. Non sería xusto afirmar outra cousa. Hai moitísima xente para a que teño interese porque canto en galego.

Gústame cantar en moitas linguas, pero só considero miña unha

Vai coincidir con Baiuca nesta primeira conversa das En3vistas. Gústalle o que fai?
É moi elegante.

Podería saír de aquí mesmo unha colaboración.
Non sei, non sei. Todo é posible, pero eu diría que para Baiuca son unha señora. El é un tipo moderno e seguramente eu lle resulte un pouco casposa.

Que tal está sendo este verán para Sés? O pasado estivo aínda moi marcado pola pandemia. E este?
Estou tocando, pero non tanto como ía tocar o ano que se freou todo. Dígoche a verdade: a min case me daba medo o que tiñamos enriba da mesa. Creo que foi a primeira vez na miña carreira que cando vin a listaxe de datas dixen "uf". Eran moitísimas. Hoxe non estou nese punto para nada. A pandemia supuxo un impulso para moitas bandas, sobre todo de xente nova, que se souberon manexar en paralelo con conceptos audiovisuais, mentres para outras persoas, que nos centramos no estritamente musical, puido resultar un retroceso. A verdade é que tampouco reflexiono demasiado sobre todo isto. Simplemente este verán non está resultando tan abafante como outros e para min, que me gusta tanto ou máis o estudio que o escenario, é algo positivo porque estou traballando en dous discos.

Dous?
Estou rematando o disco de versións que fixen para Latinoamérica dalgúns dos meus temas. E, despois, estou co que será o meu oitavo disco.

Que lle parece esta iniciativa da Concellería de Normalización Lingüística que convida a reflexionar sobre o emprego do idioma galego dende distintos ámbitos profesionais?
Que é tristemente necesaria. A miña vida é integramente en galego. A miña vida interior e exterior. Para min é o máis normal do mundo. E non o teño para nada como unha bandeira. É simplemente o meu código de pensamento e de expresión. Pero entendo que hai xente que está moi lonxe desa realidade e que estas iniciativas están orientadas para esa xente.

Comentarios