domingo. 28.11.2021 |
El tiempo
domingo. 28.11.2021
El tiempo

Sés e Xurxo Souto, guías de luxo no Museo de Pontevedra

Sés, nunha visita guiada do Museo de Pontevedra. DAVID FREIRE
Sés, nunha visita guiada do Museo de Pontevedra. DAVID FREIRE

Os dous artistas participaron na segunda edición das Visitas Cruzadas

Medre o mar! Medre!. Con este berro, o músico e escritor Xurxo Souto guiou aos seus dous grupos na visita cruzada que este domingo protagonizou xunto á cantautora María Xosé Silvar Sés no Museo de Pontevedra. Foi a primeira da segunda edición e esgotara as entradas en menos dun minuto, polo que o deputado de Cultura, Xosé Leal, non dubidou en recibir aos 50 participantes como "persoas privilexiadas" e aos guías invitados como "dous artistazas como a copa dun pino".

E abofé que si. O lema de Souto, acompañado polo son dunha corna ("o instrumento por excelencia do mundo de mar, paisaxe sonora habitual durante miles de anos"), debíase a que reivindicou a Pontevedra "como capital do mar, dos océanos" durante a visita ao "Museo de Punkivedra". "Non foi unha visita ao uso, cantamos, botamos repichocas e fixemos manifestos para os novos tempos".

Deste xeito, elixiu achádegos como o concheiro do castro da Lanzada ("xa había marisqueo hai máis de 2.000 anos"), un caldeiro da Idade de Ferro, ánforas de pedra ou unha estela funeraria que ten esculpido un barco no granito, atopada en Araño (Rianxo, A Coruña). Non esqueceu o comercio co Mediterráneo ou a figura do sueco Staffan Morling, "quen dixo que Galicia era o centro do mar, non a fin do mundo". Chegando ao século XX, destacou "a pegada no océano" na pinacoteca galega, como o cadro Ría de Pontevedra, de Ovidio Murguía de Castro (1898), un "berro salvaxe" co que reivindicou a recuperación da illa de Tambo; ou Mariña, unha "delicattessen" de Juan Ruiz y Blasco, o pai de Picasso.

CASTELAO. Santa María desde a Caeira (1929) foi o óleo de Carlos Sobrino que mostra "a gran metrópole" que era Pontevedra, mentres que de Fernando Álvarez de Sotomayor elixiu O Berbés (1931), "o que pintaba cando lle petaba", que mostra a creación da pesca industrial en Galicia, que fixo que os mariñeiros chegaran a bautizar un mar en Irlanda como A cona da vella. A súa visita pechouse coa "emoción sublimada dos murais de Castelao" expresada a través dun cantar de cego.

"O museo é espectacular e recomendo a todo o mundo que veña, é para estar aquí dez horas", subliñou Sés tras rematar as visitas. "É unha iniciativa súper necesaria e divertida e tocoume o mellor dos compañeiros". Sobre a elección das súas obras, baixo o concepto da arte como crítica social e o movemento expresionista, apuntou que "tendo en conta que estaba Castelao, unha obra ía ser del", aínda que a a escolla non foi fácil. "Eu son atea porque non hai a relixión de Castelao", confesou. Unha peza do álbum Nós (A paisaxe non se come, meu vello, 1916-18) serviulle para recordar que "agora estamos no terceiro proceso migratorio" e que a "miseria" está moi presente como naqueles tempos", ao igual que "o autoodio".

"A crítica de Castelao ao rexionalismo é normal" e a situación, afirma, non é moi distinta hoxendía. "É perigosa esta realidade de ai que riquiño e malo será, é unha patada á nosa intelixencia a aos nosos dereitos". Por iso escolleu tamén un cadro de Álvarez de Sotomayor, De volta (1955), que representa a un labrego pero "non plasma a realidade". Máis afinidade amosou co escultor Uxío Souto, do que elixiu unha talla en madeira de 1928, Adversidade e morte, "porque me emocionou moito". "Ao igual que Castelao era un cidadán e expresaba o que lle pasaba. Eu tamén".

Xurxo Souto, nunha visita guiada do Museo de Pontevedra. DAVID FREIRE

Sés e Xurxo Souto, guías de luxo no Museo de Pontevedra
Comentarios
ç