Sete domingos de teatro

As entradas para o ciclo infantil Domingos do Principal xa están á venda

Agasallar un abono para acudir a todas as representacións do ciclo Domingos do Principal é xa tradición na noite de Reis en moitas casas pontevedresas. Un ano máis, o Concello de Pontevedra animou ás súas maxestades de Oriente a regalar cultura o vindeiro 6 de xaneiro.

Explicouno Carmen Fouces, concelleira de Cultura, na mañá deste mércores, durante a presentación dunha nova edición do dito ciclo. Desta vez, o encontro arredor do teatro pensado para os máis pequenos cumpre 20 anos e faino cun programa que combina diferentes modalidades de teatro, dende o centrado no baile ata o de máscaras ou de acrobacias. "Durante estes 20 anos pasaron por Pontevedra unhas 300 obras de teatro", explicaba a concelleira na mañá do mércores. Do mesmo xeito, Fouces explicou que o obxectivo do Concello é formar un público esixente e experto. "Os primeiros espectadores de Domingos do Principal son hoxe en día público de Ponteatro", explicaba a edil, na que presumía da mirada crítica dos nenos e nenas que medran mirando teatro.

Pola súa banda, Xacobe Rodríguez, de Teatro Akatro, falou da programación deseñada para esta edición. Como todos os anos, os deseñadores do programa quixeron combinar diferentes tipos de teatro, danza, teatro de sombras, mudo, obras para a reflexión ou humor.

O programa completo está dispoñible na rede, de xeito que todos os domingos hai función de mañá e de tarde. As entradas para cada obra custan catro euros, pero os abonos para todo o ciclo valen 21. Están dispoñibles a través da web ataquilla.com

Rodríguez recordou que as idades recomendadas que se indican en cada obra non implican queas pezas estean dirixidas só a nenos. "Poden ser atractivas para persoas de ata 99 anos", indicou o integrante de Teatro Akatro. Domingos do Principal celebrarase os domingos entre o 20 de xaneiro e o 10 de marzo.

20 de xaneiro 'Rojo Standard'

Rojo standard - Domingos do Principal

La Nördika, de Granada, inaugura o ciclo infantil de teatro cunha peza centrada na danza e o circo. A obra conta co Premio Feten 2018 e o Premio Lorca ao Mellor Espectáculo de Rúa.

27 de xaneiro 'Pavillón Lino'

Pavillón Lino - Domingos do Principal

A peza, na que as máscaras teñen moita importancia, está inspirada na sala coruñesa do mesmo nome e chega a Pontevedra da man de Caramuxo Teatro.

3 de febreiro 'El viaje de Ulises'

El viaje de Ulises - Domingos do Principal

Teatro Gorakada trae a Domingos do Principal a súa visión da Odisea cunha obra galardoada co Premio do Público do Festival de Teatro en la Calle de Villanueva de la Serena 2018.

10 de febreiro 'El tesoro de Barracuda'

El tesoro de Barracuda - Domingos do Principal

Un espectáculo dinámico e divertido a través de sombras. A obra inspirada no libro do mesmo nome está recomendada para maiores de seis anos.

17 de febreiro 'Aguratrat'

Aguratrat - Domingos do Principal

A obra Aguratrat é unha adaptación do libro Esio Trot, de Roal Dahl, fala da relación entre dous veciños e será a cargo da compañía galega Pérez & Fernández.

24 de febreiro 'Emportats'

Emportats - Domingos do Principal

La Trócola Circo ofrecerá un espectáculo con elementos do circo, o humor, a música ou a poesía. Premio Feten ao Mellor Espectáculo de Noite.

10 de marzo 'Euria'

Euria - Domingos do Principal

A compañía vasca Markeliñe finalizará o ciclo coa representación de Euria, que en éuscaro significa chuvia. Trátase dun espectáculo sobre a perda dun ser querido dende un punto de vista positivo.

Comentarios