Sheila Patricia volve á 'Orixe'

A artista de Redondela, afincada en Vilaboa, reúne dez cancións no seu primeiro álbum, no que mestura tradición, músicas do mundo e electrónica
A cantante e compositora Sheila Patricia. AITOR RAMOS SOTO
photo_camera A cantante e compositora Sheila Patricia. AITOR RAMOS SOTO

A cantante e compositora Sheila Patricia reúne dez temas no seu álbum de debut, Orixe, que o 8 de abril se lanzou a través das plataformas Spotify, iTunes e Amazon Music. "Ao final, este disco é unha volta a Galicia e ás miñas orixes, despois de vivir un tempo fóra e de viaxar moito", explica a artista. "É unha volta cara aquí e unha revisión dos ritmos populares galegos, unha revisión de todo o que eu son e de todo iso de onde veño". 

Nacida en Redondela e afincada en Vilaboa, Sheila Patricia tiña publicado con anterioridade un EP (El camino de los sueños, 2017). Nos últimos anos foise convertendo nunha voz feminina de referencia en Galicia. Como tal participou o ano pasado no proxecto que vinculaba música e memoria Acorda, da Deputación de Pontevedra, que coordinou Uxía e no que tamén participaron dende Tanxugueiras a Ezetaerre. Hai uns poucos días foi a encargada de interpretar o himno galego (xunto a Gabi Reboredo) durante a entrega das Medallas do Parlamento de Galicia.

O seu primeiro disco está marcado pola mestura. Nel soan dende percusión africana ata unha guitarra porteña. Tamén revisa un tema portugués, Senhora do Almortao. "Ao final, se eu tivese que definir o que fago sería world music", di. "E, se teño unha constante, é a fusión". A cantante explica que se deixa guiar pola curiosidade á hora de traballar. "Dende ben pequena. Do meu imaxinario forman parte ritmos de moitos lugares do mundo: de Cuba, de Arxentina, de África, de Portugal, de toda a lusofonía en xeral. Así que para min facer fusión é algo súper natural". 

Non fago música electrónica, nin me interesa facela. Pero si que recoñezo que é un recurso moi interesante, moi suxestivo á hora de crear texturas ou atmosferas.

Segundo di, as ferramentas das que calquera artista dispón hoxe en día contribúen a acrecentar ese interese pola mestura. "Simplemente tes que abrir unha plataforma como Spotify. Ou estar nas redes sociais. Quero dicir que xa non é necesario que esperemos a que veña alguén dende o outro lado do mundo para coñecer outros sons. Podemos investigar pola nosa conta. Só hai que abrir as orellas e escoitar o que teñen que dicir".

A maiores, a través da música electrónica, Sheila Patricia conéctase coa contemporaneidade. "De xeito moi consciente. Porque me encanta a tradición, pero vivo no 2022. Gústame moito o que fai xente como Baiuca, por exemplo", recoñece. "Pero isto, a mestura da música tradicional e da electrónica, é algo que, en realidade, está pasando en todo o mundo. Con todo, eu neste aspecto son moi coitadiña. Quero dicir que me achego cunha certa timidez. Non fago música electrónica, nin me interesa facela. Pero si que recoñezo que é un recurso moi interesante, moi suxestivo á hora de crear texturas ou atmosferas".

Ao final a música é un lugar no que experimentar. Hai que aproveitar a vangarda de cada momento, bucear por aí e abrirse a experimentar sen medo.

A cantante recoñece que a repercusión do traballo de Baiuca ou do éxito das Tanxugueiras abre novos camiños na música tradicional, ata o momento só transitados por outros artistas como Mercedes Peón. Nese contexto sae á rúa ‘Orixe’. "Por unha banda, penso que hai unha tendencia natural da música a irse conectando co momento no que xorde. E este é un moi marcado pola tecnoloxía, no que practicamente desapareceu o formato físico do disco e a música se escoita a través do teléfono ou do ordenador", conta a artista. "Por outra parte, é inevitable que os creadores nos influamos uns aos outros. Tiña que acabar chegando este momento. Para min esta é a explicación a este tipo de fenómenos e coincidencias. Ao final a música é un lugar no que experimentar. Hai que aproveitar a vangarda de cada momento, bucear por aí e abrirse a experimentar sen medo".

A MOURA. O tema que elixiu Sheila Patricia para presentar Orixe foi A Moura, que se lanzou o 26 de marzo cun videoclip realizado por Aitor Ramos Soto. "Era un tema moi identificativo para min. Ten moitas mencións a Redondela, de onde é a miña familia. Así que había aí un compoñente emocional forte para que se escollese como tarxeta de presentación", explica. "Despois é tamén o tema máis bailable do disco. E eu tiña moitas ganas tamén de lanzar o álbum desta maneira, bailando". A cantante foi profesora de baile moitos anos e a través do tema puido conectar música e danza. "Nalgún momento tiña que xuntar todo isto".

Non creo que haxa nada mellor que a miña avoa para representar a miña orixe. Ao final, todo se reduce a min escoitándoa cantar. Mirando a través dos seus ollos foi que todo naceu.

A canción é unha recreación da lenda da moura. "Así que está conectada co noso patrimonio inmaterial". A maiores, o tema ten a particularidade de ser o único que saíu durante a pandemia e se incorporou ao álbum. Os outros nove foron compostos antes de 2019. "Foi a única canción que entrou a posteriori. Pensamos que era un bo pistoletazo de saída".

E, se se presentou con A Moura, Orixe péchase con outro tema dedicado a unha muller: Avoa Sefa. "Porque se falamos da tradición, da parte emocional de todo isto, deste volver á miña terra, teño que falar dela. É unha das miñas fontes de inspiración máis poderosas", explica Sheila Patricia. "Non creo que haxa nada mellor ca ela para representar a miña orixe. Ao final, todo se reduce a min escoitándoa cantar. É, en definitiva, unha homenaxe. Porque, ao final, mirando a través dos seus ollos foi que todo naceu".

Datas
ESPECTÁCULO DAS LETRAS GALEGAS
Á espera de comezar a presentar o seu disco en directo, "probablemente a partir de maio", Sheila Patricia ten pechadas tres datas co seu espectáculo poético-musical arredor do Día das Letras Galegas. O 6 de maio actuará no Barco de Valdeorras; o día 12, en Pontevedra e o 17, no Porriño.