"Gústame moito vir a Pontevedra. É unha cidade que me encanta", confesa Silvia Penide (A Coruña, 1979). A cantautora, que festexa este ano dúas décadas enriba dos escenarios, recuperou algúns temas emblemáticos do conxunto da súa traxectoria no seu último traballo, o vinilo de edición limitada Mientras dura el aplauso, para darlles outras sonoridade ou cantalos a dúo con xente como Ugia Pedreira ou Javier Álvarez. Silvia Penide ofrecerá mañá un concerto no Teatro Principal.
Vai ser un concerto especial o deste sábado?
É un concerto a full equip porque estaremos toda a banda, Para min é un luxo tocar cos meus músicos. Será moi especial, a maiores, porque estará Natalia Navaza signando. Vén a expedición Penide ao completo.
Coincide ademais co Día Mundial Mundial da Lingua de Signos (23 de setembro).
Si, aínda que eu levo a Natalia a onde podo sempre. Porque é un plus. Rozalén abriu esa porta e creo que é súper importante contribuír a crear esa conciencia. Non sería bonito que todos souberamos empregar a lingua de signos?
Conmemora 20 anos de traxectoria. Que balance fai?
Como non esperaba nada, case non sei que dicir. Para min isto é unha vocación. Sempre digo que sentín a chamada, só que non do tipo relixioso, senón do tipo artístico. Pero foi así: San Titiritero chamoume dende moi pequena. Empecei nisto case como unha necesidade vital. De feito, en realidade son moito máis de 20 anos os que levo cantando porque o fago dende moi pequena. E incluso teño maquetas anteriores a 2003. O que pasou aí foi que empezou a ser un traballo. Dicíao o meu avó Toñé: "É un traballo porque che pagan". Durante moito tempo aínda o estiven compaxinando co traballo de auxiliar de enfermería. Ata 2016, que tiven que decidirme por unha das dúas cousas, porque xa non daba máis de min, e escollín a música. Hoxe estou moi orgullosa de proxectos que penso que deixan un pouso. E estou moi contenta dese camiño que estou abrindo para a xente que vén detrás. Así que o balance é positivo. Sempre procuro ir festexando de cinco en cinco anos e o destes 20 está sendo unha conga.
Para min isto é unha vocación. San Titiritero chamoume dende moi pequena
Para celebrar o aniversario publicou un disco no que recupera temas antigos.
A idea é que fora unha capsuliña do tempo. Tiña que ser un disco especial, algo que non se fose repetir. Por iso son 250 vinilos numerados. E digo o da capsuliña do tempo porque aí tiña que estar a Silvia de 20 anos, pero tamén a Silvia de hoxe. Porque en 20 anos mudei moitas veces de pel, como calquera ser humano. As cancións tamén foron elixidas con moita intención. E sobre os duetos, moitos quedaron tal cal estaban porque hainos moi recentes, como o de El efecto boomerang, con Víctor Manuel, que saíu en 2019 e case non se puido sacar da casa porque chegou a pandemia. Despois é verdade que foi complicado darlle unha sonoridade común, un nexo, a cancións de tempos moi diferentes. Pero ao final penso que quedou algo moi fermoso do que estamos moi orgullosos.
Recoñécese nos vellos temas? Ou cústalle interpretalos?
Hai algúns, como Mi cielo, que é unha canción de hai moito tempo, que fun retomando xusto este ano. Porque ma piden moito nos concertos e porque quería entrar nesa dinámica de reatoparme coa vella Silvia. Amo é outro deses temas. E ningunha está no vinilo. Porque as cancións que eliximos para o vinilo si que tiñan que ser como esas amigas das que vas de ganchete toda a vida. Unha desas coas que, aínda que tardes moito en volver falar, parece que vos vistes onte. Reventaba é unha desas cancións. Reabrir esa canción, meterlle a voz de Mercedes Ferrer... Foi moi emocionante. Porque ao final devólvete a aquel momento na que se gravou. Hoxe Arturo Vaquero ten o seu estudio Abrigueiro en Friol (Lugo), pero eu recordo que daquela estaba en construción en acabei gravando algunhas das voces daquel disco nunha habitación debaixo dunha manta.
Foi un camiño difícil o que a trouxo ata aquí?
Súper difícil. Como é o de calquera, supoño. Neste oficio nunca podes dar nada por sentado, por exemplo. Pero, a pesar de ser un camiño difícil, a pesar de xogar moitas veces co persoal, é un camiño que achega tantísimo, que arrastra un sobresoldo emocional tan bestial, que eu me ergo case todas as mañás pensando que me gusta a miña vida. Así que ao final, paga a pena. A min polo menos. Por agora é así. Se nalgún momento sinto que antepoño o personaxe de Silvia Penide á persoa que son, que me estou maltratando como persoa, probablemente pararía.
O da música é un camiño difícil, como todos, pero arrastra un sobresoldo emocional tan bestial, que eu me ergo case todas as mañás pensando que me gusta a miña vida
Séntese unha rara avis na escena musical galega?
Non, a verdade é que non. Sempre me sentín cómoda e no meu sitio. Son unha artista que non enche recintos, pero que sempre ten traballo. E sinto tamén o respecto e o agarimo dos compañeiros, de xente como Guadi Galego, como Ugia Pedreira, como Xabier Díaz... Con todos fun traballando e facendo cousas. Incluso con xente como Andrés Suárez, que está moi arriba. Nunca sentín que estivera fóra de sitio. Todo o contrario: cada vez que saio a escena sinto que estou na miña salsa. Se non fora así, tamén sería o momento de baixar o telón.
Un momento inesquecible destes 20 anos?
Un concerto en Meicende, en Arteixo (A Coruña), o sitio de onde son, no que baixei do escenario a cantarlle á miña avoa Felicidad, que aínda vén aos concertos cando pode, a canción Felicidad, de Albano e Romina. Nunca esquecerei a súa cariña.
E un que lle gustaría esquecer?
Calquera deses pequenos desprezos que sufrimos os artistas. Non coñezo a compañeiro ao que non lle pasara. Se puidese, borraríaos todos dun trazo.
Á parte da súa carreira musical, deulle saída á súa faceta como autora literaria con Diferentes diferenzas. Que é este proxecto?
Foi un agasallo. É un libro contra o bullying que naceu a partir duns textos que eu fun escribindo e que lía, cando estaba moi cómoda, ao final dos concertos coa intención de facer reflexionar un pouco. Falaba de que unha tartaruga non ten por que esconder a cabeza ou de que unha araña non ten por que pender sempre dun fío. Nunha desas actuacións estaba unha persoa dunha editorial á que lle gustaron moito os textos e acabou publicándoos con ilustracións de Emilio González Urberuaga, o autor dos debuxos de Manolito Gafotas. Todo o que rodea este libro, que tamén garda un toque de atención para os adultos, está tendo un impacto moi forte dentro de min.
Non é vostede unha artista que garde as distancias co seu público.
É que eu son unha artista de minorías. Aí todo se volve moi tanxible. Todos aspiramos a seguir subindo pasiños, pero recoñezo que desfruto moito dos pequenos espazos porque me encanta recibir feebback e conectar coa xente, que se vaia para a casa pensando que está ben apertar a tristeza ou transitar por espazos dentro de nós que non nos gustan. Igual non son as mensaxes que máis se repiten por aí e igual por iso son as máis necesarias.