"Somos memoria e esquecemento"

O diplomático e exconselleiro de Cultura Roberto Varela publica o seu primeiro libro, O tempo que vivimos, con Chan da Pólvora  O volume, que inclúe textos de Luisa Castro, Antón Reixa e Ion de la Riva, recompila dunha serie de fotografías

"Este non é un libro para ler", di Roberto Varela (Dena, Meaño, 1959) ao outro lado do teléfono, dende a embaixada de España en París, onde actualmente traballa como conselleiro cultural. "Non é un libro para ler porque, aínda que hai textos, poucos pero hainos, é esencialmente un volume de fotografías de carácter poético. Ou máis ben: un libro de poesía en imaxes". O selo Chan da Pólvora (nunha coedición para a Colección Onsa) vén de publicar O tempo que vivimos, o debut literario dun diplomático (éo dende 1989) que pasou polas embaixadas españolas de Alemaña, Kuwait, Uruguai e actualmente Francia, ademais de polo consulado de Nova York, e dun exconselleiro de Cultura (foino entre 2009 e 2012, no que foi o primeiro Goberno presidido por Alberto Núñez Feijóo). O volume recompila unha serie de fotografías tomadas ao longo de toda a súa vida en diferentes partes do mundo.

"Evidentemente este é un libro que fala de min e, polo tanto, ten algo de autobiográfico, pero non é unha narración lineal de cousas que me foron pasando. O que propoño é unha exploración poética sobre o mundo da memoria e o transcorrer da vida, o que sucedeu e o que pensamos que sucedeu. A nosa vida é todo o que lembramos máis aquilo todo que esquecemos. Somos memoria e esquecemento. A suma das dúas cousas. Os lugares nos que estivemos, as persoas que coñecemos, as experiencias que vivimos mestúranse nesa nube que é a memoria. Algunhas cousas sálvanse e outras pérdense nunha especie de naufraxio. Se o libro ten unha temática principal, é esta", explica o autor, que di incluir neste traballo imaxes que o impactaron dende que era neno. "A miña introdución empeza precisamente aí, sendo eu pequeniño, na praia de Seixiños, na ría de Dena, observando unhas pedras de cor vermella. Tempo despois souben que non eran tales pedras, senón restos das telleiras que acababan alí. Ese mesmo vermello volvino atopar moitos anos máis tarde: cando caía o sol en Brooklyn".

Unha das imaxes incluídas no libro de Roberto Varela, que vén de publicar a editorial Chan da Pólvora. ROBERTO VARELACÍRCULO. A existencia concibida como un círculo é o outro pilar sobre o que Roberto Varela construíu este traballo, no que puido darlle renda solta á súa paixón pola fotografía. "Este é un libro de imaxes e non unha novela ou un ensaio, porque eu non son escritor, son fotógrafo; é o que máis me gusta facer, na miña próxima vida adicareime só a facer fotos". A obra levaba tempo dándolle voltas na cabeza e finalmente conseguiu concretarse durante o confinamento.

O autor recoñece que unha certa nostalxia marca do paso das páxinas de O tempo que vivimos, no que contou con pequenas colaboracións de amigos persoais como os escritores Luisa Castro e Antón Reixa, e doutro diplomático coma el, Ion de la Riva. Os seus textos completan o volume. "Finalmente a nostalxia é o sentimento que mellor resume todos os demais: a morriña, a felicidade, a perda, a dor...", explica. "Quizais tamén teña que ver con que este foi un libro realizado durante a pandemia. Probablemente acabou contaminándose desa tristeza que o impregnou todo". E coincidiu, a maiores, co falecemento da súa nai, Consuelo Fariña Lojo, á que está adicada a obra.

Outros dous nomes propios fundamentais na concepción deste traballo son os do editor Antón Lopo, "no que confiei totalmente para realizar a selección final das fotos", e o do deseñador Manuel Martínez. Ambos foron claves para acadar un obxectivo de Varela: fuxir de que o seu libro fose un catálogo de postais de sitios bonitos polos que foi pasando ao longo da súa vida. "Son recordos. Visións. En moitos casos nin sequera se recoñecen os distintos espazos. Nin está apuntado cales son. Queríao así. Forma parte do misterio que envolve as imaxes e o conxunto da obra".

As instantáneas tomadas en Dena, Nova York, Montevideo... ocupan as páxinas de O tempo que vivimos e remiten ás distintas etapas profesionais e persoais de Roberto Varela. Non incluíu fotografías tomadas na súa etapa de conselleiro de Cultura. "Non estou seguro, pero penso que non. Aqueles días non tiña tempo nin para facer fotos. Como non tirara algunha dende o coche...". Pero di que non se trata de que queira esquecer esa etapa, na que tivo que enfrontar distintas controversias. "Non, claro que non. Para min foi vital aquel periodo. Moi moi importante. Non vou negar que foi unha etapa dura, difícil. Porque non é sinxelo ocupar un cargo político e exercelo sen pertencer a ningún partido. Foi duro, si. Pero o valor daquela experiencia é incalculable para min. É unha moi boa cousa ser exconselleiro. Para min é un orgullo. Ao final, esquécense as cousas malas e quédase co bo. Entre outras cousas, grazas a que alguén me chamou un día para formar parte do Goberno galego volvín ao meu país".

Di o autor que a vida se compón de pequenos instantes. Ese no que o cativo que era en Dena soñaba con moverse e viaxar. Ese que, 50 anos despois, é consciente de que o conseguiu. "A magdalena de Proust", sentenza. O libro tamén deixa constancia diso. "Si, da mesma maneira que deixa constancia, tal e como escribo na introdución, de que, en realidade, nunca me fun da praia de Seixiños".

Comentarios