"Son as autoras mulleres as que están á vangarda da poesía galega"

O festival Pontepoética reúne autores en sete idiomas no Teatro Principal de Pontevedra

Yolanda Castaño, Aurélia Lassaque, Elías Portela, Filipa Leal, Keith Payne, Míriam Ferradáns e María Xosé Queizán, no Principal. RAFA FARIÑA
photo_camera Yolanda Castaño, Aurélia Lassaque, Elías Portela, Filipa Leal, Keith Payne, Míriam Ferradáns e María Xosé Queizán, no Principal. RAFA FARIÑA

Galego, castelán, portugués, catalán, euskera, inglés e occitano. Son os idiomas que, ao longo da fin de semana, se escoitarán no Teatro Principal de Pontevedra dentro do festival de poesía Pontepoética. O evento, organizado polo Ateneo e polo Concello e coordinado por Yolanda Castaño, quedou inaugurado este venres cun recital a cargo de Elías Portela, Filipa Leal, María Xosé Queizán e Manuel Rivas. Este último imparte un obradoiro aberto ao público.

"Un festival coma este é sempre positivo. Está ben porque permite coñecerse, pero tamén dende o punto de vista lingüístico e poético, para comprobar como son as poesías noutras linguas", explica María Xosé Queizán.

A autora galega serviulle a Castaño, o día da presentación do festival, para falar de como na oitava edición do festival ía ter un especial protagonismo a poesía que se achegaba ao feminismo e á temática lésbica. "Paréceme ben. Yolanda sabe ben o que di. Pero a que son feminista son eu. Non a miña literatura, que pode selo ou non", aclara Queizán. "Non rexeito que son feminista. Milito no feminismo. Pero on creo que sexa ningún xénero literario".

Keith Payne: "O próximo paso na poesía galega debería ser o da ruptura coa normalización: facer como en Irlanda, que rompemos e estiramos o idioma"

En canto ao momento que vive a poesía galega, a autora pensa que é moi destacado. "Se o enfocamos dende o punto de vista da cantidade de poesía que se fai, do entusiasmo que existe polo xénero e da cantidade de recitais que se realizan, vivimos un momento extraordinario".

ROSALÍA DE CASTRO. "Son as autoras mulleres ás que están á vangarda da poesía galega", sinala pola súa banda o irlandés Keith Payne, que participaba este venres na segunda quenda de recitado xunto a Míriam Ferradáns e Aurélia Lassaque. "É así dende sempre. Porque se en case todas as literaturas do mundo se fala do pai das súas letras, dende Shakespeare ou Goethe, aquí tedes unha nai, que é Rosalía".

Para Payne, tradutor ao inglés de Xosé María Álvarez Cáccamo, Yolanda Castaño, María do Cebreiro, Estevo Creus, Chus Pato e Daniel Salgado ("Six Galician Poets"), a literatura galega debería agora dar un paso máis e rachar coa norma para investigar máis profundamente no idioma. "O máis interesante na poesía galega sería ver se se produce agora unha ruptura coa normalización. En Irlanda non existe ese respecto sagrado polo idioma e pola norma. Quizais porque non é algo noso, é unha lingua imposta. Así que o rompemos, o estiramos... Sería interesante que pasase algo semellante co galego". E aquí menciona a Luz Pichel e o seu poemario Co co co u, próximo ao que el comenta e que vén de traducir ao inglés.

Respecto a Pontepoética, o autor pensa que é un festival interesante. "Encántame. Levo vindo tres anos. Para min é unha grande honra. Esta mestura é boísima".

Comentarios