O Son do Camiño esgota en minutos as entradas da xornada do sábado da súa II edición

As entradas por día saíron á venda ás sobre as 12.00 horas

Público en 'O son do Camiño'. ÓSCAR CORRAL (EFE)
photo_camera Público en 'O son do Camiño'. ÓSCAR CORRAL (EFE)

A II edición do festival 'O Son do Camiño' segue batendo 'records', esgotando en cuestión de minutos as entradas para os concertos da xornada do sábado. 

As entradas por día (un número limitado delas) saíron á venda ás sobre as 12.00 horas, que unicamente se poderían adquirir a través de 'osondocamino.es' e 'Eventbrite' a un prezo único de 49 euros, ademais de gastos de xestión. 

A resposta dos afeccionados foi inmediata, dado que en cuestión de minutos xa non se podían adquirir entradas para a xornada do sábado. De feito, a propia organización emitiu un comunicado destacando o "alto" ritmo de venda, e que tampouco quedan moitos tickets para o resto de días, en concreto o venres 14 e o xoves 13 de xuño. 

"Grazas pola vosa confianza! As entradas do sábado 15 de xuño xa están completamente esgotadas. Tampouco quedan moitas para o venres 14 e as do xoves 13 vanse vendendo a un ritmo moi alto. Se queredes vir á nosa nova edición, é a vosa última oportunidade! Vémonos en Santiago", destacaron a través da súa conta oficial de Facebook. 

O festival arrincará o xoves 13 de xuño con Die Antwoord, Bastille, Richard Ashcroft, Dimitri Veigas & Like Mike, Beret, Royal Republic, Graveyard, Second, The Zombie Kids, Kitai, Molina Molina e Alice Wonder. 

O venres será a quenda de Black Eyed Peas, Rosalía, Bloc Party (performing 'Silent Alarm'), W&W, Iván Ferreiro, Varry Brava, Elyella, Shinova, Marem Ladson, Hard GZ, Cariño e Igloo. 

O sábado, pola súa banda, tocarán Iggy Pop, David Guetta, Vetusta Morla, The Hives, Ayax e Prok, Bad Gyal, Full, Familia Caamagno, Baiuca, Mordem, Ortiga e Eme DJ. 

Comentarios