viernes. 20.05.2022 |
El tiempo
viernes. 20.05.2022
El tiempo

"Son neofalante e dígoo con moito orgullo"

A tradutora viguesa María Alonso Seisdedos. CEDIDA
María Alonso Seisdedos (Vigo, 1961) nunha foto da súa autoría. DP
María Alonso Seisdedos vén de publicar a tradución de Dublineses con Galaxia. Xa enfrontara a Joyce no Ulises. Tamén ten textos recentes con Kalandraka e Libros del K.O. E fixo falar galego a Harry Potter

Tradutora vocacional? 

Antivocacional máis ben. O que non quería era ser profesora. Atraíame calquera cousa que tivese que ver co mundo editorial.  Iso era o que eu quería de verdade. Aínda que despois empecei na tradución audiovisual por casualidade. Vin un anuncio que apareceu na prensa buscando tradutores para dobraxe cando empezaba a funcionar a Televisión de Galicia.

Entre outras cousas, foi a muller que fixo falar galego a Harry Potter na televisión.

Por exemplo. 

É moi difícil ser tradutora profesional de literatura en Galicia? Hai poucos.

O que é complicado é vivir disto. É moi bonito dicir que somos profesionais, pero para poder selo hai que pagar en condicións. Eu efectivamente debo ser unha das poucas que se dedican exclusivamente a isto. Os máis son profesores ou tradutores profesionais que, de cando en vez, fan unha tradución literaria.

Un punto feble do sistema literario galego. 

Hai que entender a situación. Se a xente le pouco en galego é normal que pasen estas cousas. Pero tampouco vaias pensar que está moito mellor a tradución ao castelán. Eu tamén as fago e xa che digo que non. Págase un pouco máis, pero tampouco moito máis. O panorama non é moito mellor. Os editores galegos fan un esforzo moi grande. 

Fun ao Colegio Alemán de Vigo. Sempre digo que aprendín antes a falar alemán e inglés que galego, que foi unha lingua que coñecín moito máis tarde.

Non está suficientemente recoñecido, en xeral, o papel do tradutor?

Vaise recoñecendo cada vez máis, pero aínda hai editoriais galegas, por exemplo, que non poñen o nome do tradutor na capa. As súas razóns terán. Precisamente editoriais dedicadas exclusivamente á tradución. É cando menos curioso. Segue habendo moitas recensións de libros onde non se menciona o tradutor. Mesmo chegando a dicir "que prosa tan bonita ten tal ou cal autor". Perdoa, esa prosa non é a do autor orixinal, é a do tradutor. Nós tratamos de imitar o estilo, por suposto. Pero a prosa que estás lendo é a do tradutor. A realidade é que non sabes como escribe o escritor. 

Cantos idiomas coñece?

Ningún! (ri).

Na entrada que lle dedica a Galipedia menciónanse oito.

A ver, coñezo ben as linguas de chegada coas que traballo que son o galego e o castelán. Os demais enténdoos. Empecei cos idiomas dende pequena, estudando alemán no Colegio Alemán de Vigo. E unha cousa levou a outra. Foi unha cadea. Sempre digo que aprendín antes a falar alemán e inglés que galego, que coñecín moito máis tarde. Eu son neofalante e dígoo con moito orgullo.

Traducir non é só coller as palabras e cambialas de idioma. Se o libro che fala dunha mina, tes que baixar á mina.

Xa enfrontara hai dez anos a tradución ao galego de James Joyce co Ulises. E agora vén de repetir con Dublineses (Galaxia, 2022). É vostede unha valente.

O que son é unha inconsciente. E gústame moito o meu traballo. Se teño oco para meter calquera cousa que me ofrezan, aí vou. Co Ulises xa non foi só inconsciencia, foi temeridade. E iso que eramos tres e catro traballando [a tradución correu a cargo da propia María Alonso Seisdedos, Eva Almazán, Xavier Queipo e Antón Vialle]. O que máis medo me dá é que, se me chegan a dicir de traducir o Ulises eu soa, tamén diría que si. Porque sei como son. Cando o penso agora! Contando con tres colegas detrás, que xa levaban tempo no libro, case toleo, imaxina.

Dublineses foi máis sinxelo?

Dublineses foi tan complicado como calquera outro libro pode selo. Cada título ten a súa dificultade. Dublineses é complicado, pero tamén é un libro que ten moita documentación detrás. Ás veces é máis complicado traducir unha novidade da que non hai ningunha información. Porque traducir non é só coller as palabras e cambialas de idioma. Se o libro che fala dunha mina, tes que baixar á mina. Tes que saber de que estás falando. Non se trata de ir frase a frase.

Tamén é súa a tradución de Despois do diario de Anne Frank (Kalandraka, 2022)

Miña e de Antón Vialle. Traballar con Antón é sempre unha garantía porque el é intérprete. Sempre vai ao esencial. O meu sería logo poñer o texto bonito para que se lea, pero el, como intérprete, o que quere é que se entenda. Explica moi ben as cousas, pon notas, se tes dúbidas axuda a esclarecelas... Fai o traballo máis doado. Dende logo, moito máis que cando enfrontas o texto soa. Se me preguntas polas emocións que esperta a tradución dun libro coma este, ese é outro tema. Pero tamén che digo que eu cando traduzo traduzo. Estou coa lingua. Porque a min o que me gusta é traducir, aínda que o libro non me interese nin o máis mínimo. Son niveis diferentes o de lectora e o de tradutora.

Eu cando traduzo traduzo. Estou coa lingua. Porque a min o que me gusta é traducir, aínda que o libro non me interese nin o máis mínimo. Son niveis diferentes o de lectora e o de tradutora.

Un título máis, este en castelán, tamén recentísimo: Retrato underground (Libros del K.O., 2022).

Xa é o terceiro libro no que traballo para Libros del K.O. e este foi especialmente interesante. Eu non traducira nada de Lucy Sante e, cando xa estaba coa revisión deste, avisáronme da editorial de que o autor, e digo ben, en masculino, estaba nun proceso de transición de xénero. Isto descolocoume totalmente. Eu, no que podo, métome na pel do autor e traducira todo o tempo na pel dun home. De repente era unha muller. E tiven que facer unha revisión completa de todo o traballo que case me custou máis que a tradución do libro, que xa me custara moitísimo de por si polo moito que sabe, pola cantidade de temas que trata e pola prosa que utiliza. Foi un proceso moi complicado o deste libro. Incluíndo consultas coa propia autora.

Entre as traducións que ten feito ten algunha favorita?

Traducir do portugués ao galego non me gusta. Paréceme moi difícil. Canto máis se parecen as linguas, máis medo tes de calcar. Prefiro traducir do portugués ao castelán. O primeiro título que traducín para Libros del K.O. foi precisamente un portugués: Ahora y en la hora de nuestra muerte, de Susana Moreira. É unha preciosidade de libro. Pero coa vertixe na que caeu o mundo editorial pasou algo desapercibido. É unha pena. Esta velocidade ao tradutores non nos vén mal, pero penso que non é boa. Non dá tempo a dixerir todo o que se publica. Os libros están 15 días nas mesas e desaparecen. Van para os andeis e alí fican perdidos, cando non van de volta para a editorial e á incineradora. Outro que traducín do portugués ao castelán, este a proposta miña, foi El espíritu de las vacas, de Abel Neves, que é principalmente dramaturgo. Saíu con De Conatus. Calquera galego podería lelo en portugués, se o desexa. Outra delicia. E en galego acaba de saír con Galaxia Bambi, de Felix Salten. Xa fixera unha tradución ao castelán, pero esta ao galego foi moi especial. Ademais coas ilustracións de Begoña G. Arce quedou lindísimo. É un libro que colles e pesa. Está moi coidado. Disney fíxolle moito mal a esta historia. A historia de Salten non ten nada que ver coa película de debuxos animados. Para empezar é unha obra para adultos, non para nenos. Hai que aprender a achegarse a Bambi con outros ollos.

"Son neofalante e dígoo con moito orgullo"
Comentarios