Sonia Méndez, actriz e realizadora

"Algo como os Mestre Mateo é bonito que suceda"

Naceu en Vigo. "Pero son medio pontevedresa. De San Antoniño. E estudei no Sánchez Cantón". Este ano dirixirá os Mestre Mateo

Sonia Méndez (Vigo, 1980) nunha foto facilitada pola Academia
photo_camera Sonia Méndez (Vigo, 1980) nunha foto facilitada pola Academia

Vai ser a directora da gala de entrega dos Mestre Mateo, os premios da Academia Galega do Audiovisual. Dígame a verdade: isto é un marrón?
É un reto. Aínda que en principio pareza máis un marronazo, para min é un reto. Entre outras cousas porque é a primeira vez que vou dirixir unha gala, un espectáculo que se emite en directo.

Ten algunha idea clara sobre como quere que sexa? Sempre se di iso de que estas galas son longas e aburridas.
Por definición, as galas sempre son longas e aburridas porque hai que entregar un montón de premios e cada un deles é recollido por unha ou varias persoas que o queren agradecer. Ti podes pensar que tes controlados os tempos e que vai saír algo moi divertido ou moi diferente, pero esa outra parte, que é a que ten máis peso ao final, sempre vai estar aí. Sen soberbia ningunha, eu quero facer unha gala moi entretida, pero son consciente do que hai.

E non pode avanzar algunha cousiña de como será?
Podo dicir que imos apostar por contar unha historia. E que será máis transmedia, que os espectadores terán protagonismo e que mesmo poderán saír outras cousas de aquí. Xa está. Non podo avanzar nada máis.

"O Carballo Interplay vive un momentazo. Que este festival suceda aquí, neste recuncho do mundo, é unha pasada"

Ten algún favorito para os premios? Ou está contenta por algunha candidatura en particular?
Estou contenta por un montón de xente. Por non dicir que polo cen por cen, porque coñezo a moitísimos candidatos. Estou contenta por Xacio Baño, por Dani de la Torre, por Serramoura, que a serie na que estou traballando... Non teño ningún favorito. Voume alegrar por todos igual. Home, hai un par de webseries que saíron do festival Carballo Interplay, o evento que dirixo dende hai seis anos, Dinosaurio e Hai vida en Bran?, que me fai especial ilusión que estean aí, porque demostran que estamos xerando contidos. Pero é que hai tantos compañeiros candidatos! Actores, actrices, directores de fotografía, encántame que estea aí Lucía Catoira [polo traballo en Trote] por suposto... E moita máis xente. O bonito dos Mestres Mateo realmente é iso, que nos poidamos xuntar a pasar un día en familia.

Conseguiron iso os Mestre Mateo: converterse na gran festa do audiovisual galego?
Non teño moi clara esta resposta. Penso que a xente do sector somos familia cando traballamos e que o día dos Mestre Mateo facemos unha festa para premiarnos, pero sinceramente non creo que estar aí faga que sexas mellor ou peor. Penso que hai compañeiros con traballos boísimos que quedan fóra dos Mestre Mateo. Non estou segura de se estes premios conseguen visibilizar máis o audiovisual galego. Temos moito por facer aínda sobre isto. Pero tamén teño claro que algo como os Mestre Mateo é bonito que suceda.

Xa dixo que unha das candidatas a levar o premio á mellor serie é Serramoura, na que vostede participa. Se non me quixo avanzar case nada da gala, menos me vai querer dicir que vai pasar con Patri, o seu personaxe.
Pois, mira, xa lle pasou algo co que ninguén contaba: que aparecera seu pai e que fora quen é. O domingo [polo pasado día 10 de febreiro] chega o pai de Patri e ninguén podería ter imaxinado que tivese un pai así. Aí vai haber bastante comedia.

Estando nesta serie na que está, non ten medo de que lle maten o personaxe en calquera momento? Creo que xa andivo preto.
Si, Serramoura é así. Cando che chega o guión e ves que segues vivo é un alivio. Pero, a verdade é que eu estou súper feliz con este personaxe. Entre outras cousas, porque é iso, un personaxe. A xente non me recoñece como Patri. Apostei moito por isto, por caracterizala, porque ademais é algo que me gusta. Así que longa a vida a Serramoura e longa a vida a Patri.

A facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra ten un grande vínculo co festival que dirixe, o Carballo Interplay. Como se lle ocorreu crear un evento como este, adicado ás webseries?
O festival naceu fai seis anos por unha casualidade magnífica e marabillosa co Concello de Carballo e, en concreto, co concelleiro de Promoción Económica e Turismo que é Xosé Regueira. Cando el me propuxo facer un festival audiovisual en Carballo, eu xa levaba tempo pensando en montar o primeiro do Estado adicado ás webseries. Porque non existía nada que nos permitise facer unha posta en común. Fomos visionarias e tivemos a sorte de que nos deixaran selo. Hoxe, sinceramente, creo que estamos nun momentazo. É un dos festivais máis prestixiosos do seu ámbito: está implantado, coñéceo todo o mundo, vén moita xente de fóra, está moi ben considerado... É que no Interplay levamos anos falando do que agora fala todo o mundo: visualización en distintas pantallas, contidos transmedia... Que todo isto estea pasando aquí, neste recuncho do mundo, é unha pasada.

E o 7 de marzo estrea en Playz, a plataforma dixital para mozos de RTVE, precisamente unha webserie, Antes de perder, que se anuncia como unha "road movie feminista".
É a primeira serie para Playz que se rodou en Galicia. Está producida por Nati Juncal e dirixida por min. Rodámola o pasado verán. Persoalmente non penses que me gustan moito as etiquetas. É verdade que o de "road movie feminista" a pode definir, pero tamén o é que deixa fóra moitas cousas importantes. Se dis isto, parece que xa dirixes a ollada do espectador. É mellor que a vexan!

Comentarios