Gago: "É un soño ir á Berlinale, pero máis aínda dar voz a Francisca"

O cineasta vigués Álvaro Gago estreará en Berlín a súa ópera prima 'Matria'. Rodará o seu segundo filme en San Cibrao
Álvaro Gago. EP
photo_camera Álvaro Gago. EP

Cando Álvaro Gago (Vigo, 1986) estudaba Audiovisual en Pontevedra e foi a Berlín ao seu primeiro festival de cine, non podía imaxinar que anos despois el sería un deses directores que tanto o fixeron soñar eses dez días que durou a Berlinale. Recoñece que estrear a súa primeira longametraxe nesa prestixiosa cita e "un soño" pero máis aínda "darlle voz a unha heroína real, desas persoas que dan luz aló por onde pasan".

E é que Matria, que terá a súa estrea mundial en Berlín en febreiro -xunto a Sica de Carla Subirana, rodada na Costa da Morte- está inspirada na vida de Francisca Iglesias, a persoa que coidou do avó do cineasta durante os derradeiros anos da súa vida. "Ela entrou na nosa casa coma un ciclón, trouxo enerxía e unha luz que actuou coma un imán para nós. Por iso fun escarbando na súa vida, descubrindo á increíble persoa que hai detrás dunha muller cunha vida complicada á que nunca se lle permitiu mostrarse como é", di Gago, que se emociona ao describir a unha muller á que lle une unha gran amizade. "Unha muller inspiradora, que nunca viu recoñecido o seu gran talento".

Francisca cobra vida na gran pantalla como Ramona, interpretada pola actriz María Vázquez "que se empapou da historia cunha gran xenerosidade", recalca Gago, quen resalta o importante que é levar temas así ao cine: "Precisamos que persoas coma Francisca dean un paso á fronte e nos fagan reflexionar".

María Vázquez, nunha escena de 'Matria'. EP
María Vázquez, nunha escena de 'Matria'. EP

O filme parte da curta homónima que levou ao director a recibir recoñecementos en Sundance ou a ser finalista ao Goya. Deste xeito, Gago concibe a película como unha extensión dese primeiro proxecto para profundizar máis no personaxe. "Sentía que non podía deixar a curta onde quedou. Tiña que darlle máis empaque ao personaxe, tirando do carácter de Francisca, que emprega a retranca para sobrevivir no día a día". Para a protagonista, ver a súa historia na gran pantalla foi emotivo. "Gustoulle moito verse, sentiuse orgullosa de facerse visible cun punto de "por fin alguén que me escoita", sinala o director.

Rodada na comarca do Salnés e na provincia de Pontevedra, a estrea de Matria nos cines chegará o 24 de marzo, unha data que Gago agarda con emoción e, por suposto, "moitos nervios", di un cineasta que mamou o mundo artístico desde neno grazas a seu pai, músico, pero que se achegou ao cine desde a curiosidade.

"Na carreira vin que había algo que enganchaba á xente cinéfila e eu quería descubrir que era iso que os volvía tolos". Un intercambio universitario en Chicago e os seus primeiros pasos dirixindo pequenas obras teatrais fixeron que se namorara do oficio. "O final fun eu o que tamén quedei prendado deste mundo. O cine é aditivo, é algo que non se pode explicar".

Precisamente Gago xa traballa no seu segundo filme, máis emotivo se cabe, pois estará rodado "integramente" en San Cibrao, de onde era súa nai e onde pasou toda a infancia. "Alí teño os mellores recordos da miña vida, tiña que facerlle unha homenaxe á miña xente e ao meu pobo porque é o meu lugar favorito no mundo, a onde volvo sempre".

Porto Alegre levará por título esta cinta en honor á popular cantiga sancibrense que aínda hoxe se entoa a pleno pulmón na Maruxaina.

Comentarios