'Suburban Birds', de Qiu Sheng, gaña Novos Cinemas

'Trinta lumes’, da redondelana Diana Toucedo, faise co Premio do Público

Premiados en Novos Cinemas. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Premiados en Novos Cinemas. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Xurado Internacional da terceira edición de Novos Cinemas, formado por Paula Astorga, Manolo González e Eloy Domínguez Serén, decidiu outorgar o Premio Novos Cinemas á mellor longametraxe da Sección Oficial á película chinesa Suburban birds, de Qiu Sheng, por ser "unha exploración audaz e luminosa, que retrata de xeito fascinante a transformación social, cultural e identitaria dunha sociedade a través da súa transfiguración urbanística".

Trátase dun filme sobre a modulación como proceso de busca do eu, o desencanto e o afundimento dun país dende os seus propios cimentos, segundo deixou entrever o xurado tralo visionado das películas a concurso e a posterior deliberación. É, subliñou, "un magnífico exercicio de dirección, unha película emotiva, intelixente e agridoce na que os devezos de infancia colapsan nun presente incerto".

A gala que presentou a actriz Iolanda Muiños e que se celebrou este domingo no Teatro Principal, incluíu a entrega doutros catro galardóns.

O xurado internacional tamén decidiu outorgar unha mención especial a Un violento desexo de ledicia, de Clément Schneider, "unha oda á liberdade e unha lúcida reflexión do pasado dende o presente, un exercicio cinemato-gráfico sobre o e maduro, brillante, dunha contemporaneidade prodixiosa".

O Xurado Novo, formado por Ricardo Araújo Gil, Amy Margaret Egan, Pedro Ignacio Ferrari, Ángela Hernández González e Noemí Parga Iglesias, acordou conceder, o seu premio á mellor dirección da Sección Oficial a Sophia Antipolis, por Virgil Vernier, "por desmitificar la sociedad contemporánea a través dun estilo ácedo e elegante e por evidenciar a nosa violencia individual e colectiva de forma sorprendente".

LATEXOS. O Xurado de Latexos, formado por Violeta Kovacsics, José Manuel López e Ramon Rey, decidiu outorgar o Premio Especial NUMAX Sección Latexos a Young & Beautiful, de Marina Lameiro, "polo seu retrato da intimidade, cuxas imaxes de extraordinaria inmediatez logran capturar, dende a suxerencia e o fóra de campo, o baleiro da situación social e a estupefacción á que se enfronta unha xeración".

Finalmente, o Premio do Público, que conceden os asistentes aofestival, recaeu en Trinta lumes, da redondelana  Diana Toucedo, que presentou en Pontevedra esta película que xa pasara con éxito por festivales da talla da Berlinale (Berlín, Alemaña), Málaga, San Sebastián, Tolouse (Francia) ou Tarragona. Toucedo situou a súa primeira longametraxe no Courel, onde a natureza está moi presente nas vidas dos protagonistas.

Novos Cinemas chegou este domingo ao seu fin cunha xornada repleta e proxeccións no Principal. Pola mañá foi a quenda do filme infantil El malvado zorro feroz, de Benjamin Renner y Patrick Imbert, e da longametraxe Nocturno: Pantasmas de mar en porto, de Álvaro Fernández Pulpeiro. Á noite, trala entrega dos premios, tivo lugar a proxección de Hamada, a última película de Eloy Domínguez.

Comentarios