O superheroe que Pontevedra necesitaba

Adrián Morgade recupera o personaxe de Xinfu nun segundo volume das súas aventuras, publicado por Xerais e cheo de chiscadelas a Pontevedra ▶ A Ponte da Barca, a fábrica de Ence ou a Praza da Liberdade son algúns dos espazos que o debuxante destrúe nas súas páxinas ▶ O 1 de xuño presenta o volume na Librería Baroja
Viñeta da Ponte da Barca na que tamén aparece retratado Wladimir Dragossán. © ADRiÁN MORGADE| XERAIS
photo_camera Viñeta da Ponte da Barca na que tamén aparece retratado Wladimir Dragossán. ADRIÁN MORGADE| XERAIS

"Xinfu?! Preciso axuda de superheroes!". O debuxante Adrián Morgade (Pontevedra, 1990) recupera o personaxe de Xinfu, que dera a coñecer en 2017 con Xinfu na maldición de guauchuky, nun volume que acaba de publicar a editorial Xerais, dentro da colección Merlín Comics, e que está cheo de chiscadelas a Pontevedra. Este cadeliño, inspirado na mascota real da súa nai, convértese de novo no Batman de Pontevedra. "Efectivamente", concede o autor, que ao final da historia xa anuncia unha terceira parte. "Se todo sae ben, a idea é que o personaxe continúe vivindo aventuras. Como os grandes superheroes de Marvel".

A Librería Baroja acollerá o mércores 1 de xuño (19.30 horas, entrada libre) a presentación de Xinfu. Muxel Attacks, na que Morgade amplía o seu espectro lector. "Se o primeiro volume estaba claramente dirixido ao público infantil, neste caso aprézase ben que a historia xa pode chegar a un abano máis amplo de idade, non só á cativada".

O debuxante pontevedrés Adrián Morgade co seu cómic. RAFA FARIÑA
O debuxante pontevedrés Adrián Morgade co seu cómic. RAFA FARIÑA

Aquí, os dous cadeliños protagonistas da primeira historia, Xinfu e Wini, "que son máis que nunca Batman e Robin", están acompañados por outros amigos. Aparece en escena o coelliño Chimpi, que protagoniza o seu propio mini spin-off, a modo de epílogo, "como esas escenas post-créditos das películas", e o lagarto Guekko. "Guekko é un personaxe importante porque necesitaba que alguén representase o mundo científico. Ocorréuseme que podía ser un lagarto verde, destes pequenos que andan por aí, un día que vin ao can xogando con un. E chameille precisamente como se chaman realmente estes réptiles, guekkos".

Se no primeiro volume protagonizado por Xinfu, Adrián Morgade xa introducía referencias á súa casa, nesta segunda parte decidiu ambientar a historia directamente en Pontevedra. "Case se podía ter titulado Xinfu vs. Ence", bromea. "Porque aínda que non uso ningún nome real, de feito Pontevedra é simplemente unha ‘pequena cidade’, é evidente que todo o que se ve son espazos que existen, tomados da realidade, e que debuxei a man a lapis, pasei a tinta e despois coloreei. Nada de calcar fotos. Quería que realmente aparecese Pontevedra, que todo o mundo a recoñecese". Por iso acompaña o inicio do cómic cunha advertencia: "Toda similitude coa realidade é pura coincidencia. Os sucesos que se narran nesta historia son pura ficción e non tiveron lugar... polo de agora".

Todo o que se ve son espazos que existen. Quería que aparecese realmente Pontevedra, que todo o mundo a recoñecese.

Porque Adrián Morgade fantasea coa destrución de lugares emblemáticos como a Ponte da Barca ou a Praza da Liberdade. E inclúe na historia unha chea de lugares ligados á súa vida. "Por exemplo, o restaurante chino que aparece, onde faciamos as ceas dos colegas, tiña que estar". Ademais permitíalle facer explícita a súa querencia polo manga, unha influencia que el recoñece. "O do manga era algo que xa me dicían moito cando presentei o primeiro cómic. Así que agora xa queda totalmente claro o meu interese polo asiático". Non só polo manga. "Non, tamén polo seu cine de acción e o xénero que se chama Wuxia. Dinlle ese aire". 

A fábrica saltando polos aires no cómic © ADRIÁN MORGADE| XERAIS
A fábrica do cómic © ADRIÁN MORGADE| XERAIS

Mención á parte ten outro dos espazos centrais da historia: unha fábrica que vén a ser un trasunto de Ence. "A idea duns monstros do río Lérez que xurden a partir da contaminación da ría é algo ao que lle veño dando voltas dende hai moitos anos. De feito, xa falaba disto cun colega do Bacharelato Artístico cando estabamos no instituto. Tiñamos mesmo a idea de facer un cómic sobre todo isto". 

Daquela Morgade tiña 15 anos. Agardou a ter máis de 30 para volver a aquela idea. "Porque agora teño a Xinfu. Tiña que ser el o protagonista desta aventura". Unha aventura na que a fábrica verte á ría un composto denominado A.C. (Altamente Cheirento) que provoca mutacións nos peixes e os converte en monstros. Unha aventura na que, ademais, a fábrica acaba saltando polos aires. "Todo é pura fantasía, unha sátira. Ademais, acaba destruída por accidente. Non é que os heroes a destrúan. Eles representan a xustiza, nunca farían iso a propósito", explica o autor. "Outra cousa é que eu, como cidadán pontevedrés, teña a miña opinión sobre Ence e sobre o que representa para cidade, que leva aguantando toda a vida o acoso desta empresa e, entre outras cousas, o seu cheiro".

A maiores, Morgade retrata a varios personaxes reais no cómic. Hai cameos da súa nai, do seu irmán, de Wladimir Dragossán ("que quería homenaxear así, impertérrito, sen modificar o seu paso e o seu porte habitual, así caian bombas rusas"), Javier Domínguez (que foi o primeiro batería de Los Suaves e co que Morgade colaborou cando publicou a biografía do grupo), o libreiro Fernando Iglesias (Librería Baroja)... "E máis. Que a xente estea atenta cando o lea, que igual recoñece a alguén".
 

Comentarios