As 'Superheroínas' do galego

A RAG e a USC estrean para a segunda edición de Novas voces para a lingua, unha serie na que sete mulleres recoñecidas nas súas profesións fomentan o uso diario do idioma
O presidente da RAG, Víctor Freixanes, cos membros da nova serie e os profesores de Ciencias da Comunicacion da USC. DP
photo_camera O presidente da RAG, Víctor Freixanes, cos membros da nova serie e os profesores de Ciencias da Comunicacion da USC. DP

"O futuro é galego, e o futuro é en feminino", conclúe a cociñeira Lucía Freitas en Superheroínas. A afirmación podería ser o lema da segunda serie que a Real Academia Galega e a Universidade de Santiago de Compostela presentaron onte na Facultade de Ciencias da Comunicación. A produción audiovisual realizouse no marco do proxecto Novas voces para a lingua, impulsado por ambas as institucións para visibilizar e promover o uso cotián do galego entre a mocidade dándolles voz a novos creadores e creadoras. Nesta segunda tempada as protagonistas son a poeta Alba Cid, a cantante Andrea Pousa, a creadora de videoxogos Laksmy Irigoyen, a xornalista Esther Estévez, a instagramer Paula Jorge Horta, a fotógrafa Antía Castro e a propia Lucía Freitas, nunha proposta de pezas breves dirixida por José Manuel Diego Ferreira, alumno de 4º de Xornalismo no momento en que se levou a cabo como parte do seu traballo fin de grao (TFG).

"Este acordo entre a Real Academia Galega e a Facultade de Ciencias da Comunicación da USC nace coa intención de darlles voz aos novos creadores e creadoras que, no ámbito da comunicación e do audiovisual, queren amosar o seu compromiso coa lingua galega", lembrou durante a presentación o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes. "Escollemos alumnos e alumnas que se gradúan na facultade con TFG. Nesta segunda entrega, eliximos sete producións breves de José Manuel Diego porque reflicten unha nova realidade: mulleres novas que dende distintas actividades e coñecementos se manifestan abertamente a prol da práctica do idioma galego, algo que define con esperanza un horizonte novo", xustificou.

A serie dá voz a sete mulleres recoñecidas en Galicia polo seu campo profesional e na que se busca fomentar o uso diario do idioma galego. Financiada pola Xunta de Galicia, o primeiro episodio de Superheroínas, con Lucía Freitas como protagonista, está xa dispoñible nas páxinas web da RAG e da USC, así como nas súas redes sociais. En próximas semanas estrearanse os seguintes capítulos deste traballo que pretende "desacralizar e levar a contraria", explica o seu director, a aqueles medios de comunicación que "non dan oco" aos mozos.

"Ademais, é un proxecto que lle leva a contraria a ese discurso de lingua como peza de museo, e é un proxecto que busca apoderar á muller, que busca mostrar a unha muller que usa o idioma no seu día a día", subliñou José Manuel Diego Ferreira no vídeo de presentación de Superheroínas.