'Superprodución' de marionetas para abrir o Ano Castelao no Museo

Fantoches Baj estrea a súa versión de 'Os vellos non deben de namorarse' o 30 de xaneiro no auditorio do Sexto Edificio
Un momento dun ensaio do espectáculo
photo_camera Un momento dun ensaio do espectáculo

"Esta montaxe realizouse especialmente para o Museo de Pontevedra e aquí se vai estrear", explicou este martes Inacio Vilariño. O artista e fundador da compañía Fantoches Baj estivo na cidade, acompañado polo deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, e o director do Museo, Carlos Valle, para anunciar que o Ano Castelao quedará inaugurado oficialmente a vindeira fin de semana coa posta en escena da primeira adaptación que se fai ao teatro de monicreques da obra de teatro de Castelao, ‘Os vellos non deben de namorarse’. "Trátase dunha ‘'superprodución'’ que se realizou ao longo de cinco meses e na que aparecen 40 marionetas, dez espazos escénicos e máis dunha ducia de pezas musicais interpratadas por 40 músicos de Lalín, entre eles sete pandereteiras".

O espectáculo, aberto ao público, poderase ver o sábado 30 de xaneiro (12.00 horas). Os interesados en acudir deben retirar con anterioridade as invitacións (gratuítas) no Sexto Edificio. Vilariño explicou ademais que, esa mesma xornada, a súa peza tamén se poderá ver en Rianxo e que, a continuación, xirará por distintos espazos de Galicia.

"Esta estrea é a primeira das grandes actuacións do Ano Castelao", sinalou o deputado de Cultura, lembrando que a Academia Galega de Belas Artes dedidíu homenaxear este ano a Castelao ao cumprirse cen anos da súa chegada a Pontevedra. A estrea da obra realizarase na data de nacemento do autor, o 30 de xaneiro. "Coincide ademais que este ano se conmemora, no mes de agosto, o 75º aniversario da estrea da obra de teatro, a única que escribiu Castelao, en Bos Aires".

O director do Museo, que se referiu ao traballo de Fantoches Baj como "unha proposta fascinante", explicou que coa estrea da peza en Pontevedra "se pecha un círculo, xa que a descuberta da obra orixinal por parte de Inacio Vilariño se produce nunha exposición desta casa, e se abre un abano, o da gran programación arredor da figura de Castelao que se desenvolverá este ano".

ATLÁNTICAS. Segundo Inacio Vilariño, o que propón Fantoches Baj nesta primeira adaptación ao teatro de monicreques de ‘Os vellos non deben de namorarse’, é "unha copia do espectáculo teatral feita por marionetas". O director do espectáculo explicou que a súa compañía intentou "facer unha montaxe a escala do soñado por Castelao". Para iso elixiron a técnica que denominou de "marionetas atlánticas", das que hai exemplos, segundo dixo, en Bruxelas, Évora e Cádiz, e que consiste en traballar con monicreques de variña, que incorporan fíos para mover brazos e pernas.

"Para min é unha felicidade poder estrear no Museo de Pontevedra porque aquí foi, nunha exposición que se celebrou no ano 2000, que eu coñecín de preto ‘Os vellos non deben de namorarse’ e cambiou a miña visión da obra de Castelao", explicou Vilariño, que falou de como aquela mostra lle permitirá descubrir a proposta escénica de Castelao para a peza e ir máis alá do texto literario.

Por iso foi que Fantoches Baj lle propuxo ao Museo realizar aquí a estrea que preparaban de ‘Os vellos non deben de namorarse’. "Fixemos unha montaxe deseñada especialmente para o auditorio do Museo, un espazo moi particular, marabilloso para os ‘títeres’".

Vilariño destacou ademais a emoción que lles producía montar por primeira vez a súa adaptación da obra na sede da institución que acolle, entre outras cousas, os manuscritos orixinais de ‘Os vellos non deben de namorarse’, "onde se recollen, por exemplo, os deseños escénicos orixinais".

Para deseñar os bonecos, tarefa da que se encargou o propio Vilariño xunto ao artesán e artista Luis Javier Iglesias Rodríguez ‘Luchi’, a compañía inspirouse no método de elaboración de máscaras do propio Castelao.

BALSA DE SALVACIÓN. Segundo Inacio Vilariño, licenciado en Belas Artes e autor dunha serie de volumes biográficos de banda deseñada sobre Castelao, a escritura de ‘Os vellos non deben de namorarse’ debeu ser para o de Rianxo "unha balsa de salvación". O fundador de Fantoches Baj pensa que o texto foi feito nun momento no que Castelao sufría unha sorte de "angustia existencial" no exilio. "Recréase na escritura da obra, nótase o agarimo co que está feita", dixo.

Vilariño tamén quixo destacar que a intención de Fantoches Baj foi a de ser o máis fiel posible á proposta orixinal. "Seguimos punto por punto o manuscrito e mesmo somos respectuosos coa música que el vai introducindo na obra, aínda que neste caso, no da música, mentres o autor se limita a tres pezas orixinais, nós incluímos máis dunha ducia".

Comentarios