Surfeando a chuvisca

Heredeiros da Crus poñen a andar a segunda xornada do Surfing the Lérez cunha sesión vermú salvaxe e multitudinaria coa que arrancaron a súa xira de 30º aniversario ▶ O regreso de Dismal aos escenarios despois de 15 anos marca a sesión da noite do festival, que se pecha este sábado cun cartel que inclúe a Boyanka Kostova, Berto, Grande Amore e Terbutalina

"Como nos mola comezar esta xira aquí!", saudaron Heredeiros da Crus ao público do Surfing the Lérez de Pontevedra. Era a unha do mediodía deste venres e o grupo do Barbanza enfrontaba a que era a primeira sesión vermú da súa historia. Facíao no festival da Illa do Covo que, co seu salvaxe e multitudinario concerto, iniciaba ao grande a segunda xornada, que tamén estivo marcada pola previsión de mal tempo. Público e organización non deixaron de mirar ao ceo, que ameazou chuvia todo o día, aínda que non pasou de chuvisca ata última hora da tarde, cando finalmente si que caeu unha tromba de auga.

"Bos días! Aquí comeza a nosa xira dos 30 anos. Somos as Heredeiras da Crus!", anunciaba o cantante do grupo, Javi Maneiro, que, como o resto dos integrantes da banda, apareceu no escenario vestido con minifalda e cunha perruca de cor intensa. "Díxenlles a estos que había que volver os inicios e perder a verghonsa, agora que nos deron libertá. Volve a vida, volve a festa! O primeiro vermú de Heredeiros da Crus!", continuou. "Sendo a estas horas, de día, non sabiamos como ía estar esto, pero está cheo. Moitas grazas por vir! Non hai nada máis bonito que escribir unha canción e que despois a xente a cante así nun festival".

Heredeiros da Crus demostraron nun concerto sen tregua que a banda, despois de tantos anos e tantos avatares, segue funcionando como un tiro. A comuñón entre os músicos e co público, que inclúe dende cativada a persoas de máis de 50 anos, é total. A entrega da xente é como a que pode ter calquera gran banda de rock and roll. 

No repaso que fixeron ás cancións máis importantes da súa discografía, de Quero josar á versión do mítico tema My Sharona, que eles convertiron nun xa famoso "Vaiche boa!", pasando polo Que jallo é que popularizara entre a rapazada o Xabarín Club, houbo moitas letras que interpretou o público pola súa conta. A chaqueta de lana cantouna a xente directamente enteira, de principio a fin, sen vocalista que a apoiase. "Hoxe aquí no Surfing rompemos con todo! Rock and roll!!!", berrou Antonio Tuchiño Novo a modo de conclusión do espectáculo.

Hoxe aquí no Surfing rompemos con todo! Rock and roll!!!, berrou Antonio Tuchiño Novo

"Creo que eles marcharon súper contentos do ben que funcionou todo, porque, á parte, era o primeiro concerto que daban da nova xira", explica o coordinador do festival, Marcos Rivas, sobre os Heredeiros da Crus. "Tiñan un antes, que tiveron que aprazar, así que, ao final, o primeiro foi este de Pontevedra. Era ademais a primeira vez que enfrontaban unha sesión vermú en formato eléctrico. O do horario foi algo pactado con eles e penso que funcionou moi ben. Foi un momento incrible".

Outro momento para a historia do festival foi o concerto de Dismal á noite, o primeiro que daba o grupo de metal de Pontevedra despois de 15 anos sen subir aos escenarios. A banda, que celebra o seu 30º aniversario, repasou os temas máis importantes dos seus tres primeiros discos: The New Bomb, Make your mind up e El tristeza. Jose Barros (voz e baixo), Javi García (guitarra), Iván Lorenzo (guitarra), Ghon Sánchez (batería) e Carlos Fuentes (teclado) foron recibidos con entusiasmo polos seus fieis. "Grazas por vir! Todo o que levamos no corazón está aquí".

Tamén actuaron onte Ruxe Ruxe, que está festexando 25 anos de traxectoria, Moura, Anxo Araújo, Indy Tumbita & The Voodoo Bandits, Thee Blind Crows e DJ Carlos Crespo. A escena local estivo representada por Gazela, O Cadelo Lunático e Fondo Norte

Magín Blanco e Xarope Tulú ocupáronse da cativada, que tamén puido gozar de obradoiros de béisbol a cargo de Relámpagos e de rimas a cargo de García MC. Finalmente, no escenario Karma Club estiveron pinchando Señora DJ, Kris K DJ, DJ Dinero e Maefield.

Despois dunha semana tan dura como foi esta última, na que enfrontamos moitísimos problemas, é xenial ver que todo está funcionando tan ben. Para iso se fai o festival, para que a xente o goce como o está facendo.

Unha das novidades do festival deste ano é a ampliación dos seus espazos. Os catro escenarios que funcionan ocupan lugares da Illa do Covo distanciados entre si e moi amplos, como tamén o mercadiño e a zona gastronómica. "Agrandamos o recinto do festival moitísimo. Cando a xente entra este ano quédase un tanto sorprendida do aspecto que ofrece a illa e o que conseguimos. Creo que é algo que tamén está funcionando moi ben", di Marcos Rivas. "Despois dunha semana tan dura como foi esta última, na que enfrontamos moitísimos problemas para sacar isto adiante, despois de tanto estrés, é xenial ver que todo está funcionando tan ben. Para iso se fai, para que a xente o goce como o está facendo".

Ruxe Ruxe no Surfing the Lérez. BEATRIZ CÍSCAR
Ruxe Ruxe no Surfing the Lérez. BEATRIZ CÍSCAR

O festival comezou o pasado xoves cunha sesión só de tarde. "Tal e como contabamos congregouse unha chea de rapazada. A programación estaba pensada para iso, para ofrecerlles unha xornada de trap, de electrónica e de músicas urbanas", segue explicando Marcos Rivas. "A idea era que por San Xoán a Illa do Covo se enchese de xente e penso que funcionou".

O momento de Ortiga o xoves foi unha festa total. Chicho é un showman. Velo sempre é un espectáculo. Non ten límites.

O responsable da produtora Jack-Jack, que monta o festival Surfingh the Lérez co Concello de Pontevedra e co patrocinio de Vibra Mahou e Deleite, conta que ao longo da tarde do xoves o número de xente non deixou de medrar nas distintas actuacións. "Xa con Budiño e, sobre todo, con Ariezzz, había moito público", explica. "Pero despois, claro, con Ortiga e Carlangas estaba todo cheo. Sobre todo eso, no momento de Ortiga, iso foi unha festa total. Chicho é un showman. Velo sempre é un espectáculo. Non ten límites".

O de Ortiga foi o concerto que rebentou a primeira xornada do evento pontevedrés. Acompañado pola súa troupe habitual, Os deliciosos, puxo a bailar a todo o público facendo un repaso a temas dos seus discos e incluíndo outros dos seus hits, como a versión de A Santiago voy, que fixo con Novedades Carminha e na que o acompañou o vocalista da banda, Carlangas, ou a de Eu chorar chorei, que sacou hai nada con Pili Pampín.

Tamén tocou o tema Non hai quen me ature, que lanzou recentemente coa viguesa High Paw. Nestes dous últimos casos interpretou as cancións el só. 

Ademais cantou Restaurantes, de Boyanka Kostova, o dúo de trap que ten con Cibrán García e co que precisamente volverá ao Surfing the Lérez este sábado en sesión vermú, e un par de temas de Los Rastreadores, o grupo que ten con Grande Amore: Acostumbrao e Mondo Dolore. Para estes subiu o propio Grande Amore ao escenario. Tamén subiu un dos integrantes de Conjuntó Amistá para interpretar un dos seus temas con el, que foi produtor do seu disco.

O festival remata hoxe con máis dunha ducia de concertos entre as 12.00 e as 00.00 horas, entre eles, os de Boyanka Kostova, Berto, Grande Amore e Terbutalina.

Comentarios