AXENDA DO DÍA

Surfeando malia o tempo

O festival Surfing the Lérez plantoulle este venres cara á meteoroloxía celebrando todos os concertos previstos e anulando só o taller de vinilos para nenos. Consulta a axenda para hoxe

Coas versións dos temas dos anos 60 que fan Los Chavales comezou este ano o Surfing the Lérez na Illa do Covo. A concelleira de Festas advertira que, fose cal fose a previsión meteorolóxica, o festival, que o ano pasado se aprazou ata setembro por mor da chuvia, se celebraría desta vez "á primeira". E así foi efectivamente. Aínda que a poalla e os ceos nubrados de onte pola tarde supuxeron un inicio dos concertos un tanto frío.

Pese ao pouco que axudaba o tempo, o Surfing the Lérez sacou adiante a programación que tiña prevista con só unha anulación: a actividade que estaba pensada para abrir a zona infantil, un obradoiro no que Arturo Delgado e Guly Leiva ensinarían aos cativos a pinchar vinilos de rock. "Todo o demais está previsto que se faga", dicía o coordinador do festival, Marcos Rivas, que na presentación do evento se referiu ao deste ano como "o mellor cartel que tivemos nunca". Centos de persoas arrouparon o inicio do evento.

A particularidade do cartel de 2016 é que está composto só por grupos galegos. Ademais de Los Chavales, onte actuaron Samesugas, The Phantom Keys, The Limboos e Tractor Troy, "a mellor banda de rock de Pontevedra", segundo Rivas. "De verdade que queremos contribuír a abrirlle os ollos á xente neste sentido, convencela da calidade dos nosos grupos, algo que moitas veces non se ve". Outra aposta do evento é por reforzar o seu carácter familiar. Así, aínda que se suspendeu o obradoiro de vinilos, si que se celebraron o resto das propostas pensadas para a zona infantil, entre as que había distintos xogos, como A procura do tesouro do crocodilo, conducido polo músico Dany Moure. Ademais, Surfing the Lérez mantén o acceso libre e gratuíto ás actuacións, pero solicitando unha doazón a Redeaxuda. A través de Facebook, o festival indicou esta semana que os produtos máis demandados son cacao, azucre, café, leite, aceite, fiambre, galletas e conservas. "Se o ano pasado nos fixemos con catro toneladas de alimentos para repartir entre a xente que máis o necesita, este ano queremos que sexan cinco", indicou o coordinador.

Comentarios