Surfeando no Lérez contra as altas temperaturas

O festival da Illa do Covo plántalle cara ás altas temperaturas con música en directo e propostas para o público infantil ►Ao mediodía, os primeiros espectadores xa se lanzaran ao río

Música en directo contra a vaga de calor. O festival Surfing the Lérez plantoulle cara este sábado a temperaturas de máis de 30 graos cunha xornada maratoniana de concertos, cunha programación dirixida ao público infantil e... coa auga do río. Ás doce do mediodía, cando o primeiro grupo do cartel, Monrovia, subía ao escenario, as altas temperaturas xa facían pensar a máis de un en aproveitar a cercanía do Lérez para darse un chapuzón. Apenas unha hora e media despois, durante os concertos de Glitter & Litter e Dois, os primeiros espectadores xa se lanzaran á auga. Seguírono facendo todo o día.

No festival podíase degustar comida mexicana ou unha hamburguesa ecolóxica mentres se agardaba para 'casar' polo rito hawaiano


Na sesión matinal do Surfing the Lérez, como vén sendo habitual, destacou a presenza de cativos. O festival veu incrementando as actividades para nenos dende que se instalou na Illa do Covo ata esta edición, na que se desenvolveu unha programación específica para eles. Coordinado pola escola Bonobo, o apartado dedicado ao público infantil contou mesmo cun escenario propio.

Tamén chamaba a atención pola mañá a cantidade de familias que aproveitaron para baixar ata o parque escultórico con merendas e mascotas. Máis cans ca nunca no Surfing the Lérez deste ano.

Para os que non levaban comida, o festival duplicou o número de food trucks que dispensaban alimentos. Este ano había posibilidade de gozar de comida vegana e sen glute. Así, no festival, que vén de ser recoñecido como o mellorde Galicia co premio Martín Códax, podíase degustar comida mexicana ou unha hamburguesa ecolóxica mentres se agardaba para 'casar' polo rito hawaiano. Porque si, este ano, Elefantes de Cacharrería montou unha 'wedding chapel' no Surfing the Lérez no que un podía contraer matrimonio por 5 euros.

Centos de persoas asistiron, a pesar do sol, aos concertos de Los Deltonos, The Soul Jacket, Lucy & The Rats e Los Tiki Phamtons


A medida que avanzaba a xornada, o número de espectadores foise incrementando. Despois de Os Amigos dos Músicos, chegou o momento central da mañá con Lucy & the Rats e The Soul Jacket.

Seguíronlle Diola e Bala. Pero o intre no que se concentrou unha maior cantidade de público fronte aos escenarios foi cando chegou a sombra. E con ela Los Vinagres e, sobre todo, os que eran os cabezas de cartel, Los Deltonos. O festival pechouse coas actuacións de Pájaro, Los Tiki Phantoms, Malandrómeda e Los Bengala.


Comentarios