ENTREVISTA XX

Susana Rodríguez Barcia: "Moitas veces as xoias están nas marxes"

Xa investigara no seu día a posmovida na provincia de Pontevedra. Agora, xunto a Bosco Gil, a profesora e tradutora publica o volume Poética del rock
Susana Rodríguez Barcia (Vigo, 1977). GONZALO GARCÍA
photo_camera Susana Rodríguez Barcia (Vigo, 1977). GONZALO GARCÍA

Que é Poética del rock?
É unha experiencia para o sentidos, porque non é só un libro. Nas primeiras páxinas ten un código QR que nos leva a unha listaxe de temas en Spotify. Ao falar de rock e pop e folk, facíase necesario escoitar as cancións para poder sentilas coa emoción que realmente suscitan. É tamén unha forma de achegarse a compositoras e compositores fóra do que se dá en chamar mainstream, que é a música que promocionan as grandes corporacións. Porque, como dicía o editor do libro, moitas veces as xoias están nas marxes. Finalmente, este é un libro cheo de amor. Nel hai unha filosofía de base que condiciona todo o demais: o amor pola música, pola humanidade e por todos eses valores que están á marxe do neoliberalismo e desa obsesión coa produción e co consumo. Aposta polo ocio, pola vida e polo amor, por todas esas emocións que nos fan humanos e que crean comunidade.

Cantos autores e autoras recompilaron? Analizaron algún periodo en concreto?
O libro está dividido en dúas partes diferenciadas. Unha é a análise na que se van debullando os motivos poéticos. Despois están as fichas de cada autora ou autor cun perfil poético, un texto traducido, as influencias que ten e unha discografía seleccionada. En trinta e tantas delas tamén se inclúe unha ilustración de Rubén Suárez. Ao principio non queriamos pasar de 100 fichas. Despois de 150. Pero fomos aumentando e aumentando e o volume acabou sendo enorme realmente.

Neste libro hai unha filosofía de base que condiciona todo o demais: o amor pola música, pola humanidade e por todos eses valores que están á marxe do neoliberalismo. Aposta polo ocio, pola vida e polo amor

En que compositor empezaron e en cal remataron?
A primeira ficha que incluímos é a de Joe Hill, que era músico, poeta e sindicalista, un símbolo de activismo político. Naceu en 1879. E o libro péchase con Grace Cummings, unha compositora australiana pouco coñecida, e coa sudafricana Alice Phoebe Lou, que naceu en 1993. Así que aínda que, por resumir, dicimos que revisamos 100 anos, pero en realidade é algo máis.

E incluíron algún español?
Non, non incluímos ningún. Si que aparecen mencións como a de Óscar Avendaño, de Siniestro Total, na introdución. Pero porque algunha das súas cancións ten ese motivo xeral de que a música é un refuxio. Ou Visions of Johanna, que é un grupo de Vigo liderado por Jorge Lorenzo, que tamén aparece mencionado. Pero de xeito moi circunstancial, xa digo. Como aparecen os nomes de Lois Pereiro, como poeta punk; Miguel Hernández, porque eu persoalmente estou namorada da súa poesía, e Federico García Lorca, porque fascina ao coautor do libro, Bosco Gil.

Na historia do rock hai moitas cantantes, coristas e bailarinas, pero poucas compositoras. Isto é terrible. Ou non nos deixaron participar ou nos ocultaron

Realmente a historia do rock é anglosaxona.
Exacto. Non é que nós teñamos ningún tipo de anglofilia nin moito menos. Todo o contrario máis ben. Eu como lingüista son moi crítica co inglés como idioma dominante e imperialista que é. De feito, como investigadora intento publicar sen usalo. Pero é que certamente o nacemento do rock e o seu desenvolvemento está ligado aos Estados Unidos e ao Reino Unido. Aínda que realmente a orixe estea en África, no tribal, o desenvolvemento é anglosaxón. O blues lévanos ao rock e todo volve a Little Richard e Chuck Berry. Non nos quedou outra.

E incluíron moitas mulleres? Tende a sinalarse o do rock como un ámbito machista.
Porque o é. É un ámbito no que predominan os homes como no resto dos ámbitos da sociedade. Efectivamente o número de fichas de mulleres é menor. Na historia do rock hai moitas cantantes, coristas e bailarinas e isto, ao final, é terrible, porque reforza esa frivolización da historia das mulleres. Estamos case como floreiros ou sempre nesa parte máis superficial. Pero cando se trata de levar emocións ou sentimentos propios a un texto somos residuais. Ou non nos deixaron participar ou nos ocultaron. Unha cousa boa do libro é que serve para constatar como mulleres como Joni Mitchell compuxeron para homes e teñen unha importancia radical na historia da música. Ou Joan Baez, que lle dá a oportunidade a Bob Dylan de saír a un escenario. Con todo, a finais dos 90 prodúcese un cambio moi importante neste sentido e a presenza das compositoras aumenta considerablemente. Aínda que seguen sendo menos que os homes.

Menciona a Bob Dylan, Premio Nobel de Literatura controvertido. A letra dunha canción pode ser alta literatura?
Por suposto que si. O propio Dylan ten unhas letras sublimes, súper poéticas, que beben moitísimo da tradición. É un letrista marabilloso que xoga coa metáfora e cos significados agochados. Ten un Premio Nobel por dereito propio. 

Non é a primeira vez que vostede traballa sobre a música. En 2007 gañou o Premio á Investigación da Deputación de Pontevedra polo estudo Después de la movida. La música pop y rock en Pontevedra entre 1990 y 2007, realizado con Rubén Suárez Sousa.
Isto xurdiu porque Rubén Suárez, que é a miña parella, ademais de músico que estivo en varias formacións, e máis eu falamos moitas veces de que non había ningún tipo de recompilación do traballo musical tan importante que se fixera na provincia de Pontevedra despois da movida. A movida eclipsouno todo, pero as bandas que viñeron despois foron moi importantes. Sentiamos que había que facer algo que as reivindicase e que documentase que había vida despois da movida, esa construción case idealizada que existe en Vigo sobre todo aquilo.

Comentarios