Tacón, punta, tacón

Unha ducia de agrupacións de baile tradicional participan no 50º Día da Muiñeira de Pontevedra, que organiza Duos Pontes e que puxo a bailar a máis de 300 persoas na avenida de Montero Ríos
 
Unhas nenas na celebración do Día da Muiñeira. RAFA FARIÑA
photo_camera Unhas nenas na celebración do Día da Muiñeira. RAFA FARIÑA

O Día da Muiñeira celebrou este venres a súa 50º edición en Pontevedra. Unha ducia de agrupacións participaron na proposta, que organiza anualmente a asociación cultural Duos Pontes e que está dirixida fundamentalmente ás escolas de baile da provincia. 

Arredor de 325 bailadores desfilaron, pola tarde, dende a Praza do Teucro ata a Avenida de Montero Ríos, onde se realizou a festa final do evento, que consiste na interpretación colectiva de varias pezas de música tradicional. Desta volta, os menores de 8 anos bailaron a Muiñeira de Mariñán; os participantes de entre 8 e 13, a Muiñeira de Forxa, e os maiores de 13, a Muiñeira de Santa Mariña

"O carácter da festa a día de hoxe é absolutamente interxeracional", recoñece o presidente de Duos Pontes, Alfonso Frieiro. "Este ano participaron dende cativiños e cativiñas de menos de 3 anos, da escola infantil Bambi, ata mulleres de Cangas con máis de 80. A unha delas, de feito, renderémoslle homenaxe".

O evento rematou, como é habitual, convidando aos membros de todas as agrupacións e ao público presente en Montero Ríos a sumarse a bailar de xeito colectivo unha jota e un pasodobre. Todas as pezas foron interpretadas polo grupo de gaitas de Duos Pontes.

Ademais, co gallo do 50º aniversario, a organización instalou unha exposición conmemorativa na Praza de Ourense, con preto dun cento de fotografías, que se poderá contemplar nos vindeiros 15 días

Comentarios