lunes. 24.01.2022 |
El tiempo
lunes. 24.01.2022
El tiempo

'Tanxugueiras', escollida palabra do ano 2021

Palabra do Ano. RAG
Palabra do Ano. RAG
Após ela, 'Resiliencia' e 'vacinódromo' foron as seguintes ​máis votadas

Tanxugueiras foi escollida a Palabra do ano 2021 nun concurso promovido pola Real Academia Galega (RAG) e a Fundación Barrié.

"A voz gañadora, símbolo dos novos camiños da música tradicional galega e que asenta as súas raíces na toponimia, foi a máis votada polos particicipantes na iniciativa promovida polo Portal das Palabras", informa a institución académica en relación á súa páxina web para a difusión do léxico galego.

Após ela, Resiliencia e vacinódromo foron as seguintes palabras máis votadas nun ano marcado de novo pola pandemia, subliña a RAG sobre a elección das mesmas.

Sobre o nome do grupo que integran Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro, explica que "en realidade é o plural dun microtopónimo que, elevada a Palabra do Ano, convértese tamén nunha icona da gran riqueza da lingua galega como produtora de nomes de lugar que conforman un patrimonio inmaterial único no mundo".

Respecto diso, explica que o topónimo Tanxugueira designa unhas terras da parroquia de Fumaces, no concello de Riós, na provincia de Ourense. No territorio galego, hai outros lugares co mesmo nome en concellos de Catoira (Pontevedra), Dodro (A Coruña) e tamén en Ourense, en Viana do Bolo.

Os votos dos usuarios e usuarias do Portal das Palabras deixaron en cuarto lugar a palabra gromo, que coa pandemia do coronavirus incorporou a súa entrada no dicionario da RAG. Coada, na acepción referida a manto de lava en estado líquido emitida por un volcán, quedou en quinto e último lugar.

A RAG e a Fundación Barrié promoven desde 2014 a elección da Palabra do Ano. En anteriores edicións foron elixidas nós (2020), sentidiño (2019), deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) -coincidindo co centenario das Irmandades da Fala-, refuxiado-a (2015) e corrupción (2014).

'Tanxugueiras', escollida palabra do ano 2021
Comentarios