"Que un espectáculo teña alma é a clave", di Pablo Méndez. "Aí está o éxito. Un show ten que impresionar visualmente, pero tamén ten que emocionar profundamente. E conseguir esas dúas cousas é dificilísimo".
As propostas de Pablo Méndez Performances aspiran a acadar ese equilibrio entre beleza e impacto. A compañía, especialista en traballos escénicos circenses en espazos abertos, foi posta en marcha arredor do ano 2000 polo creador das Neves. Dende entón ten levado os seus espectáculos por medio planeta. Agora mesmo está metida de cheo nun cambio de ciclo tras abandonar a nave que ocupaba en Mourente para trasladarse a un inmoble de 2.000 metros cadrados na rúa Juan Bautista Andrade, no barrio do Burgo, no que vive o propio Méndez. "Levabamos gastado moito diñeiro en alugueres nos últimos sete anos. De súpeto xurdiu a oportunidade de facernos con este espazo e era perfecto".
O espazo é un edificio de varios pisos que, na parte baixa, agocha, tras o bloque de vivendas, unha gran localización que funcionará, entre outras cousas, como escola de artistas. "A empresa vese con proxección e futuro e penso que é un bo momento para apostar por ela. Á parte, a nosa propia estrutura cada vez precisaba de máis espazo. Tiñamos que facer un cambio".
Nesta nova localización agrúpase o que é a sede da compañía, o almacén das súas escenografías, o centro loxístico xeral, a escola circense que ten en marcha e a residencia de artistas convidados. "Estamos traendo cada vez máis a artistas de fóra. Porque a empresa está tendo un volume alto de contratación e necesitámolos para cubrir as necesidades artísticas. Así que nos pisos que están enriba da escola residen os artistas que traballan temporalmente con nós. Dalgunha maneira contribúen a esa fusión que buscamos neste lugar: porque vivirán arriba e ensaiarán e darán clases abaixo".
"Estamos rexeitando o 30% do traballo que nos chega porque se trata de facelo ben. Facer por facer neste negocio é morte segura"
Precisamente nestes días, a escola de artes circenses de Pablo Méndez abriu as súas portas nestas novas instalacións. "E foi recibida con moito interese por parte da xente. Era tamén o que buscabamos, animar esta zona da cidade", sinala. "Toda esta veciñanza ten que cruzar o río para acceder a calquera tipo de actividade para a cativada. Nós apostamos por traer aquí a nosa proposta. Esta é unha zona en crecemento e queremos contribuír a iso".
A estas alturas, Pablo Méndez é xa unha marca, non unha persoa individual. "Temos clientes que non me viron nunca, que non saben quen son", recoñece. Agora mesmo, os socios principais e directores desa marca son o propio artista das Neves e Anahí Domínguez. A idea dun performer, que comezou traballando en discotecas cando aínda era un mozo e que acabou levando creacións propias por practicamente todo o mundo, desenvolveuse ata as súas últimas consecuencias. Entre os destinos máis exóticos nos que ten actuado estiveron Arabia Saudita e Dubai. "En canto a continentes, fáltanos Australia".

Do cadro de persoal forman parte na actualidade 14 persoas de xeito permanente. "Cos freelancers chegamos a ter ata 80 traballando na compañía", puntualiza. "En Nadal, en Madrid por exemplo, temos un espectáculo con 40 persoas todos os días. Ou agora no verán, en Ibiza, que temos outro equipo de xente similar de xeito permanente".
"Despois de dar tantos tombos polo mundo, cada vez apetéceme máis estar na casa. Podo confesalo directamente: somos moi felices en Pontevedra"
Un punto de inflexión para a compañía pontevedresa foi o paso polo concurso de televisión Got Talent español (Telecinco), en xaneiro de 2021. Pablo Méndez recoñece que disparou a súa proxección dentro de España. "Fomos porque estabamos en plena pandemia e non podiamos facer nada. E resultou ser súper importante. Tivo unha repercusión incrible. Empezaron a chamarnos de concellos e de axencias de eventos de todos os lados. Foi brutal. Aínda hoxe nos chaman facendo referencia ao número que viron no programa".
Da preocupación daqueles días, a empresa pasou ao momento doce da actualidade. "Temos moitísimo traballo. Tanto que decidimos frear un pouco e asentar ben o que estamos facendo", explican os responsables do proxecto. "Estamos rexeitando o 30% do traballo que nos chega actualmente porque non queremos facelo mal. Nunca collemos por coller. Isto non se basea só en facer cartos, senón en facer as cousas ben para manter un negocio a longo prazo. Facer por facer neste negocio é morte segura. Nós queremos que os clientes queden contentos e agora mesmo podemos dicir que non temos ningún cliente que repetira evento e non volvera chamarnos".
Pontevedra é un exemplo nese sentido. Repetiron varias veces e a cidade coñece ben as súas propostas. Este verán deseñou o espectáculo co que se inaugurou a Feira Franca e tamén o que inaugurou as finais das Series Mundiales de Triatlón 2023. Os dous foron exclusivos para eses acontecementos. "Isto tamén supón un reto porque hai que crear contido novo, espectáculos novos, impresionar cada vez máis á xente... Iso é o que te fai medrar de verdade".
Sobre o de frear o crecemento exterior da compañía, Pablo Méndez conta que, entre outras cousas, rexeitou participar nos concursos televisivos America’s Got Talent e a versión do mesmo concurso en Grecia. "Non tería sentido en declinar aquí un 30% do que nos chega e buscar proxección nos Estados Unidos ou noutros países", di. "Igual me estou facendo maior ou non sei... Pero, despois de dar tantos tombos polo mundo, de carrexar maletas e contedores polas aduanas, cada vez apetéceme máis estar na casa e traballar aquí. Podo confesalo directamente: somos moi felices en Pontevedra. Que tampouco quere dicir que se chega unha oferta moi interesante que nos apeteza moito facer non se faga, pero agora mesmo queremos parar un pouco".
Actualmente, a compañía realiza máis de 1.000 bolos anuais. "Hai días que temos shows en catro, seis ou oito sitios ao mesmo tempo. De maio a setembro temos xente traballando todos os días en Barcelona, Ibiza e Tenerife, máis todos os espectáculos específicos que programamos a maiores. É barbaridade suficiente xa, sen seguir asumindo máis cousas", explica. "Porque ademais este é un traballo moi específico que precisa os seus tempos de vestiario, escenografía, montaxe, acting...". Máis no seu caso. "Máis no noso, si, porque somos de estar enriba das cousas e de darlle voltas para que sigan evolucionando. O desexo de futuro é que a empresa siga nesta liña que leva, que é perfecta".