Helena y María hacen memoria sobre las tablas

Nos meses previos á Guerra Civil, nunha vila de Galicia, prodúcese o primeiro encontro entre Helena e Manuel. A chegada da guerra de 1936 vai levar a Manuel á fronte republicana, e a súa vida vai rematar en Albacete un ano despois. Á morte de Manuel, Helena, a súa viúva, fica na vila coa súa pequena filla, María, froito daquel amor, e con outra herdanza, deixada tamén polo seu home, que vai traer dramáticas consecuencias. Sesenta anos despois, por boca da súa filla, imos coñecer as características da tal herdanza e as consecuencias da súa conservación.

A de enriba é a sinopse de Memoria de Helena e María, a última peza creada pola compañía Teatro do Atlántico coa que queren celebrar os seus vinte anos de vida. Conventos, máis guerra, emigración, memoria histórica, lembranzas, vinganzas, soños, libros e casas de bonecas, amasado todo con fariña de millo, son os ingredientes deste drama profundo que vén a combater a "obsesión pola comedia" que o seu director, Xulio Lago, advirte no público teatreiro da Galicia. Ao seu entender, non existe un tratamento excesivo do tema da represión exercida durante os anos da Guerra Civil nin da memoria histórica, dous temas dos que considera que "hai que falar". E sobre o escenario falarán deles dúas actrices do talle de Lucía Regueiro e María Barcala, encargadas de aproximar ao espectador a sesenta anos de emigración e á historia real de Helena e da súa filla María.

Na cerimonia de presentación da obra, o director de Teatro do Atlántico referiuse, como non, á situación actual que atravesa o teatro galego. Entende que é "un referente terriblemente triste" que a próxima obra do Centro Dramático Galego, A ópera dos tres reás, de Quico Cadaval e con Luis Tosar como protagonistas, só poida verse "un par de días nun teatro como o García Barbón de Vigo, e non dúas ou tres semanas". Así, criticou e rexeitou a falta de compromiso da Administración galega con esta forma de facer arte --"fan unha cobertura amable, pero non unha aposta decidida"--, e considerou que tal feito amosa que "estamos ancorados nunha sociedade que non funciona". Lago informou de que a súa compañía debería ter fixado xa a súa nova produción, pero non puido facelo aínda "até saber que camiño vai tormar Agadic, se vai haber apoio ou non pola súa parte. Falta que defina a súa política para saber se podemos facer unha obra con nove actores, ou un monólogo, ou nada".

Mirando ao ano anterior, que calificou de "desfeita" polo recorte de axudas que a Consellería de Cultura decidiu meterlle finalmente ao sector, Lago non se atreveu a opinar sobre o papel de Blanca Cendán á fronte do Centro Dramático Galego: "Non é doado xestionar unha compañía coma o CDG nun momento no que Cultura recorta diñeiro. Conquistar cartos para facer máis producións é complicado", argumentou. Así as cousas, de momento toca gozar con estas Memorias. O éxito da posta en escena deste traballo vén precedido polo galardón Premio Abrente que o seu autor, Roberto Salgueiro, obtivo no 2006. A obra sóbese agora ás táboas e chega a Compostela: do 20 ao 23 de xaneiro ás 20.30 horas no Salón Teatro.

Comentarios