Teatro a gargalladas

O ciclo Summum Teatro programará no Pazo da Cultura catro comedias protagonizadas, entre outros, por Ana Obregón, Carlos Blanco e María Pujalte

Ana Obregón, Teté Delgado, Carlos Blanco, María Pujalte e Ernesto Alterio son algúns dos protagonistas da primeira parte da temporada do ciclo Summum Teatro, que se celebrará en Pontevedra entre o 30 de abril e o 3 de xuño. O ciclo inclúe as representacións de ‘Sofocos Plus’, ‘Menú da noite’, ‘Losers’ e ‘Atchuusss!!!’ no Pazo da Cultura.

"Cadrou que hai moita comedia, pero non é nada premeditado. No segundo semestre do ano haberá máis variedade", explicou a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, que tamén lembrou que tres das catro propostas se realizan dentro do convenio que o Concello asinou en 2014 con Platea, un programa do Ministerio de Cultura.

Summum Teatro inaugurarase o 30 de abril con ‘Sofocos Plus’, unha comedia que propón unha reflexión sobre a menopausia e que está protagonizada por Ana Obregón, Teté Delgado, Elisa Matilla e Fabiola Toledo. Trátase dunha continuación das montaxes ‘Sofocos’, ‘Más sofocos’ e ‘Resofocos’. Juan Luis Iborra é o director desta posta en escena, que mestura música e coreografías, e que contou con Ágatha Ruiz de la Prada como deseñadora de vestiario.

Continuación dunha montaxe de éxito entre o público tamén é ‘Menú da noite’, o novo espectáculo do monologuista e actor vilagarcián Carlos Blanco xunto ao humorista gráfico buenense Luís Davila. "Desta vez apostan pola elegancia de Broadway", sinalou a concelleira. Budiño e Kepa Junquera foron os encargados de poñerlle música a esta proposta, a única do ciclo Summum que non está incluída en Platea.

A seguinte posta en escena será a de ‘Losers’, unha obra protagonizada por Vicente Romero e María Pujalte. Esta comedia romántica sobre ‘'perdedores’' conta con texto de Marta Buchaca e dirección de Guillem Clua.

ALTERIO. O ciclo do Pazo rematará con ‘Atchuusss!!!’ unha comedia que, entre outras cousas, reúne aos irmáns Alterio, Malena e Ernesto, cos actores Adriana Ozores, Fernando Tejero e Enric Benavent. "Eles cinco danlle vida a 16 personaxes cunha característica común: a gripe", avanzou Anxos Riveiro. O director é Carles Alfaro, autor do texto xunto a Benavent. Os responsables do espectáculo, Pentación, explican que a obra está baseada nos textos de xuventude de Antón Chéjov, "farsas breves y sainetes con acentos vodevilescos", con personaxes probablemente inspirados nos que pasaban pola súa consulta como médico e que demostran "que Chéjov está dotado de una ilimitada piedad".

Comentarios