O Teatro Principal énchese ata a bandeira para a estrea de 'Invisibles'

A obra, dirixida por Marián Bañobre, está baseada no libro da xornalista Montse Fajardo

A actriz Mela Casal, no inicio da obra, diante do patio de butacas ateigado. JOSÉ LUIZ OUBIÑA (Representacion de Invisibles)
photo_camera A actriz Mela Casal, no inicio da obra, diante do patio de butacas ateigado. JOSÉ LUIZ OUBIÑA (Representacion de Invisibles)

Dous días antes da estrea de Invisibles, o Teatro Principal colgaba o cartel de non hai billetes. Dirixida por Marián Bañobre e interpretada por Mela Casal, Nieves Rodríguez e Sheyla Fariña, a obra de teatro está baseada no libro do mesmo título escrito por Montse Fajardo, e que recolle sete historias reais de violencia machista. Pontevedra recibiu este xoves a estrea deste espectáculo cun cheo absoluto, un patio de butacas emocionado e a ollada posta no 24 de novembro, cando a montaxe se poida ver en Vilagarcía de Arousa.

Á posta en escena de Invisibles asistiron un bo número de políticos locais, entre eles, o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; a concelleira de Cultura, Carme Fouces; o concelleiro de Patrimonio, Luís Bará, e a concelleira de Sanidade Animal, Pilar Comesaña. Tamén asistiu a actual número un de Ciudadanos en Pontevedra, María Rey. Ademais, acudiron actores como Antonio Mourelos ou Monti Castiñeiras. Por suposto, estivo entre o público, a autora do libro que inspirou a obra, a xornalista Montse Fajardo, moi emocionada, así como algunhas das protagonistas das historias que recolleu no seu título e os seus familiares.

25-N. A representación de Invisibles estaba enmarcada nas actividades previas ao inicio da campaña municipal do 25-N, Día Internacional pola Eliminación da Violencia Machista. "Do que se trata é de visibilizar e de tomar conciencia sobre esta violencia", explicaba Carme Fouces o día da presentación da montaxe. Invisibles, libro publicado en 2017 por Edicións Matriarcas e polo Concello de Pontevedra, chega agora aos escenarios da man de Redrum Teatro, en coprodución coa Concellería de Igualdade de Pontevedra e o Centro Dramático Galego.

*Foto de JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Comentarios