O teatro dos vencidos

Inversa trae este xoves ao Principal 'O péndulo', premio Dorotea Bárcena no Festival do Carballiño
Un momento da obra 'O péndulo', de Inversa Teatro. MIT RIBADAVIA
photo_camera Un momento da obra 'O péndulo', de Inversa Teatro. MIT RIBADAVIA

"O péndulo son eu", di Marta Pérez, a actriz e dramaturga da Cañiza que está detrás da compañía Inversa Teatro. "É un aparato que serve para buscar cousas. E isto foi un proceso de búsqueda". A obra á que se refire, O péndulo, un achegamento á represión fascista inspirada na historia da súa familia, é a que se programa este xoves (21.00 horas; entradas: ataquilla.com) no Teatro Principal, dentro do ciclo Ponteatro

Non será a única vez que esta peza protagonice un acto esta semana en Pontevedra: este venres (19.30 horas, entrada libre), a propia Marta Pérez, acompañada do coautor da peza, Ernesto Is, e do actor, músico e activista da memoria Eduardo Rodríguez Cunha Tatán, presentará, na Libraría Paz, o texto da obra, que publicou Edicións Positivas.

"O péndulo é o resultado dun proceso de investigación propio posto en escena, dunha indagación familiar que, polo tanto, remata por ser unha proposta íntima, pero que, ao tempo, tamén é política, porque o que pasou na miña casa pasou en moitísimas outras", conta a autora. 

É moi triste que se volvan escoitar discursos de odio por parte de determinados partidos políticos. E é moi triste ver que eses partidos volven acadar cotas de poder.

O que pasou na súa casa foi que o seu bisavó, Tirso Gómez Freijido, foi apresado e fusilado no Castro de Vigo en 1936, tras a sublevación militar. Era membro do Partido Socialista, republicano, sindicalista e presidente da Casa do Pobo da Cañiza. Xunto a el tamén foron axustizados Justo Moure, Jesús Pérez e Antonio Mojón. Outro veciño, Benjamín Malvar, apareceu asasinado nunha gabia nun alto de Ponteareas.

"Falo do legado que deixaron todos eles", explica Marta Pérez. "Da morte, do silencio, das humillacións e dos insultos. Falo da rapa de pelo da miña avoa, unha entre tantas outras. E falo de todo isto como un exercicio de memoria, pero tamén como un exercicio de reivindicación de todas esas persoas".

Rosa Puga e Nerea Brey son as protagonistas de O péndulo xunto coa propia Marta Pérez. Carlos Álvarez-Ossorio é o director desta proposta escénica na que tamén se restaca a figura de María Gómez. "Era a alcaldesa da Cañiza, a única muller que exerceu ese cargo en Galicia durante a Segunda República, aínda que apenas se fale dela ou se coñeza a súa historia". Apresada tamén despois do golpe de estado, salvouse do fusilamento alegando que estaba embarazada. Era mentira, pero valeulle para conmutar a pena pola de cadea perpetua. Rematou vivindo en Lugo coa anarquista Urania Mella

Calamos e ese calar non é bo. É hora de contar a verdade. Toda. É duro, claro, pero hai que facer ese traballo. Non con afán de vinganza, senón de sanación

"O punto de vista das mulleres é a que escollemos para contar esta historia", explica a autora. "Os homes morreron e foi horrible. Pero as mulleres quedaron aquí e o que lles tocou vivir tamén foi terrible". 

Á parte da perspectiva feminina, Marta Pérez destaca a oportunidade que a obra lle deu para reflexionar sobre o fascismo. "É que parece que a historia se repite e que nos empeñamos en caer nos mesmos erros. É moi triste que se volvan escoitar discursos de odio por parte de determinados partidos políticos. É moi triste ver que eses partidos volven acadar cotas de poder. Que a estas alturas non saibamos o que trae consigo o fascismo paréceme moi perigoso".

A dramaturga aproveita para reclamar que se bote luz sobre o nome dos represaliados. Tamén sobre o dos represores. "Non con afán de vinganza, senón de sanación. Calamos e ese calar non é bo. É hora de contar a verdade. Toda. É duro, claro, pero hai que facer ese traballo. Como o fixo, con valentía, a escritora Susana Sánchez Arins".

O péndulo vén de recibir o Premio Dorotea Bárcena, que vota o público, no Festival de Teatro Galego do Carballiño. "Estamos moi felices porque sabemos que é unha obra emocionante. E é así porque todo o que se conta é real e porque moitas persoas das que están no patio de butacas viviron todo iso en primeira persoa. Somos os vencidos. E entre nós é lóxico que a obra remova moitísimo".

Comentarios