lunes. 24.01.2022 |
El tiempo
lunes. 24.01.2022
El tiempo

O teletraballo non nos fará libres

undefined
Unha das instalacións de Isaac Cordal na galería. ISAAC CORDAL
O pontevedrés Isaac Cordal presenta na SC Gallery de Bilbao unha mostra na que reflexiona de xeito crítico sobre "a idea de progreso"

Varias instalacións feitas a propósito para a SC Gallery compoñen a exposición que Isaac Cordal (Pontevedra, 1974) vén de inaugurar neste espazo de Bilbao co título "24/7". Un edificio de oficinas a medio construír; uns cuartos que son búnkeres; un balcón; un home empacado nun carriño da compra, e un felpudo onde aparece inscrita a frase Telearbeit macht frei, O teletraballo faravos libres, "en referencia á frase que aparecía nalgúns campos de concentración nazis", segundo explica o creador a través do correo electrónico, forman parte desta mostra. Permanecerá aberta ata o 28 de xaneiro.

"Creo que unha inercia evolutiva salvaxe, co capitalismo como rostro máis recoñecible, nos levou ata estes tempos marcados pola incerteza", explica Isaac Cordal sobre o seu traballo.

undefined

"Estamos inmersos no seu efecto colateral". O artista recrea nas súas pezas unha serie de escenarios onde individuos alienados son o pilar fundamental da actual sociedade occidental marcada, entre outras cousas, polo illamento e polo consumismo. "Si, é unha reflexión crítica sobre a idea de progreso en xeral, ese progreso ao que nos dedicamos plenamente as 24 horas do día os 7 días da semana".

Esta é a segunda exposición individual de Cordal, que traballa habitualmente no espazo público. Di que para el, como creador, é completamente diferente enfrontar un xeito de traballar e outro.

"A galería en certo xeito é un espazo hermético onde podes controlar os elementos, por exemplo, a iluminación, que me parece moi importante. A rúa é máis incontrolable, máis efémero digamos. Pero sempre hai algún elemento que te sorprende e se lle suma á obra", indica. "Creo que os procesos son distintos pero con moitos trazos comúns e as esculturas funcionan en ambos espazos".

Pandemia. Creador prolífico, sempre apegado a análise do individuo no seu contexto social, Isaac Cordal non deixou de intervir na rúa nin durante a pandemia. Entre outras cousas, ás súas habituais figuras humanas incorporoulles máscaras, coas que xogou en diferentes circunstancias.

undefined

"O inicio da pandemia pilloume en Noruega facendo un proxecto e foi bastante complexo todo. Obviamente afectoume e ségueme afectando, non tanto a nivel creativo, pero si á hora de poder viaxar e que os eventos poidan desenvolverse con garantías".

Nos últimos dous anos o pontevedrés realizou instalacións con máscaras como "Hidroalcohólicos anónimos" ou outras nas que reflexionaba sobre o cambio climático, a homosexualidade ou a propia pandemia, en residencias e festivais de arte efémero. "En certo xeito a pandemia mostroume ese mundo do que xa viña falando, pero que agora o invadiu todo".

O teletraballo non nos fará libres
Comentarios