Terbutalina lanza un videoxogo para presentar o single 'Costa abaixo'

O grupo de Esteiro publica o seu novo tema cun xogo en colaboración con Qaramalo
Mon Núñez, Miguel Cernadas e Segundo Torres, de Terbutalina, este sábado, no escenario da Sala Karma. DAVID FREIRE
photo_camera Mon Núñez, Miguel Cernadas e Segundo Torres, de Terbutalina, este sábado, no escenario da Sala Karma. DAVID FREIRE

"Público difícil o desta hora", bromeaba Miguel Cernadas, de Terbutalina, dende o escenario. Non era certo. O público que encheu este sábado ao mediodía a sala Karma de Pontevedra estaba entregado á banda de Esteiro (Muros, A Coruña), que veu á cidade a presentar a xira que están a punto de comezar en Santiago de Compostela para lanzar o seu novo álbum.

O primeiro single dese disco é Costa abaixo, que sae para a semana que vén aínda que onte tamén se escoitou en directo en Pontevedra neste evento gratuíto, bautizado como Nada que nos frene party, que serviu para presentar tamén a grande novidade deste novo lanzamento de Terbutalina: un videoxogo.

"Pensamos en organizar unha festa gratuíta para, despois destes dous anos de pandemia, reencontrarnos coa xente", conta o cantante da banda, Miguel Cernadas. "Presentamos o novo single que gravamos, pero no canto de facelo cun videoclip, como é habitual, desta volta facémolo cun videoxogo que se pode descargar na nosa páxina web".

Segundo contaron os mozos da banda, o xogo chámase Grand Prix Turbotalina e desenvolveuse en colaboración con Qaramelo Videoxogos, de Ourense. "Está baseado en Costa abaixo e inspirado nas carrilanas de Esteiro. Consiste en ir baixando nunha delas por un circuito mentres esquivas obstáculos e gaivotas do PP que veñen a por ti mentres recolles filloas", contaron coa súa habitual sorna. "A ver, podedes poñer as gaivotas do partido que queirades".

Capitol. Ademais de facer unha demostración de como se xogaba, o grupo tamén anunciou as que serán as primeiras paradas da súa xira de presentación do novo traballo. Comezarán o 19 de marzo na sala Capitol xunto a un grupo invitado que non quixeron desvelar. Dende aí pasarán a Oviedo, Santander, Madrid e Zaragoza.

"Xusto antes da pandemia acabamos de sacar o que era o último disco, Espabila gallego. Nel enfrontabamos o que podían ser algúns medos, eu que sei, por exemplo, tocar lento", conta o cantante da banda.

"Neste novo traballo volvemos a todo iso e mesturámolo con outras sonoridades que nos gustan". Di que soan moito aos anos 2000 e a Franz Ferdinand. "Esa onda. Son as influencias máis potentes que tivemos porque foi ese momento no que cadraron The White Stripes, The Strokes e Arctic Monkeys".

O que o grupo mantén é a festa e o sentido de humor que o caracterizou dende os seus inicios. "Máis serios non nos volvemos. O que si somos cada vez máis profesionais e mais maduros. Pero a esencia da banda, eses directos no que o máis importante é pasalo ben, segue estando aí".

Comentarios