The Jayhawks devolven a música internacional

O Concello recupera o concerto do grupo americano que fora suspendido pola pandemia ? Será o 10 de xullo ao aire libre
Imaxe promocional da banda norteamericana The Jayhawks. DP
photo_camera Imaxe promocional da banda norteamericana The Jayhawks. DP
Cunha banda internacional do calibre de The Jayhawks, ao aire libre, co público sentado e un aforo de entre 600 e 800 persoas. Así pretende recuperar o Concello de Pontevedra a actividade do ciclo musical Voices tras a pandemia, despois de que o verán pasado Xabier Díaz e Guadi Galego escenificasen a volta da cultura tras o encerro nun concerto cheo de simbolismo tamén no exterior e con novas medidas de seguridade.

Desta vez, a Concellería de Cultura recupera os concertos de artistas internacionais co grupo americano de country rock que tivo que cancelar a súa presenza en Pontevedra unha vez foi declarada a pandemia a nivel mundial en 2020. Un ano despois, a banda aterrará o 10 de xullo na Boa Vila como única parada no Noroeste peninsular nun concerto deseñado para cumprir coas medidas ás que obriga o virus. "O ano pasado o Concello de Pontevedra abriu o camiño da música en directo e esta vez volve ser pioneiro cun concerto dun grupo internacional", explicaba este martes o produtor musical do evento, Carlos Montilla. Neste sentido, a cidade é a primeira a nivel galego en programar un evento musical a nivel internacional dende o principio da pandemia. Acompañando á formación de Minnesota estará o grupo galego Os Amigos dos Músicos.

Cando se anunciou a suspensión do concerto previsto para 2020, unhas 400 persoas compraran xa a súa entrada. Agora, a plataforma de venda de tickets Ataquilla.com remitirá un mail a todas as persoas que xa tiñan a entrada mercada informando das opcións para devolvela ou mantela. Para o concerto suspendido puxéranse á venda entradas a 24 euros e a 28 euros, pero o evento deste ano terá unha única entrada a 24 euros, polo que ás persoas que adquiriran entradas por 28 euros se lles devolverá a diferenza do importe.

Aínda que na rolda de prensa do martes, na que participou o propio Carlos Montilla e a concelleira de Cultura, Carmen Fouces, se falou dun aforo para entre 600 e 800 persoas, a organización do evento aclarou que será a situación epidemiolóxica do momento a que determine cantas persoas se poderán reunir como público na cita da tardiña do 10 de xullo. O que si anticipou o produtor musical é que o evento atraerá a público do Noroeste da península, ao ser unha banda dunha ampla traxectoria cunha importante proxección que, ademais, acaba de publicar un novo traballo denominado XOXO. Montilla declarou que esta é "unha das bandas referenciais da música americana, con discos que xa son icónicos e parte da historia da música".

Sobre Os Amigos dos Músicos salientou que emprega en todas as súas cancións a tradición oral e que "cantando en galego nos proxectan cara a fóra e a uns sons moi particulares e con moitas influencias de xéneros estadounidenses e trazas latinoamericanas", polo que asegurou que a "combinación vai ser perfecta".

A concelleira de Cultura, Carmen Fouces, defendeu a aposta "teimuda" por recuperar a actividade cultural. "Empezamos a sentir a ledicia de camiñar cara a unha situación máis acaída para volver ao que se estaba facendo en Pontevedra no eido cultural antes de 2020", explicou a edil. "Estamos poñendo a funcionar a potente maquinaria cultural desta cidade", explicou.