The Rapants volverán ao Surfing the Lérez

A banda de Muros, que estará por terceira vez consecutiva na Illa do Covo, é a segunda confirmación do festival tras a de Javier Lago ▶ O grupo vén de lanzar o segundo single do seu novo álbum cun videoclip rodado na discoteca La Luna
 
Os muradáns The Rapants. ANDREA FRECKLESEYE
photo_camera Os muradáns The Rapants. ANDREA FRECKLESEYE

 "Como van faltar ao Surfing os que xa son a nosa familia?". O festival Surfing the Lérez, que se celebrará os días 14 e 15 de xuño na Illa do Covo de Pontevedra, vén de confirmar, a través das súas redes sociais, que un dos artistas que encabezarán o seu cartel será The Rapants. En concreto, actuarán no escenario principal, o segundo día, en horario de sesión vermú

Desta maneira, a banda de indie rock e garage de Muros (A Coruña) virá por terceira vez consecutiva ao festival pontevedrés, despois de pisar o seu escenario, por primeira vez, en 2022, para ofrecer un concerto moi lembrado, que incluíu unha colaboración con Grande Amore e no que un dos integrantes acabou no río, e de repetir o ano pasado, xa convertidos en estrelas da escena galega actual.

"Cada ano sorpréndennos cun directo mellorado e o seu novo proxecto, La máquina del buen rollo, non vai ser menos. Ganazas dos rapantes!", escriben os responsables do festival.

A confirmación de The Rapants no Surfing the Lérez chega apenas uns días despois de que a banda lanzara o segundo adianto do seu novo disco, que conta cun videoclip rodado na discoteca La Luna, de Pontevedra, entre outras localizacións. A peza está dirixida por Manu Seoane.  

O tema titúlase Rue Franklin e dálle continuidade ao que foi o primeiro novo single dos muradáns, Blaster W4u. A banda ten previsto presentar o novo álbum os días 23 e 24 de marzo na sala Capitol de Santiago de Compostela en dous concertos especiais para os que as entradas están esgotadas.

The Rapants é a segunda confirmación do Surfing the Lérez tras a do pontevedrés Javier Lago, que acaba de sacar á rúa o seu primeiro disco, Perdón por las molestias, e que foi seleccionado para a segunda fornada da aceleradora musical de Paideia e Agadic.

Comentarios