"Non nos coñeciamos de nada", contan Diego de la Iglesia (Pontevedra) e Alberto Campos (Marín), os dous músicos que formaron a banda de rock Thee Blind Crows hai xusto 15 anos en Pontevedra. "Era 2008. Eu pinchaba no Salvaje e un amigo común presentounos unha noite", lembra Alberto Campos. "Quedamos para tocar ao día seguinte e, sen pensalo moito, tiramos coa batería e coa guitarra. E a ver que pasaba". A cousa funcionou e o dúo, que probou a ser trío por temporadas, primeiro con Samuel L. París (Terbutalina) e despois con Santiago Paredes (Pladur), volve agora ás súas orixes para celebrar o seu aniversario. "Ao de facelo todo ti mesmo".
Os pontevedreses veñen de sacar un disco novo, Thee Blind Crows 0823, "no que recuperamos tanto material que nos quedara atrás como outro novo", e están embarcados nunha xira que continuará ao longo de todo o ano que vén. "En realidade, cando empezamos, eu nin sequera tocaba a batería", confesa Diego de la Iglesia. "Acababa de mercar unha e foi por iso que este amigo común nos presentou, coa idea de que xa que a tiña probara a tocar con alguén, por exemplo cun guitarrista. E así foi como nos xuntamos. O día despois de coñecernos e de resaca, alí nos puxemos a facer barullo".
"O día despois de coñecernos e de resaca, xa nos puxemos a facer barullo"
Comezaron probando a facer versións de rock and roll clásico. De The Ventures e Sonics por exemplo. A química deuse e coincidiu co descubrimento de que había bandas de dous integrantes que podían funcionar. "Por aquí non había moitos casos, Los Idiotas de Valladolid, que coñecesemos, pero a nivel internacional estaban The Black Keys ou The White Stripes". Podía funcionar e funcionou.
No ano 2010 gravaron a súa primeira maqueta, homónima. Ao ano seguinte, unha segunda, Thee lost tapes. E en 2012, en só dous días, o seu primeiro disco. Autoproducido, o seu título captaba o estilo indefinido polo que se seguen movendo. Too blues to be punk, too punk to be blues (Demasiado blues para ser punk, demasiado punk para ser blues). Despois veu todo o demais. "Enseguida vimos que a cousa ía en serio. Ao ano seguinte de xuntarnos xa estabamos compoñendo temas propios e tocando por aí".
Grupo de directo
Precisamente o seu potente "e salvaxe" directo é o que din que os define. "Sen dúbida". Nel mesturan blues, punk, garaxe, folk, surf e country. "É certo que é difícil definirnos. Estamos un pouco no limbo. Simplemente tocamos o que nos mola. E iso pode ir dende o punk ao blues". Cabe todo. "Neste disco incluímos ata unha pandeireta. Pero é o que hai. Renegamos durante 15 anos do rollo acústico e agora caemos tamén".
Estamos un pouco no limbo. Simplemente tocamos o que nos mola. E iso pode ir dende o punk ao blues
Outra cousa que din que os define é a constancia. Neste sentido recoñecen que a pandemia supuxo, máis que un punto e á parte, un punto e final para moitas bandas. Pararon nese momento e xa non retomaron as súas carreiras. "Non é só xa que falten moitas bandas, é que se nota tamén moito a baixada de afluencia da xente nos bolos. Pode ter que ver con que prefiran ir a festivais, dos que agora hai unha chea, ou con que directamente as formas de ocio cambiaron. Pero o caso é que se comparas a escena na que nós empezamos coa actual é evidente que é moi diferente. Está moito máis apagada, nada que ver".
Convencidos militantes na independencia absoluta e "no underground máximo", din que 15 anos despois o que gañaron, sobre todo, é experiencia e que iso lles dá unha perspectiva diferente sobre as cousas. "Coñeces mellor á xente. Coñeces mellor o circuito. Comezas a quitar expectativas da cabeza. E a valoralo todo máis", din. "Eu que sei, ao final non o fixemos tan mal, pateamos toda a Península tocando". O balance non é malo e a vista vai cara adiante. "Ao final, a música está presente en todo o que fas", remata Diego de la Iglesia. "24 horas. Dela, eu non me desprendo. É unha actitude ante a vida".
15 de decembro * Mardi Grass. A Coruña.
22 de decembro * Niágara. Santander (Cantabria).
20 de xaneiro * Krazzy Kray. Cambados.
3 de febreiro * Fun House. Madrid.