"Cando me desprendín das ataduras da realidade, fluíu todo como unha fervenza"

Fina Casalderrey presenta a novela A muller xabaril nun ateigado auditorio do Museo de Pontevedra e consegue emocionar ao público tras despedir o acto bailando un pasodobre co seu home
Fina Casalderrey (no centro) acompañada por Fran Alonso, Víctor Fernández Freixanes e os músicos que participaron na presentación da súa novela 'A muller xabaril' no Museo de Pontevedra. RAFA FARIÑA
photo_camera Fina Casalderrey (no centro) acompañada por Fran Alonso, Víctor Fernández Freixanes e os músicos que participaron na presentación da súa novela 'A muller xabaril' no Museo. RAFA FARIÑA

Fina Casalderrey estendeuse, este xoves, na presentación do seu último título, A muller xabaril (Xerais, 2023), falando da importancia que a música ten na súa narración. "Na novela, como na vida, hai unha música que nos acompaña. Vainos facendo e enchoupa os sentimentos de moitos personaxes". 

A música marca a novela e a música marcou tamén o seu acto de presentación, ante un ateigado auditorio do Edificio Castelao do Museo de Pontevedra. O público asistiu emocionado, por exemplo, á interpretación dunha versión en galego do Imagine, de John Lennon, a cargo de Xacobe Medina, Iker Faure e Noemi Fernández, e, sobre todo, á dun pasodobre, que interpretaron Lorena Guzmán e Judith Rey e que a propia escritora bailou por sorpresa, acompañada polo seu home, Mariano García.

Casalderrey, nacida en Xeve e afincada en Lérez, autora fundamental da Literatura Infantil e Xuvenil (LIX) galega, Premio Nacional en 1996, académica da lingua e actualmente candidata ao Premio Hans Christian Andersen (considerado o Nobel da LIX), presentaba no Museo a súa máis importante incursión na narrativa para adultos ata o momento, unha novela que naceu inspirada por un personaxe real, o de Adelina Franco, a Jabalina

Fina Casalderrey
"Aquí hai unha historia ficcionada porque eu, como Mark Twain, de cando era nena podo recordalo todo, sucedera ou non"

"Tiña moitas ganas de meterme con este personaxe", confesou a autora. "Escribín 50 páxinas hai 20 anos, pero parei porque non era capaz de reconstruír a súa biografía. Cando me desprendín das ataduras da realidade, fluíu todo como unha fervenza". Fina Casalderrey insistiu en que o que había en A muller xabaril non era a vida de Adelina Franco. "Esta é unha historia ficcionada porque eu, como Mark Twain, de cando era nena podo recordalo todo, sucedera ou non". 

Na presentación, a escritora estivo acompañada polo presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Fernández Freixanes, e polo director da editorial Xerais, Fran Alonso. "Entendinlles aos dous que esta era unha novela estupenda, pero eu non podo dicilo como o din eles. Eu o que podo dicir é que a min me gustou escribila e que esta é unha historia que me segue emocionando".

Víctor Fernández Freixanes
"Esta é unha novela de misterios e unha novela ambiciosa na que Fina Casalderrey arriscou e puxo moita coraxe"

No caso de Freixanes, o presidente da RAG sinalou que era honra aparecer, xunto á súa muller, [María Dolores Cabrera, Malós], na dedicatoria do libro. Segundo quixo puntualizar, el non era moi partidario de empregar a expresión narrativa para adultos. "Porque que é iso exactamente? Fina escribe dende hai moitos anos para futuros adultos e eu mesmo gocei moito cos seus libros supostamente escritos para a cativada. Fina leva escribindo para adultos hai moito tempo", explicou. "Escribir para lectores novos é dificilísimo. Tanto como escribir poesía. E son precisamente os dous xéneros onde é máis fácil caer na impostura. Por todo isto, eu teño unha longa admiración por Fina como autora, así que diría que esta simplemente é unha novela máis".

Freixanes, que definiu A muller xabaril como "unha novela de misterios e unha novela ambiciosa na que Fina arriscou e puxo moita coraxe", tamén quixo afondar na cuestión de que este título non era unha biografía. "Esta non é a historia da Jabalina. Utilízase a súa historia para construír un personaxe autónomo, aínda que varias xeracións de pontevedreses a vaiamos ler coa pantasma da Jabalina detrás porque esta é tamén unha novela da memoria".

Fran Alonso
"Estamos ante unha pedrada na conciencia, un libro de paz con banda sonora de John Lennon, unha novela arrebatadora"

Fran Alonso si que se referiu a este traballo como "a primeira novela de Fina para adultos". O editor eloxiou a ambición creativa dunha autora que suma novos retos dentro da súa traxectoria literaria. "O resultado é unha pequena alfaia que demostra que segue a ser unha escritora inconformista e todoterreo", dixo. "Aquí volve demostrar que ten unha enorme capacidade narrativa e unha enorme capacidade poética, ademais dunha sensibilidade extrema para contar historias".

Para Alonso A muller xabaril é "unha novela intensa, emotiva e emocionante", que trata cuestións relacionadas coa vida, a dor, a saúde mental, a familia, a amizade, a represion, a rebeldía, a indeferenza. "os silencios mestos e opacos" e, sobre todo, a exclusión. "É unha pedrada na conciencia de calquera persoa. É un libro de paz con banda sonora de John Lennon. É unha novela arrebatadora".

Comentarios