Sés: "Tiven que aclarar que o meu traballo é escribir cancións, non ser cantante"

Cantoautora, que non cantante, Sés leva xa unha dilatada carreira ás súas costas. O seu oitavo disco, Diante un eco, rompe coa súa etapa anterior e amosa un traballo máis desenfadado, que nas súas propias verbas naceu de maneira natural, espontánea. E que a está a levar de xira, como non, polo alto e ancho da xeografía galega
Sés nunha imaxe promocional. DP
photo_camera Sés nunha imaxe promocional. DP

Estreou disco o pasado 25 de novembro, Diante un eco, pero din algúns dos seus achegados que xa se atopa traballando no seguinte. María Xosé Silvar (A Coruña, 1982), coñecida artisticamente como Sés, parece ter a escritura por castigo. Un castigo que, sen embargo, dá a impresión que asume con ledicia. A súa carreira contempla xa oito discos e non parece que teña intención de deterse. E, polo de agora, o que non se detén é a súa nova xira: tras deixarse ver por A Coruña e Santiago de Compostela, no horizonte aparecen xa Lugo, Ourense, Vigo e Narón. E, quen sabe se cedo, tamén Latinoamérica. 

Comentou que con Liberar as arterias pasaba xa, no musical, a estar en primaria. ‘Diante un eco’ é o salto á secundaria?
Aínda estamos en primaria: aprendendo a facer ben as letras e a non saírse da raia. É unha etapa na que xa hai parte do proceso técnico que teño moi asumida, así que me enfronto a esta nova etapa con máis oficio, que é moi importante. Pero non: aínda non me considero tanto como para estar na high school.

Que considera que ten que facer para dar ese paso?
Facer máis discos, máis cancións. Penso que a facer apréndese facendo. Non é diferente de calquera outro oficio. A escribir apréndese escribindo. Iso seguro que o diría calquera novelista. Escribir cancións, escribir outro tipo de cousas, non é diferente. Creo que a música é un oficio no que se aprende a base de facer, de observar, de escoitar moito. Tamén de equivocarse. É o único xeito de mellorar. Máis alá de que por suposto ti xa teñas unha inspiración que é túa, que vén contigo. Un talento, unha querenza por esa actividade.

Diante un eco.
Con Diante un eco ocorreume unha cousa que non me ocorrera con Liberar as arterias. Se ben é certo que Liberar as arterias era o último disco dunha etapa que sentía que era o que mellor fixera ata o momento, ese mesmo sentimento supoño que é o que me levou a darme de conta de que era o final dunha etapa. Agora mesmo, con Diante un Eco, non teño esa sensación porque precisamente o vivín como un novo comezo. Aínda necesito máis perspectiva para valoralo, máis tempo.

Non foi un disco predeseñado: foi facendo o camiño como puiden saber a onde tiña que chegar


Para un disco de 2022 pode botar man dunha letra de 2010. Nese sentido, a composición soe necesitar arranxos?
A inmensa maioría non teño que arranxalas. Soen ser de cousas bastante, digamos, esenciais. Se fago cambios, soen ser cambios máis formais que profundos. Máis morfolóxicos. Polo xeral, cando escollo unha letra é porque me identifico con ela, porque me sigo identificando con ela a día de hoxe. Ademais levo dez anos, non corenta, polo que para min é relativamente fácil identificarme cunha letra que fixen fai unha década. Non sei que pasará dentro de vinte anos, pero é probable que con moitas delas me siga identificando porque eu falo moito, máis que de concretos, de conceptos moi xenéricos que van máis alá dunha situación concreta. Moitas veces teñen que ver coa propia concepción humana, sobre a reflexión que eu fago desa condición. E, por desgraza, moitas das miñas opinións acaban por non mudar.

Máis que música, considérase escritora?
Escritora tampouco. Iso é moi grande. Cancionista chega. Precisamente porque creo que a miña mellor forma de expresarme é facendo cancións. Quero dicir: non é que eu teña a vontade de ser escritora, pero elixise a música. Non, é que a miña forma natural de expresarme é esa: facendo cancións. Si que teño poemas escritos, pero é un ámbito que me dá moito máis pudor, ao que lle teño un respecto inmenso, porque son unha lectora de poesía moi voraz. A día de hoxe nunca pensei en publicar. Eu penso que son cantoautora, e cantoautora leva consigo escribir: escribir, pero escribir cancións. E cando me refiro a iso, refírome ao feito de que moitas veces ti sabes perfectamente que a Drexler ninguén lle chama cantante, a Silvio Rodríguez ninguén lle chama cantante. Sen embargo, cando unha muller se dedica a facer cancións, chámanna cantante. E eu non me identifico con iso. Por iso o corrixo. "Vostede é cantante?" Non, eu non son cantante. Son cantautora. No mundo da muller é diferente. A muller que canta é cantante. Por iso eu insisto en que non, porque dalgún modo obrigáronme a deixalo claro. Non porque teña ningunha intención de exaltar a miña capacidade literaria, senón porque moitas veces tiven que deixar claro que o meu traballo é escribir cancións, non ser cantante.

É difícil materializar, da forma máis fiel, o que un ten na cabeza?
Depende do caso, da canción e do disco. Por exemplo, Liberar as arterias si que se parecía moito ao que eu imaxinara. Ou, incluso, no caso dalgunhas cancións o resultado era aínda mellor do que imaxinara. Noutros casos, ao mellor de cancións concretas, si que podes dicir: "Aínda me falta algo por aprender, porque aínda non son capaz de mellorala". Neste disco, por exemplo, pasou unha cousa moi curiosa: era consciente de que o camiño era o que me ía levar, facendo o camiño ía a saber a onde tiña que chegar. Non tiña tan claro como quería que fose. Fun facendo. Cando escoitei o disco, desde fóra, aínda que resulte incrible, dixen: "Anda, un disco que soa alegre". E non é que eume sentira así e por iso decidira que ía a facer un disco alegre. Non fixen iso. Pero, dalgún modo, o momento vital, individual e colectivo guiou a miña escolla e a miña forma de ir dándolle forma aos temas. E o resultado foi sorprendente, que non por iso menos satisfactorio. Pero si que quizais non tan predeseñado previamente. Gocei facendo o que me suxerían os temas. Escollín aqueles que quería facer e desfrutei de facelos. Foi un proceso co que quedei moi satisfeita, aínda que só fose polo feito de facer un disco que me resultou dinámico e alegre.

En Latinoamérica sentiu que a aplaudían a vostede, sen máis lecturas que a propia admiración á súa música.
Eu quero deixar claro que aquí non me considero representante de nada. O que pasa é que, por desgraza, vivimos nunha situación de conflito lingüístico, polo que a túa escolla lingüística colócate nunha determinada posición ideolóxica. A xente politízate. E aínda que eu teña unha opinión política, como todo o mundo, o que si que é certo é que eu non o fago dun xeito político: a miña escolla é natural. Si que cando eu fixen ese conxunto de versións en español e as cantei na última xira de Latinoamérica, sen ese código de por medio, aínda que eu canto obviamente tamén en galego, eles non tiñen ese conflito lingüístico e só me estaban escoitando a min. Unicamente o que eu dicía, porque non existe nada máis. É verdade que esa experiencia nunca a vivira. É curioso, soa forte, pero nunca a vivira: que, de súpeto, a persoa que teño diante simplemente escoitara o que lle estou dicindo sobre un tema en concreto. E ver a reacción foi moi satisfactorio, no sentido de que quizais por primeira vez escoitábanme ao 100%. Libres de preconceptos cos que non me identifico. Que eu pense dunha maneira determinada politicamente, a nivel lingüístico sobre todo, non quere dicir que as miñas cancións non se fagan dun xeito natural. Eu non estou pensando todo o día que a miña lingua é o galego. Estou a falalo. Non ten moito máis. Claro que penso que é a miña lingua, claro que penso que non debe morrer, pero cando a utilizo é de xeito natural. Polo que, claro, cando a xente te escoita con determinados preconceptos é cousa súa, non cousa miña.

Comentarios