"Todas as historias son historias de amor"

O cineasta marinense Ángel Santos estrea en Galicia, no festival de Cans, o seu último traballo, a curtametraxe Así vendrá la noche ▶ O filme, cuxa historia ampliará nunha longametraxe, pasou polos festivais de Xixón, Cosquín e D’A
 
A actriz Violeta Gil nun fotograma de 'Así vendrá la noche', de Ángel Santos.
photo_camera A actriz Violeta Gil nun fotograma de 'Así vendrá la noche', de Ángel Santos. DP

É Así vendrá la noche unha historia de amor? "Todas as historias son historias de amor", responde o cineasta Ángel Santos (Marín, 1976), falando da súa última curtametraxe. "Pero dándolle unha volta. Neste caso, co punto da distancia, dunha separación que non se acaba de entender ben. As relacións sentimentais como punto de unión de outras moitas ideas sempre están aí".

Santos estreará este seu último traballo en Galicia a semana que vén, no Festival de Cans (que se celebrará do 18 ao 21 de maio). "É bonito que sexa aí. Hai algo moi guai na dirección cara a que está indo esta programación. É o mesmo festival de sempre, pero estase abrindo cada vez máis á xente nova. Iso gústame moito. Ademais coincidirei na sección competitiva con varios amigos e iso sempre é bonito". Refírese, por exemplo, ao meañés Eloy Domínguez Serén, que compite con Rompente (mellor curta no Festival de Cine de Málaga), e ao vigués Lois Patiño e o arxentino Matías Piñeiro, que presentarán Sycorax (despois de pasar pola Quincena de realizadores do Festival de Cannes).

Unha imaxe de 'Así vendrá la noche', de Ángel Santos.
Unha imaxe de 'Así vendrá la noche'.

O pase de Así vendrá la noche en Cans coincide case no tempo coa súa proxección no D’A Film Festival Barcelona, polo que Santos sente un especial agarimo. "Porque cada proxecto no que me involucro acaba estando por aí", explica, ao tempo que lembra que a curta se estreou orixinalmente, a finais do ano pasado, no Festival de Xixón. Agora, tamén se proxectou no Festival de Cosquín, en Arxentina, "do que Roger Koza é o programador, así que aprezo moito que a seleccionasen". O realizador está contento coa vida que vai tendo este traballo. "Non é o tipo de curta que se vai ver en 200 festivais e vai gañar unha chea de premios. É suficiente que se vaia vendo en lugares especiais". 

Dende a longametraxe Las altas presiones, Ángel Santos non rodara nada de ficción. Fixo, iso si, outros traballos, como unha peza sobre o pintor Manuel Moldes, e seguiu vinculado ao proxecto de Cinema en curso, no que se traballa coa rapazada. "En realidade esta curta sae a partir do proxecto dunha longametraxe", conta. Titularase Así llegó la noche. "Este traballo, que naceu case como un xogo, anticipa o que será o outro", explica o cineasta que relata como os proxectos cinematográficos son froito de procesos lentos nos que se pasa moito máis tempo elaborando dosieres que rodando. "Á contra de todo iso foi que saíu a curta. Partimos dos personaxes da longametraxe e da súa historia, pero démoslles unha volta". Por exemplo, na longa o peso recaerá máis sobre o personaxe masculino, mentres na curta ocorre ao contrario. "Ou, eu que sei, adiántanse cousas que se explicarán ou se desenvolverán despois no filme". Porque temporalmente Así vendrá la noche sucede meses antes de que suceda Así llega la noche

O realizador acaba de gravar en Vigo outra curta, Alicia fai cousas, protagonizada pola actriz pontevedresa Alicia Armentero.

En principio, a idea é repetir co equipo de traballo co que se realizou a curta. Isto é: Violeta Gil dándolle vida ao personaxe feminino e Denis Gómez ao masculino; Iván Castiñeiras, como director de fotografía e Pablo García Canga, como coguionista. "O bo destes proxectos é que permiten probar cousas, experimentar e coñecernos, para despois poder desenvolver máis comodamente o traballo". Miramemira está detrás da produción da curta; da da longa estará a produtora de Alfonso Zarauza.

O actor Denis Gómez na curta 'Así vendrá la noche', de Ángel Santos.
O actor Denis Gómez na curta.

En ‘Así vendrá la noche’, Ángel Santos insiste nun cine mínimo e delicado. "Non son capaz de librarme de min mesmo", recoñece. "Pero sempre estás investigando e probando cousas novas. Neste caso penso que se nota o traballo con Pablo García Canga no guión. E nótase no peso da palabra". 

PABLO BARREIRO. Á parte da palabra, outra cuestión importante en Así vendrá la noche e no conxunto do cinema de Ángel Santos é a paisaxe. "Sempre que nace unha historia nova nace da paisaxe. E neste caso é fundamental Pablo Barreiro, o escultor de Dena que me descubriu todos eses espazos que se ven na curta, empezando polo seu propio taller. Aínda que o personaxe masculino é pura ficción, toda a súa andamiaxe está construída arredor de Pablo Barreiro".

Á parte de preparar o que será a longametraxe Así llega la noche ("a ver se puideramos estar rodando o ano que vén"), Santos acaba de gravar outra curta. Rodada en Vigo, titúlase Alicia fai cousas. A súa protagonista é a actriz pontevedresa Alicia Armenteros.


BELAS ARTES APODÉRASE DO FESTIVAL PORRIÑÉS
Dúas seccións do Festival de Cans deste ano, Furacáns e Novas camadas, incluirán a proxección dun bo número de proxectos de cineastas e realizadores audiovisuais que pasaron pola Facultade de Belas Artes de Pontevedra

Da selección de Furacáns, conformada por traballos de non ficción, forma parte Somos?, debut da exalumna Antía Enciso. Trátase, segundo a web do propio festival, dun vídeoensaio no que se reflexiona sobre os límites entre a identidade individual e colectiva, a autoconstrución e o xénero. Tamén en Furacáns se poderá ver Galice Galice, de Yasmina Farhani, un percorrido polas sonoridades que compoñen as rutinas diarias, da radio á choiva.

Outras dúas realizadoras saídas de Belas Artes proxectarán as súas obras na sección Novas camadas. Trátase de Sandra Gutiérrez, que presenta Miradas, un videodiario realizado durante o confinamento no que se reflexiona sobre o sentimento de soidade e as relacións interpersoais, e de Candela Conde, que estrea no festival A casa dos avós, un proxecto de corte experimental no que a directora percorre os espazos da casa que construíron os seus bisavós hai 80 anos.

A presenza pontevedresa tamén inclúe o traballo de varios músicos na sección de videoclips. Por una banda, opta a facerse co premio desta categoría Todo o que che din, dos Verto (o proxecto musical que desenvolveu o pontevedrés Alberto Mira Berto co compostelán Fernando Peleteiro Fer). A directora do traballo foi a meañesa Alba Domínguez, formada na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra. Tamén opta a mellor videoclip Mírame, dirixido polo realizador de Vilaboa Carlos Calvar para o cantautor pontevedrés Queco Lago, que vén de debutar cun EP titulado Perspectiva. Protagonizado por Sara Docampo e Rebeca Filgueira, foi rodado en distintos espazos da costa de Pontevedra.

Comentarios