"A todo o bo sempre lle chega o final"

Unha trintena de alumnos e alumnas do obradoiro municipal Rocklab protagonizan o espectáculo final do Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que o estado de alarma obrigou a celebrar de xeito virtual practicamente na súa totalidade
photo_camera Distintos momentos do espectáculo de peche do Salón do Libro, que se celebrou on-line e correu a cargo da cativada do obradoiro municipal Rocklab.

Coa melodía e cos asubíos da canción Always look on the bright side of life, coa que o grupo de humor británico Monty Phyton pechaba a película A vida de Brian, parte do alumnado do obradoiro municipal de música rock Rocklab despediu este domingo o XXI Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, unha edición marcada polo estado de alarma derivado da expansión do coronavirus.

"A todo o bo sempre lle chega o final", cantaba a rapazada nun dos primeiros números do espectáculo de clausura do Salón, retransmitido on-line a través das redes sociais e da web do evento e dividido en dúas partes: Os cabaleiros e as damas do rock e Rock 'N' Roll Monsters.

Tras máis de dous meses de actividade, o Salón despediuse cun concerto de clausura coordinado polo equipo que está á fronte do Rocklab, o obradoiro que dirixe o músico e mestre Gonzalo Maceira (Furious Monkey House). Segundo informou o Concello, máis de 30 alumnos e alumnas deste taller, de entre 6 e 10 anos, prepararon este espectáculo on-line usando as aplicacións Google Classroom e Zoom.

"Ao traballar dende as casas foi fundamental a involucración dos pais. Sen a súa colaboración e a súa implicación ao cen por cen non tería sido posible chegar a bo porto", sinala Gonzalo Maceira, en palabras facilitadas polo Concello. "Aínda que pareza imposible, o audio é da propia cativada".

A despedida do salón aínda se pode visualizar nas redes sociais

LORES E FOUCES. Na súa xornada de clausura, o Salón tamén compartiu outros contidos como a segunda parte do obradoiro Aprende banda deseñada con Fiz, de Kiko da Silva, un sorteo e outras propostas, como un vídeo de despedida da concelleira de Cultura, Carme Fouces, e do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores. "Quero facer un recoñecemento público tanto aos nenos e nenas como aos profesionais da cultura, aos profesores e profesoras, que encheron de contidos este salón virtual", sinalou o alcalde. "Agardo que o ano que vén poidamos facer un salón presencial, porque este evento é un sinal de identidade de Pontevedra do que estamos moi orgullosos".

Para a concelleira de Cultura, este foi "un salón do libro moi diferente, pero no que tamén aprendemos moito". "Estamos abraiados do compromiso que acadamos. Temos rexistrados máis de 120.000 impactos nas redes. Moitas grazas pola participación", dixo Fouces, que ao longo da corentena fixo fincapé en que todas as actividades on-line do evento eran remuneradas, o que permitiu manter en grande medida os contratos que se asinaran con empresas e artistas do eido cultural. A organización ten pendente a reprogramación dos espectáculos que non se puideron reformular. "Xa estamos traballando para 2021".

Tanto o vídeo do espectáculo do Rocklab como o da despedida do alcalde e da concelleira de Cultura aínda se poden visualizar nas redes sociais do Salón do Libro de Pontevedra, na súa canle de Youtube e na súa páxina web: www.salondolibro.gal.

120 publicacións e 120.000 impactos en 73 días 
A versión virtual do Salón do Libro de Pontevedra iniciouse o 17 de marzo e rematou o 17 de maio. A versión presencial, que normalmente se estendía un mes, desta volta apenas durou uns días: inaugurouse o 6 de marzo e o 13 xa estaba pechada. "Así, a edición máis breve do Salón deu paso á máis longa", sinala a organización. En total foron 73 xornadas de propostas.

Segundo os responsables do evento, no formato on-line, "acadáronse preto de 120.000 impactos (seguidores que interaccionaron a través de likes ou comentarios), dende distintas partes do mundo, mentres que as publicacións que se foron compartindo nas redes sociais e na web do Salón chegaron a 155.000 persoas".

Unha grande parte destas propostas que se compartiron foron realizadas polo monitorado do evento. O resto, por creadores e profesionais do mundo da literatura, da arte, da escena e da música. "Leváronse a cabo preto de 120 publicacións, que incluíron obradoiros, xogos, contos, etc.". A maiores, os recursos facilitados polo Salón foron compartidos preto de 1.500 veces por particulares e institucións como bibliotecas ou concellos.

Comentarios