Todo o mundo é idiota menos el

O Pazo da Cultura acolle a primeira gran exposición en España de Peter Bagge
 
Kiko da Silva, Peter Bagge e Natalia Mosquera, na exposición de Pontevedra. GONZALO GARCÍA
photo_camera Kiko da Silva, Peter Bagge e Natalia Mosquera, na exposición de Pontevedra. GONZALO GARCÍA

"Non respecta nada, como debe facer todo humorista de ambición e xenio", di Hernán Migoya no prólogo do primeiro volume de Mundo idiota, do norteamericano Peter Bagge. O texto forma parte da primeira gran exposición que o traballo deste referente do cómic underground protagoniza en España. Está en Pontevedra. "Para min o cómic é a forma perfecta de comunicarme", di o debuxante.

Todo o mundo é idiota menos eu é o título desta mostra que ocupa unha das salas do Pazo da Cultura de Pontevedra e que poderá visitarse ata o 17 de xullo. Comisariada polo tamén debuxante e director da escola de banda deseñada O Garaxe Hermético, Kiko da Silva, está composta por unha serie de portadas da súa serie de máis sona, Odio, ademais de por varios exemplares deste cómic e unha colección de páxinas enmarcadas, tanto en branco e negro como en cor.

Detalle de 'Todo o mundo é imbécil menos eu'. GONZALO GARCÍA
Detalle de 'Todo o mundo é imbécil menos eu'. GONZALO GARCÍA

A proposta quedou aberta ao público despois dunha charla entre Bagge e a súa editora en España, a pontevedresa Natalia Mosquera, de La Cúpula, principal responsable de que o autor incluíse Galicia na que é a súa sétima visita a España. "Yo no podía creer que hubiese un cómic tan macarra y tan divertido como Odio", dixo a editora ao respecto do descubrimento da obra de Bagge. 

O estadounidense recoñeceu que en poucos sitios era recibido co entusiasmo co que o é en España, unha cuestión que el relaciona directamente coa tradución que fixo da súa obra Hernán Migoya. "Era o único dos meus tradutores que se poñía en contacto comigo para facerme consultas, por exemplo, sobre as referencias que había no meu traballo, para buscar equivalencias aquí. Que facían os outros tradutores? Non teño nin idea! Supoño que en moitos casos se cargaron o humor da obra". 

Para min o cómic é a forma perfecta de comunicarme

Bagge repasou a súa traxectoria, da man de Natalia Mosquera, Falou de como lle gustaba ler, de cativo, as tiras de Snoopy nos xornais. Tamén da importante influencia que foi na súa traxectoria Robert Crumb. "Foi xenial traballar con el. É un mentor marabilloso", dixo.

Referiuse ao personaxe máis importante da súa obra, Buddy Bradley, e a como cría que as aventuras deste representante da Xeración X seguían funcionando hoxe "porque representa moi ben ao que é o comprador tipo de cómics underground".