Sara Vila: "Todo o relacionado co pracer feminino estivo demasiado tempo mal visto"

Arredor da intimidade dunha rapaciña, exposta sen adornos, Sara Vila constrúe a súa segunda novela, O incendio. Este xoves chega ás librerías esta historia de profundo calado sobre a familia, o espertar sexual e o descubrimento do mundo dende o rural galego.
A escritora Sara Vila no café Blanco y Negro de Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera A escritora Sara Vila no café Blanco y Negro de Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Tras o debut que supuxo Oito días sen Eva Cortes (Galaxia, 2021), gañadora do Premio Illa Nova de novela, a escritora e xornalista Sara Vila (As Neves, 1989) confírmase como unha nova voz da literatura galega con O incendio (Xerais, 2024), pola que recibiu un dos máis importantes galardóns da narrativa en Galicia, o Premio Blanco Amor. Veciña de Pontevedra, a autora confesa que levaba tempo querendo escribir sobre o lume. 

Vai a premio por novela. Isto suma máis presión ou máis felicidade? Dálle importancia aos galardóns?
Importancia doulla porque é unha alegría. Gañar un premio é unha maneira de saír con máis seguridade. O respaldo dun xurado dáche tranquilidade. Iso non quita que os días previos á saída da novela esteas un pouco nerviosa e en tensión por ver que pasa e o que din dela. É como presentar unha parella aos teus amigos: sempre queres que lles caia ben, pero non sabes o que vai pasar (ri). 

Abandona aquel thriller que foi o seu debut na literatura galega para escribir unha novela de corte máis íntimo. Que é O incendio?
Para min é a historia dunha adolescencia, a historia dunha moza que está pasando por este momento concreto da súa vida. Neste caso, ademais, marcada pola decadencia dunha figura moi importante para ela, a da súa avoa. 

Dábame moito medo caer nesa idea da avoa ideal, no estereotipo dese anxo do fogar que cociña moi ben e que nos enche de agarimo. Aquí temos unha avoa que ten as súas sombras

A relación interxeracional entre una neta e a súa avoa é o eixe central desta historia.
É unha relación moi habitual. As avoas coidadoras estiveron e están moi presentes na nosa sociedade. Dende sempre. O que pasa é que, na época na que se ambienta a novela, que podería ser cara finais dos anos 90 ou principios de 2000, eu creo que a palabra conciliación nin se mencionaba. Pero precisamente nese momento foi cando a xeración das mulleres que se correspondería coa da miña nai se incorporou masivamente ao mercado laboral. As avoas supuxeron unha axuda fundamental. Porque se producíu un baleiro no coidado das nenas. Ao tempo, tamén no das persoas maiores. Había unha ausencia total de servizos, unha serie de carencias, que se aprezan moi claramente na novela. Ese vínculo interxeracional entre avoas e netas creo que, ademais, se dá moito máis e moito máis forte no rural, como pasa precisamente nesta historia. Está a conexión coa avoa, pero non só con ela, senón tamén coas amigas da avoa. Entre outras cousas porque as nenas do rural adoitan estar bastante soas ao non haber outras cativas. É bonito entender como se relacionan a avoa e a neta e tamén como a avoa inflúe na neta, non sendo para nada unha avoa perfecta nin idealizada. É unha avoa que ten os seus propios prexuízos, que viviu as súas propias violencias, por exemplo, unha educación castrante, como todas as mulleres da súa época. E iso contrasta cos inputs que recibe una nena criada nos anos 2000, cando as mulleres eran retratadas como obxectos en todos os medios de comunicación. Era algo que estaba moi presente. E segue estando.

O xurado do Blanco Amor destacou a forma desprexuízada coa que enfrontou o retrato da adolescencia, pero fai outro tanto coa vellez.
A min o que me daba moito medo é caer nesa idea da avoa ideal, nese estereotipo dese anxo do fogar que cociña moi ben e que nos enche de agarimo. Aquí temos unha avoa cunha forte conexión coa súa neta, pero que tamén ten as súas sombras. Iso acaba por exercer na moza tamén unha influencia negativa, por dicilo así, sobre todo no que ten que ver coa súa sexualidade.

Aquelas imaxes tan terribles dos incendios de 2017 inspirábanme moito. Igual que tamén me inspiraba a decadencia que aprezo en lugares que coñecín estando moi vivos e que hoxe están abandonados e devorados pola maleza

Unha sexualidade feminina que vostede trata tamén con realismo e lonxe de romanticismos. Isto parece conectala con outras autoras contemporáneas como Andrea Abreu ou Sara Mesa. Pode ser?
A min paréceme que a retrato dunha forma realista. Penso que as mulleres comezan a vivir a súa sexualidade dunha maneira moi parecida a esta que eu conto. Non sei moi ben a que se debe, pero todos os referentes que tivemos, na miña xeración polo menos, amosaban o sexo como algo moi estereotipado. Con iso fixemos o que puidemos. Aquí, de fondo, está un debate moi interesante sobre o desexo. Que é o que realmente desexamos? Ás veces é imposible saber ben se o que desexamos é así porque realmente o desexamos nós ou se é así porque é o que nos dixeron que era o que debiamos desexar. Coa Lei do ‘só si é si’ falouse moito destas cuestións. 

Do tema do consentemento.
Esa ambigüidade da que tanto se falou, si: o feito de se unha é realmente consciente de se quería ou non quería; ou de se quería, pero non desa maneira. A miña opinión é que a sexualidade das mulleres se construíu moitas veces en base a situacións violentas, inesperadas... Bruscas, se non se quere empregar a palabra violenta. Tamén en base a esconder ou non falar de cuestións como a masturbación.

Do pracer feminino en xeral.
Era o que ía dicir: todo isto é algo que vai máis alá do sexual ou do erótico. É algo que abrangue todo o que é pracer. Todo o que tivo que ver co pracer e co disfrute feminino durante demasiado tempo estivo mal visto. 

Por que escolleu o lume para darlle título á novela?
Apetecíame moito escribir sobre un incendio. Digamos que ese é o xerme da novela. Cando a estaba escribindo repasaba moitísimo as fotografías e vídeos que teño no móbil dos incendios de 2017. Porque eu son das Neves, que foi un espazo totalmente devastado polo lume. Despois tiven un parón na novela por cuestións de traballo e outras cousas e volvín recuperar a historia precisamente durante a vaga de 2022. Aquelas imaxes tan terribles inspirábanme moito. Igual que tamén me inspiraba a decadencia que aprezo en lugares que coñecín estando moi vivos e que hoxe están totalmente abandonados e devorados pola maleza. Eu, que nacín no rural e que o visito con frecuencia, vexo como se vai degradando. 

Vermú entre libros o 4 de maio na Libraría Paz
Sara Vila presentará a súa nova novela, O incendio, o sábado 4 de maio (12,30 horas, entrada lire ata completar cabida) na Libraría Paz de Pontevedra. Será dentro do ciclo Vermú entre libros. Ao finalizar o encontro cos lectores, a autora asinará exemplares da súa obra.

Comentarios