Diego Ameixeiras: "Todos imos cargados de memoria"

"Os derradeiros días da miña vida árdenme baixo as pálpebras", comeza a última novela de Diego Ameixeiras, O cervo e a sombra. O submundo que retrata o escritor en boa parte da súa obra ábrese nesta historia á reflexión existencial. O libro preséntase mañá na Libraría Paz
Diego Ameixeiras. ADP
photo_camera Diego Ameixeiras. ADP

Preto de que se cumpran 20 anos da publicación da súa primeira novela, Diego Ameixeiras (Laussanne, Suíza, 1976) lanza O cervo e a sombra (Xerais, 2021) que o mantén como narrador de referencia no xénero negro en Galicia, pero que amplía o seu universo literario introducindo personaxes e cuestións pouco habituais nestas historias de perdedores que se moven polo lado escuro da sociedade. O escritor presentará a obra mañá (12.30 horas) nun vermú literario, na Libraría Paz, no que estará acompañado pola xornalista Teresa Cuíñas (entrada libre ata completar cabida).

Quen é Mateo, o protagonista desta historia?

Mateo é un personaxe que aquí lembra os últimos días da súa vida. Neles enfróntase de forma decisiva aos seus grandes medos como ser humano. El sufriu, por exemplo, a morte dos seus pais nun accidente de tráfico, hai anos, pero este é un feito moi dramático que aínda non foi quen de asimilar. Tamén tivo un amor no pasado, unha historia que rompeu de forma abrupta e que agora ten a posibilidade de retomar. E, finalmente, é un personaxe que está tratando de crer en algo, que está buscando algo ao que agarrarse para explicarse a si mesmo as dúbidas que ten sobre a morte, o paso do tempo e o amor.

Os lectores que busquen ese submundo que habitualmente atopan nas súas novelas vano atopar, pero tamén atoparán outras cousas. Unha certa espiritualidade, por exemplo.

Si que é unha novela que ,dentro da súa escuridade e dos seus personaxes marcados por grandes conflitos, abre unha pequena porta á esperanza. E si que está aí esa esperitualidade, esa necesidade de transcendencia que ten Mateo. Como parte de todo isto, este personaxe o que fai é dialogar cun cura, co que ten unha relación de amizade e co que comparte o reparto de alimentos entre persoas que o precisan. Nos diálogos que manteñen é onde se amosa esa necesidade que ten o personaxe de crer nalgunha cousa neses últimos días da súa vida.

"Os perdedores son os que teñen os conflitos e os que están pelexados co mundo. Os gañadores son máis aburridos"

As mellores historias son as dos perdedores ou simplemente no mundo hai máis historias de perdedores que de gañadores?

Sempre interesan máis as dos perdedores, que son os que teñen os conflitos e os que están máis pelexados co mundo no que viven. Literariamente, os gañadores son máis aburridos. Pero si que é verdade que a min me atraen os perdedores, e esa xente á que se lle abre unha última oportunidade para solucionar algo na vida. Sen embargo, nada máis empezar a novela sabes que seguramente as cousas non lle van saír ben. Ese fatalismo está tamén nesta historia. Os perdedores, volvendo ao literario, sempre son personaxes máis ricos. Como ademais me gusta escribir sobre o presente e sobre os conflitos contemporáneos, tendo a fixarme máis na xente que non ten unha vida fácil. Iso, para min, tampouco significa que sexas un perdedor, senón que todo che resulta máis complicado polas circunstancias que che tocaron.

Na editorial destacan como se trata a memoria na novela. Ata que punto pesa o pasado no presente dos personaxes?

Cando se atravesa unha crise persoal ou emocional forte, todos nos convertemos en pasado. O presente vólvese algo complicado, que non sabes ben como xestionar, así que o que fas é mirar cara atrás. Porque o pasado é algo presuntamente inamovible, aínda que a interpretación das nosas propias lembranzas é algo que vai cambiando co tempo. A memoria de Mateo está moi presente na historia, porque o seu día a día é moi escuro. Pelexa por sobrevivir e saír adiante. Pero el fundamentalmente é pasado, si. Non sei se isto o converte nun personaxe melancólico, pero está claro que ten que cargar con cousas do seu pasado que están sangrando todo o tempo. A medida que pasa o tempo, todos imos máis cargados de memoria. A vida é así.

O libro está cheo de homenaxes, de referencias de libros e películas. É moi bonito descubrir 

Esperanza, amizade, amor, espiritualidade, memoria... Na súa crítica do libro, David Rodríguez (ofunambulistacoxo.blogspot.com) fala dun "Evanxeo segundo Mateo". Algo diso hai.

Hai. O libro está cheo de homenaxes, de referencias a libros e películas, das miñas influencias como lector e como espectador. Que o protagonista da novela leve o nome dun evanxelista ou que apareza un cervo e haxa todo ese fondo relixioso non é casual. Son detalles ao servizo da historia. Persoalmente é algo do que gozo moito como lector e como escritor, atopar no texto homenaxes a escritores, a cineastas... É moi bonito descubrir cousas desta maneira. Aquí fálase de ‘Descalzos polo parque’ como a película preferida dos pais de Mateo. Encantaríame que alguén a descubrise lendo o libro.

É a súa novela número doce. Permanece algo do xornalista que foi en vostede ou xa nada?

Si que hai algo, esa atención ao presente, por exemplo. En todas as miñas novelas case todo está sacado do que leo nos xornais. Iso permanece. Nesta mesma novela, esa sensación de crise, de derrota, de falta de horizonte que tratei de debuxar está copiado da realidade que levamos arrastrando tanto tempo.

Comentarios