Tomás González Ahola: "Valente non sei, pero a cabeza non para"

Con súa nai, Tuula Ahola, este autor e editor asina a tradución do 'Kalevala' finés ao galego. Levoulle 20 anos facelo. Agora publícao Rinoceronte

Tomás González Ahola. RAMIRO TORRESQue é o Kalevala?

É o poema épico nacional finlandés, unha obra do século XIX, feita por Elias Lönnrot a partir dunha compilación de poesía tradicional finlandesa modificada.

Non hai nada parecido en Galicia ou en España. Non se pode dicir que sexa o Quixote finés, por exemplo.

Non, aínda que en Europa é bastante común. Cando se definen as identidades nacionais, no XIX, iso ten a súa traslación á literatura. Aí están o Ossian, de James McPherson, no caso de Escocia, ou a Chanson de Roland, en Francia. Hai algunhas que son pezas medievais auténticas, outras que son pura falsificación e outras que son mixtas, como o Kalevala.

Díxolle a César Lorenzo Gil (biosbardia.wordpress.com) que lle levara 20 anos facer esta tradución ao galego.

A ver, foron 20 anos dende que comecei a facela. Quedou moito tempo nun caixón. Foi miña nai a que retomou o traballo hai un ano e pico. Ela deulle un pulo enorme e despois rematamos os dous man a man.

Súa nai, Tuula Ahola, unha finesa afincada en Vilaboa.

Exactamente. Eu son de Vilaboa.

E vaise entender en Galicia?

Vaise entender. Á parte é unha edición anotada. É certo que son versos dunha cultura bastante remota, pero pódese entender como calquera outro poema épico europeo. Porque ademais ten unha beleza enorme, é espectacular.

Esa cultura remota, a finesa, está idealizada dende aquí, por exemplo, no ámbito educativo. Temos tanto que aprender deles?

Hai moito que aprender deles, pero tamén é certo que dentro da propia Finlandia hai críticas ao sistema educativo. Hai xente que pensa que si hai que dicirlle ás veces que non á rapazada, que a educación ten que ser máis regulada... O que si é certo é que os resultados están aí.

Ademais de tradutor ao galego do Kalevala e de autores como Poe ou Lovecraft, é fundador de dous selos editoriais en Galicia: Urco e Contos estraños. Alguén diría que é vostede un valente.

É que a cabeza non para (ri). A min sempre me gustaron os libros e sempre me gustou facer cousas con eles. De feito, alén de ser fundador desas dúas editoriais tamén o son dunha imprenta: Sacaúntos. Agora, valente, non sei. O que pasa é que cando acabas unha carreira como a miña, Filoloxía Clásica, algo tes que facer. E se non queres adicarte á docencia, como era o meu caso, pois buscas outras saídas.

"O sistema literario galego compite cun monstro, o do español, que esmaga todos os esforzos que se poidan facer dende aquí"

A cabeza non para ata o punto de que na súa biografía sinala que foi músico de sesións vermús e electricista non cualificado. Dío en serio ou é unha brincadeira?

É todo verdade. Sempre digo que paguei a carreira tocando El chacachá del tren e La ventanita del amor. Estiven dez veráns traballando no mundo da pachanga. Pero é que sempre fun unha persoa bastante curiosa e todos os oficios teñen o seu aquel. Todo me tira. No lle fago ascos a nada.

Pero en moitas das súas fotos que circulan pola rede aparece vestido como un heavy.

Ah, porque un ten os seus gustos persoais. Son cousas diferentes. O das verbenas era para gañar cartos. Non ten que ver.

Tamén é escritor. "Escritor de mentiras", segundo di. Porque se non sería xornalista.

Claro.

Asina co seu nome e tamén como Martinho Terrafría.

Cando sacamos a colección Libros da merenda en Urco, eu e máis o meu compañeiro Denís [Fernández Cabrera] decidimos empregar pseudónimos. El púxose Vladimir Zatonski, que era o presidente dunha crebada República Soviética de Galicia, e eu Martinho Terrafría porque a esa altura estaba a traducir Laura das Neves e a sociedade literaria dos nove, de Pasi Ilmari Jääskeläinen, e nesa novela había un personaxe fascinante, Martti Terrafría, que quixen homenaxear.

Xa co seu nome foi de Galiza mutante: Poder nuclear!, coa que debutou en 2013, a Da fría e distante estrela polar, en 2016. Como é a súa narrativa? Que cousas lle interesan como autor?

A min sempre me interesou a literatura fantástica e especialmente o ámbito do terror, do terror cósmico e da ciencia ficción escura. Da fría e distante estrela polar quizais é a obra na que mellor se ve o meu estilo, un estilo lovecraftiano. De calquera xeito, eu sempre digo que non son unha persoa de novelas, senón de relatos longos. Será porque teño pouco tempo para pararme.

Tradutor, escritor e editor. Poucas persoas traballan en tantos ámbitos diferentes dentro do sector literario galego. Cales pensa que son os maiores problemas aos que se enfronta?

Pois mira, non vou dicir iso da falta de apoio institucional, porque ese discurso choromicas nunca me gustou. Por un lado, está claro que non hai demasiados lectores. Pero, sobre todo, o gran problema da literatura galega é que compite cun sistema moito máis poderoso, o do español, un monstro que esmaga todos os esforzos que se poidan facer dende aquí.

Di a súa biografía na web da editorial Urco que "sabe que nun futuro non moi afastado as autoridades acabarán por prendelo e recluílo nun zoolóxico tras dun cartaz de advertencia que poña Non dean de comer aos escritores". Porque todo o mundo sabe que os escritores deben pasar fame.

Efectivamente. Quitando a Martti Terrafría, que era obeso. Pero, polo demais, está claro que este oficio, polo menos en Galicia, non dá moito de comer.

Comentarios