Tosar chama "sectarios" aos que critican a Filgueira Valverde por ser "de dereitas e católico"

O escritor defende que era un "galeguista" que non enganaba a ninguén
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, e o escritor Luís Tosar
photo_camera O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, e o escritor Luís Tosar

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) sumouse este luns á conmemoración do Día das Letras Galegas cun acto literario no que se puxo en valor a defensa do idioma realizada polo homenaxeado este ano, o intelectual pontevedrés Xosé Filgueira Valverde. Durante o acto, o escritor galego Luís G. Tosar repasou a vida e obra de Filgueira Valverde, considerado o último polígrafo de Galicia, e contou que tivo a honra de coñecelo persoalmente.

Desde unha perspectiva próxima, G. Tosar defendeu a "actividade social e cultural de primeira magnitude" impulsada polo distinguido este 17-M, que foi "engrenaxe" de grandes iniciativas e institucións defensoras do idioma propio, que a día de hoxe aínda continúan vixentes, como o Consello da Cultura, o Instituto Padre Sarmiento ou o Museo de Pontevedra. Por todo iso, Luís G. Tosar censurou os xuízos "sectarios e impropios" xurdidos no mundo da cultura por homenaxear este 17 de maio a Filgueira Valverde, que foi alcalde da cidade de Pontevedra no período franquista. "Descualifícano coma se fose un bicho raro e el non enganaba a ninguén", lembrou este autor.

Así, G. Tosar insistiu en que a pesar de que Filgueira Valverde non gozase dese "pedigrí" de combativo e de resistencia ao réxime, como puido ser o caso "de Ramón Piñeiro", era tamén un dos integrantes do "pensamento transversal" que sostiña o galeguismo. "Era un galeguista pero de dereitas e católico", explicou. No acto literario estivo a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, que celebrou a gran valía do homenaxeado. Destacou a "talla intelectual" do pontevedrés, que "tocou todas as disciplinas" da cultura.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, insistiu na importancia da figura do 'vello profesor' e na súa repercusión na riqueza da cultura da comunidade, xa que foi o encargado de "incluír o galego na lei orgánica do ensino". Nese sentido, García tamén subliñou a relevancia da EGAP, que forma aos traballadores públicos en galego.

Comentarios