Touriñán e Blanco traerán a Pontevedra 'Somos criminais'

Os monologuistas, que virán co seu novo espectáculo en xuño ao Pazo da Cultura, venderon case a metade do aforo en tres días

Cartel promocional do show - Xosé A. Touriñán e Carlos Blanco
photo_camera Cartel promocional do show

Somos criminais, o novo espectáculo de humor de Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán, poderase ver en Pontevedra. Segundo se anuncia na páxina web do show, somoscriminais.gal, os dous monologuistas estarán o 2 de xuño no Pazo da Cultura (20.30 horas, ataquilla.com, 11,60 e 13.60 euros).

Despois de poñerse á venda as entradas o pasado venres, lévanse despachadas preto da metade (318 das 752 dispoñibles). Segundo confirmaba Carlos Blanco no seu Facebook, o bo ritmo de venda tamén se deu no resto dos espazos nos que xa se poden adquirir.

A xira de Somos criminais inclúe, polo de agora, 18 datas. Comezará os días 30 e 31 de marzo na Illa de Arousa e rematará o 17 de xuño en Narón. Polo medio, Blanco e Touriñán pasarán por Cangas, Vilagarcía, Santiago de Compostela, Vigo e Ponteareas, entre outras localidades.

EIXE TEMÁTICO. O novo espectáculo dos dous actores xira arredor da cultura criminal como eixe temático. "Temos os galegos unha cultura criminal propia?", pregúntanse. "Delinquimos como galegos".

Segundo avanzan os responsables do show, a proposta de Blanco e Touriñán pasa por analizar e dramatizar crimes autóctonos en todas as súas variables, "desde o crime inconsciente ata o crime por acumulación de mala hostia, pasando polo crime familiar por herdanzas ao asasinato por suxestión ou as orixes do narcotraficante galego".

Comentarios