Xosé A. Touriñán: "Na hostalería perdín moito tempo e diñeiro, prefiro centrarme no meu"

O humorista, actor e presentador, que comeza a xira final da comedia 'Amigos ata a morte', charlou cos lectores ►Consulta as súas respostas
Xosé Antonio Touriñán
photo_camera Xosé Antonio Touriñán

O cómico, actor e presentador Xosé Antonio Touriñán charlou este xoves nun encontro dixital cos lectores co gallo do arranque da xira final de Amigos ata a morte, coa que percorrerá media Galicia nas vindeiras semanas  -pode consultar as datas abaixo ou facendo clik aquí-Debido á elevada participación dos internautas, ofrecémoslles a continuación unha selección das preguntas chegadas á redacción para o humorista.

Touriñán, en amigos ata a morteSandra [web]
Vou ir ver a obra por segunda vez, ¡encantoume! Despedides a xira pero, ¿tes algún outro proxecto teatral?
Marcos [Pereiro] e máis eu facemos 15 anos como Os dous de sempre, e como Mucha e Nucha, así que en maio e xuño seguramente teñamos un espectáculo novo lembrando os personaxes que fixemos estes anos.

Maculi Culkin [web]
Como humorista, ¿quen influíu máis en vostede destes tres xenios do humor: Eugenio, Gila ou Abel Caballero?
[Ri] Son tres grandes cómicos, é difícil de escoller. A verdade é que coincidín unha vez con Abel Caballero e ten moito sentido do humor, aínda non sendo profesional. Se teño que escoller a un diría Gila porque é un auténtico mito.

@LordJohnMalbury [Twitter]
¿Para cando un reality á galega como o das Campos cos 'Gorrillas'?
Para cando queira Roberto. Hai que preguntarlle a el.

Ana [web]
Cinco anos despois de que pechara a Sala The Star de Carral, ¿ten en mente volver a emprender outra aventura destas características?
Creo que non. Foi moi bonita pero perdín moito diñeiro e moito tempo. Gañei moitas cousas a cambio pero prefiro non dedicarme á hostalería e centrarme na miña carreira.

Fernando [web]
Mando dúas. 1ª ¿Cando fichades a [Javier] Veiga para a TVG?
Eu creo que Veiga está fichado xa, cando queira vir aquí. O que pasa é que ten moito traballo a nivel estatal e vaille moi ben e é complicado traelo.
2ª ¿Non dá rabia traballar no teatro ao lado dun tipo como David Amor, que as ten toliñas?
Non me dá envexa David, eu non sería capaz de manter ese nivel. Dáme pena ás veces... O pobre [ri].

Miguelón [web]
¿Que tal soporta a fama? ¿Non lle molesta que lle pidan fotos e autógrafos cada vez que sae á rúa?
Pois, home, eu creo que é bonito porque iso supón que á xente lle gusta o que fas. Cando o levo un pouco peor é cando estou coa familia, cos fillos...

Jose Ponte [web]
¿Cando soupeches que o teu era o humor e a televisión?
Aínda non o sei hoxe se é o meu. Creo que non o decidín nunca. Fóronme chamando e fun traballando, e fun traballando... Eu estudiei Filoloxía Portuguesa e pensaba ser mestre, pero mira onde estou.

Daniela Gómez Pérez [Facebook] 
Señor Touriñán, na intimidade... ¿é vostede igual de gracioso?
Non, gárdoo todo para cando me pagan [ri].

Andres Ramos Folgueira [Facebook]
Crack, nunca cambies. O que daría por irme unha noite de copas contigo... A miña pregunta: ¿é un bo director Roberto ou esta encima dun seguido?
É un tipo que entende moito de televisión. Eu creo que conseguir o que conseguiu co Land Rober demostra que é un bo director.

Tania11 [web]
¿Qué programas de humor na tele nos recomendas?
Por recomendar un: Little Britain, da BBC.

Vanessa [web]
Tras a experiencia en El club de la comedia, ¿vese futuro en Madrid?
Para cando teña tempo libre aquí, si.

Carmen Cruz [Facebook]
Touri, se che deran a escoller unha das seguintes opcións, cal escollerias: ¿teatro ou televisión?
Eu non podería escoller. É como se tes dous fixos e tes que dicir a cal queres máis.

@Mariajosesilva0 [Twitter]
De todas as persoaxes que interpretas, ¿a cal lle tes máis cariño?
Á que máis respeto, ou devoción lle teño é a Nucha, que foi a nai que me permitiu facer o resto.



Moitas grazas a todos polas preguntas e véxovos nos teatros.

AMIGOS ATA A MORTE. Tras dúas exitosas xiras nas que percorreron boa parte dos teatros galegos, Amigos ata a morte inicia agora a tournée final. A primeira parada desta divertida comedia será no auditorio da sede Afundación de Pontevedra o día 10 de marzo. Tras esta data, a obra seguirá o seu tour por Vigo, Ourense, Lugo, A Coruña...

Amigos ata a morte é unha obra sobre a amizade e o amor, e sobre como estes dous sentimentos poden causar situacións ben problemáticas se se mesturan. É o que lles acontece a Nacho, Ángel e María, os tres protagonistas desta comedia, tres amigos inseparables aos que un xiro inesperado porá patas arriba as súas vidas.

Os protagonistas desta comedia dirixida por Javier Veiga son dous grandes da comedia galega coma Xosé A. Touriñán (Tourilandia, Land Rober, Era visto) e David Amor (Gym Tony, El Club del Chiste, O Rei da Comedia) que, acompañados por Ledicia Sola (Pazo de familia, Amar es para siempre) farán escachar de risa aos asistentes.

Tras a devandita primeira parada pontevedresa, Amigos ata a morte recalará nas seguintes localidades [consulte aquí todos os detalles e o método de compra das entradas]: 

10 de marzo – Teatro Principal, Pontevedra
25 de marzo – Auditorio Municipal, Verín
31 de marzo – Auditorio Carmen Estévez, Vilalba
1 de abril – Auditorio de Galicia, Santiago
7 de abril – Auditorio Municipal, Ourense
8 de abril – Pazo da Cultura, Narón
21 de abril Auditorio Freire, Lugo
22 de abril – Teatro Afundación, Vigo
29 de abril – Teatro Colón, A Coruña

 

Comentarios