miércoles. 26.01.2022 |
El tiempo
miércoles. 26.01.2022
El tiempo

"Traer a Mozart a Santiago foi posible grazas ao realismo máxico"

Fina Casalderrey no seu estudio. RAFA FARIÑA
Fina Casalderrey no seu estudio. RAFA FARIÑA
Final Casalderrey, escritora e académica ds RAG, presenta a súa nova obra 'O xenio da Cidade do Sal', con ilustracións de Xosé Cobas e música de Luís Soto. Na novela, a autora ficciona unha viaxe de Mozart ata Compostela a partir de datos biográficos reais e un perfil do neno prodixio coa síndrome de Tourette, cheo de manías, un tanto egocéntrico e obsesionado coa escatoloxía 

Un disco de Luís Soto no que mestura as composicións do xenio austríaco con pezas da música tradicional galega é a orixe de O xenio da Cidade do Sal, na que Fina Casalderrey imaxina unha viaxe de Mozart a Galicia. O volume inclúe un CD coa música e ilustracións de Xosé Cobas. Será presentado este xoves, ás 19.30 horas, no salón nobre do Pazo da Deputación de Pontevedra. No acto interpretaranse pezas do disco ‘Mozart á galega’ e, para asistir como público, é preciso inscribirse en [email protected]

No libro descríbese a un Mozart intranquilo, que repite constantemente bromas escatolóxicas, con tics... Canto é realidade e canto ficción?

É todo real, excepto a viaxe a Santiago. El tiña síndrome de Tourette, e de aí que tivese moitas manías, entre elas a de limpar constantemente a boca cun pano, mover os dedos como se estivese tocando aínda que non tivese as teclas diante... hoxe diríamos que é un neno hiperactivo. É tan certo que moitas das composicións con letra que facía non pasaban a censura por escatolóxicas, moitas raiaban o soez. Foi toda a vida un neno traste.

A súa experiencia como mestra, na que coñeceu a tantos nenos e nenas diferentes, serviríalle para empatizar mellor co compositor que, sendo un xenio, non deixaba de ter necesidades especiais.

Si, requeriu dun titor durante toda a vida. Para as cousas relacionadas co diñeiro, co feito de levar unha casa, era un pouco desastre. Pero é entendible, porque con catro anos xa estaba tocando o clavicornio, con seis tocaba o violín, e aí comeza o seu periplo como neno prodixio, algo que segue ocorrendo hoxe en día con programas como ‘La Voz Kids’ ou ‘Masterchef Junior’, que lles esixen aos nenos a dedicación dun adulto. El comezou a tocar por todas as cortes europeas con seis anos, aprendeu a tocar cos ollos vendados, coas teclas tapadas... nunha especie de espectáculo circense.

Quixo criticar tamén o feito de que fose un neno ao que non deixaron ser neno?

Si. Ademais era miudiño, non chegou a medir máis de 1,62 metros de adulto. Non foi un neno maltratado, foi un neno mimado, pero non tiña tempo de xogar como os demais porque tiña que dar varios concertos ao día polos que seu pai cobraba. Pero máis alá diso era un neno ao que lle encantaba ler, aínda que non foi nunca á escola porque lle ensinaban na casa. Xa con tres anos empezou a prestar atención a como seu pai lle ensinaba á súa irmá a tocar o piano. Sempre dicía que a nobreza lle parecía moito menos nobre que a xente humilde, que el se sentía como un servente por como o trataban como músico. E rebelábase contra iso.

Conta tamén a historia da irmá de Mozart, que para moita xente será unha descoñecida.

Esa é outra historia fascinante. Seguramente ela era tan boa coma el, pero aos 17 anos seu pai decidiu que xa só o levaría a el aos concertos, para que ela atopase un home e casase. Era moito máis rentable e espectacular levar a un neno prodixio -que ademais aparentaba menos idade da que tiña- que levala a ela, que era maior. Sábese tamén que ela tiña un diario e Mozart escribía nel alabándose a si mesmo en terceira persoa, como se fose ela a que escribía. Imaxina un neno de once anos que xa compón por encargo ao que o arcebispo real lle encomenda un oratorio espiritual e, como cre que é o pai quen compón, pecha ao pequeno baixo chave para que compoña a soas. Iso ocorreulle a Mozart e tivo que ser traumático. O arcebispo, ao ver que era quen de facelo, dixo que era a galiña de ouro dos seus pais e era certo. Esas cousas penso que influíron en todos eses tics que el tiña e que tamén se manifestan en persoas que viviron experiencias traumáticas na infancia.

"Mozart dicía que a nobreza lle parecía moito menos nobre que a xente humilde, que o trataban como un servente" 

Foi difícil imaxinar a Mozart facendo o camiño de Santiago e cantando A saia da Carolina?

En Galicia, por fortuna, temos un realismo máxico prodixioso. Traer a Mozart a Santiago foi posible grazas a isto. Botando man das nosas lendas, sobre todo as vencelladas ao Camiño, foi doado. O difícil era facer que un neno que naceu e viviu no século XVIII chegase á Galicia de hoxe. Foi por iso que argallei o de botar man das lendas e da fantasía, deses cabalos brancos que aparecen para liberar a alguén que está nun apuro. Tamén lle dei voz ao propio Mozart, porque tiña que ser unha persoa moi divertida.

Mesmo lle escribe unha carta a vostede como narradora da súa historia.

Si, dáme as grazas polo que eu xa escribira del, pero di que prefire seguir el para contar a súa viaxe a Santiago, que é a parte ficticia do libro. Todas as outras viaxes podemos atopalas en Internet e nas biografías, porque son reais. Como anécdota podo dicir que, tendo Mozart 14 anos, polo Nadal, no Vaticano tocaban unha peza de Gregorio Allegri. Era castigado que alguén a copiase, por iso alí dentro ninguén tomaba nota, pero Mozart tiña unha memoria e oído prodixioso. Por iso cando chegou á fonda onde se hospedaba escribiu toda aquela música, algo que chegou a oídos do Papa. Este, ao ver a proeza que fixera, en vez de castigalo, nomeouno cabaleiro da Orde da Espola de Ouro.

"Seguramente a irmá de Mozart era tan boa coma el, pero aos 17 anos deixou de ir aos concertos para casar" 

Como se coordinaron para facer este libro, que inclúe un disco, vostede, o ilustrador Xosé Cobas e o propio músico Luís Soto?

O disco estaba feito e viu pola miña casa Luís Soto, un dos dous frautistas da Real Filharmónica de Galicia. Faloume deste traballo con moito entusiasmo e, ao escoitalo, recoñecín que non había nada de hipérbole nel. O disco é unha marabilla porque combina música clásica de Mozart con pezas populares galegas como o Alalá das Mariñas ou A saia da Carolina, e as transicións vanse facendo sen que te decates da ruptura. Parece música do propio Mozart. A partir de aí, Luís Soto propúxome escribir unha historia que contivese esa música. A historia é esta e parece que lles gustou, pero antes de escribila tiven que enchouparme moito de Mozart, de seu pai, da familia... Tamén Xosé Cobas, o ilustrador, estivo en contacto con nós porque, ademais, gústalle moito a música e íame enviando imaxes que ía debuxando. Na da portada, por exemplo, vese a velocidade coa que el vivía, aparece vestido de arlequín porque a el lle encantaba vestir así, cunhas ás que son como un preludio dese cabalo máxico que o vai levar a vivir esa aventura ata Santiago.

O traballo de documentación foi longo?

Si, para min o primeiro ano de confinamento foi ler sobre Mozart. Pero os descubrimentos foron apaixoantes e axudáronme a entender a personalidade do xenio. Por exemplo, a súa avoa nunca o visitaba e, nunha ocasión, de xira, deu tres concertos na cidade onde vivía ela sen que fose a ningún dos tres. Todas estas experiencias suman na memoria dun neno que viviu unha vida que non é a normal para alguén desa idade.

"Traer a Mozart a Santiago foi posible grazas ao realismo máxico"
Comentarios