Tralas pegadas de Lupa

Rafael Quintiá estrea en Pontevedra o primeiro documental que se realiza sobre a figura mitolóxica da Raíña Loba ►Rodrigo Cota e Valentín García Bóveda participan no proxecto

Personaxe do Códice Calixtino que recibe os restos do apóstolo Santiago á súa chegada a Galicia, a Raíña Lupa conta dende agora cun documental propio. Realizárono na empresa de contidos culturais Ab Origine. Escrito e dirixido polo antropólogo Rafa Quintía, o traballo percorre Galicia, "de Pontevedra a Fisterra pasando por Padrón ou Boqueixón", para acabar reflexionando sobre canto de realidade pode haber no mito. Os socios de Quintía en Ab Origine, Rodrigo Cota (narrador) e Valentín García Bóveda ("ao que recorremos nas partes de máis aventura") participan no audiovisual, que onte se estreou nun ateigado Teatro Principal de Pontevedra e que no mes de xuño se poderá ver en Boqueixón.

Lupa. Na procura do mito da Raíña Loba rastrea a presenza da personaxe en Galicia. "Estamos ante a versión feminina e pagana do mito Xacobeo", conta Quintía. "Todo o que é a parte culta da historia está contida no Códice Calixtino, pero en paralelo Lupa está presente nunha chea de relatos populares espallados por todo o país. Nós o que fixemos foi xuntar todo iso".

PATRIMONIO. O documental, que segundo conta Quintía tamén ten que ver co que é a conservación do patrimonio inmaterial galego, comeza en Pontevedra con Rodrigo Cota preguntándolle a Quintía polo personaxe e visitando ambos a biblioteca do Mosteiro de Poio, onde se conserva unha copia do Códice Calixtino que van consultar. Dende aí, embárcanse nunha aventura que os leva a percorrer distintos espazos, dende a praia da Lanzada ao Monte Pindo, intentando desentrañar os misterios que rodean esa figura. "Para vivir unha aventura fascinante non hai que viaxar a ningunha selva nin a ningún deserto. Aquí pódense atopar todo tipo de historias espectaculares".

Pontevedra, Poio, Sanxenxo, Padrón, Teo, Brión, Boqueixón, Carnota, Fisterra e Muros son algúns dos espazos polos que Quintía e Cota van pasando. "Atopamos o seu rastro nas catro provincias".

No audiovisual, o primeiro deste tipo que se lle adica a Lupa, vanse mesturando as distintas testemuñas orais que foron rescatando co seu paso polos espazos vinculados co personaxe. "Entre as sorpresas que depara o documental está, por exemplo, o feito de ter atopado o lugar no que estaría o trono da raíña ou a súa vinculación co mito fundacional de Roma e a lenda de Rómulo e Remo, aos que quizais non amamantou unha loba senón unha muller chamada Lupa". Segundo Quintía, o máis interesante "é descubrir canto de realidade rodea a lenda".

Comentarios