Tres cortos gallegos optarán a un Goya

Galicia contará con representación na vixésimo cuarta edición dos Premios Goya grazas a tres curtametraxes que conseguiron abrirse un oco ata a final. Así, na gala de entrega das cabezas do pintor zaragozano estarán os responsables da curta de ficción X Nada e dos de animación The werepig e O soldadiño de chumbo.

Así, X Nada, de Dani de la Torre e Toni Veiga producida por Ficción Producciones, é unha historia baseada en feitos reais descritos na reportaxe 'Matar por diversión', que o xornalista Diego Bagnera redactou para 'XL Semanal' e descrita polos responsables da curta como "unha crónica do tedio que goberna a vida de moitos adolescentes e que os empurra a unha espiral de violencia, odio e autodestrución".

As súas escenas narran unha realidade levada aos extremos da ficción a través dun enfoque documental, cámara ao ombreiro para filmar planos imperfectos que mostren de xeito neutral "unha das fatalidades cotiás da nosa sociedade actual".

Pola súa banda, Sam Orti Martí conta en The werepig unha viaxe pola xeografía e pola tradición galegas, dous adolescentes americanos gozan ao seu xeito, sen respectar nada do que lles rodea. A súa impertinencia ante as tradicións da zona levaraos a unha pequena casa de embutidos rexentada por dous anciáns onde, moi ao seu pesar, acabarán formando parte activa desas tradicións.



Finalmente, O soldadiño de chumbo, feita en plastilina e dirixida polos experimentados directores de stop motion Virginia Curiá e Tomás Conde, recrea o conto infantil de Hans Christian Andersen, onde un soldado de chumbo loita pola súa amada a mediados do século XIX. Pero este heroe terá un marcado toque galego. Así, o malvado Arlequín está transformado nun Cigarrón, figura emblemática do entroido galego que desfila por esas datas polas rúas da localidade ourensá de Verín; e a historia ten como escenario o Museo Galego do Xoguete de Allariz.

Comentarios