lunes. 24.01.2022 |
El tiempo
lunes. 24.01.2022
El tiempo

Trisha Fernández: "Dende que entrei no 'Luar' sentinme como na casa"

Trisha. CEDIDA
Trisha Fernández (Luanda. Angola, 1994). CEDIDA
Criouse entre a súa aldea, Filgueira (Crecente) e A Cañiza. Participou en 'Acacias 38'. E esta temporada é a copresentadora do programa xunto a Xosé Ramón Gayoso 

Estivo omnipresente na Televisión de Galicia este Nadal: 'Luar', ‘Atrápame se podes’, ‘Comando G’...

Pois si! Para min é unha alegría porque cando volvín a Galicia, despois de oito anos en Madrid, o que quería era que a xente da casa me coñecera. Por sorte agora xa me coñece. E o deste Nadal foi algo moi especial. Agasalláronme cun montón de traballo que agradezo moitísimo.

Pero é que ademais gañou en ‘Atrápame se podes’ o bote de 5.000 euros para o Banco de Alimentos de Galicia.

Se che son sincera, foi o mellor de toda esa experiencia. Porque ollo coas preguntiñas do programa. Non son nada sinxelas! A este tipo de concursos sempre vas con moito medo, porque pensas ‘a ver como vou quedar...’. E é que hai cousas que, aínda que saibas, non che saen entre os nervios, que o tempo corre... e acabas bloqueándote. Saber que, ao final, gañas eses cartos para xente que os precisa de verdade compénsao todo e faite sentir fenomenal.

Pero polo que de verdade é coñecida é por ser a copresentadora do ‘Luar’. Que tal esa experiencia?

Desde o minuto un no que entrei no ‘Luar’ por primeira vez, que foi en xullo do ano pasado para facer unha entrevista no Día da Muller Afrodescendente, sentinme como na casa. Falei con Gayoso aquel día, conteille a miña historia e el xa me dixo no momento: "Trisha, que saibas que te imos chamar máis veces, porque tes moito anxo". Funme xa moi contenta pensando que igual me chamaban para facer algo esporádico de vez en cando. E en setembro ofréceme copresentar con el. Imaxina! Nunca pensei que me diría que levara o barco con el! Iso, de primeiras, amedrenta bastante.

E imaxino que Gayoso impón moito.

E fala moito tamén. Moito, moito. Iso foi o que máis me custou: aprender a buscar os ocos. Porque, ante todo, eu sinto un respecto profundo cara el. Nunca o vou cortar para dicir a miña frase. Pensa que ‘Luar’ é un programa no que non hai guión. Hai unha escaleta que se vai seguindo con naturalidade. Pero pouquiño a pouco voume soltando un pouco máis e, agora que teño máis confianza con el, xa lle me vou metendo por aí.

Está claro que algo ten que ter un programa que este ano cumpre tres décadas emitíndose.

Funciona como un reloxo. É matemática pura. Para min está sendo un mestrado incrible. 

Referiuse antes a aquela primeira entrevista que fixo no ‘Luar’. Nela falou de temas como o racismo.

Por un lado, a min non me importa falar de todo iso porque sempre trato de enfocalo dende a superación. Creo que é importante para moita xente que sofre saber que se pode seguir adiante. Por outro lado, tamén me gustaría deixar de darlle bombo a esas cousas. Cada vez que verbalizas algo, falo real. Digamos que é unha parte da miña vida que sinto que quedou atrás. Empezo a querer diferenciar a ‘Trisha artista’ de ‘Trisha, a nena que sufriu’. Eu hoxe son a que son, e todas esas cuestións non teñen sitio na miña vida. Gustaríame falar da miña profesión, do que fago, no que non fago... Por iso, cando me fan entrevistas, prefiro non volver a iso. Porque ademais xa está todo dito e falado.

"Non me importa falar de racismo porque sei que é importante, pero tamén me gustaría deixar o tema atrás e falar do que fago"

Coa serie ‘Acacias 38’, de Televisión Española, entrou en moitísimos fogares cada tarde durante un ano.

Foi outro agasallo máis. Para empezar porque o personaxe que interpretei non tiña o meu perfil. Era unha muller branca de 30 anos. Pero, por sorte, gusteilles e entrei. Aquí teño que dicir que o meu representante é un tipo que pelexa moito por iso. Que chega un casting para mulleres de 20 a 30 anos, delgada, de 1,70 metros, alá que imos. E cando chegas alí e che soltan o de ‘uy, no, es que no buscábamos nada racial’, sempre lles explica o obvio: a ver, muller destas características que pedides é ela, aquí non pon nada de que ten que ser loira. Esta estratexia funcionou en ‘Acacias 38’ e así cheguei a ser Marcia, que era un papel para uns dous meses. Pero o público empatizou moito co personaxe e acabei quedándome un ano. Foi un curso acelerado de interpretación. Nunha serie diaria próbaste a tope. Para min supuxo a dose de autoestima que necesitaba para dicirme a min mesma: vale, sirvo para isto. 

Porque sempre quixo ser artista? De pequena xa formou parte dun grupo de baile tradicional.

Eu quixen ser ata astronauta. Pero si que é verdade que a faceta artística sempre a tiven moi desenvolvida. No Nadal, por exemplo, a miña ilusión era a actuación do cole. E, despois, nas clases extraescolares, á parte do balonmán, que foi algo fundamental na miña vida, metíame en todo: en música, en percusión... Date conta de que eu vivía en Filgueira e en Filgueira non había nin bar. Sempre quixen rodearme de música, de espectáculo, de aplausos. Mesmo na casa sempre era a que estaba a maquinar cousas. E cando me metín en teatro con 10 anos, aí abríuseme un mundo incrible. Axudoume a saír da miña realidade nun momento no que o necesitaba: era unha nena cunha importante carga emocional e aí podía vivir aventuras noutros mundos sen que ninguén me prexulgara nin nada. Era un espazo de paz e felicidade para min.

Garda logo bo recordo da súa infancia e xuventude na Cañiza?

Na Cañiza empecei a verme como unha muller bonita. Empezou a desaparecer a sensación aquela de son negra e non lle gusto a ninguén porque son negra. Teño lembranzas dos profes, dos amigos, da discoteca... Foi onde comecei a sentirme maior.

Trisha Fernández: "Dende que entrei no 'Luar' sentinme como na casa"
Comentarios