viernes. 05.03.2021 |
El tiempo
viernes. 05.03.2021
El tiempo

'Trispilispás' para a cativada do século XXI

María Campos, de Migallas, protagoniza as Brincadeiras da lingua. DP
María Campos, de Migallas, protagoniza as Brincadeiras da lingua. DP
O Portal da Lingua Galega ofrece cada semana un capítulo das Brincadeiras da Lingua, unha serie audiovisual que pretende poñer en valor os recitados populares infantís da man de Migallas

"Trispilispás, trispilispiñas o que non come non ten barriguiña, trispilitrás trispilistrolas o que non come non ten barrigola...". É un dos retrousos agarimosos que están a recordar as Brincadeiras da lingua, unha iniciativa audiovisual que pretende recuperar as cancións e recitados galegos infantís. "Queremos difundir a literatura popular infantil de Galicia para que siga sendo unha ferramenta educativa e de lecer para os nenos e nenas do século XXI", explica a actriz María Campos, de Migallas Teatro, na presentación do primeiro capítulo desta serie, que leva por título Caricias no colo.

A través desta proposta, realizada por Migallas, o Portal da Lingua Galega da Xunta pretende impulsar o coñecemento e poñer en valor a riqueza e variedade destes ritos e recitados infantís, ó abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021. Cada xoves e durante dez semanas, este portal irá acollendo novos vídeos con cantigas e ditos populares.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou este proxecto protagonizado por María Campos e Carlos Yus, "dous grandes dinamizadores da lingua galega entre a cativada", dixo, ós que lles agradeceu ademais "unha importante achega ao repositorio de recursos destinados á infancia e á transmisión interxeracional do galego, tanto na familia como no ensino".

As pezas, tenras e divertidas, teñen como obxectivo dar a coñecer auténticos tesouros da lingua galega que acompañan desde hai séculos as brincadeiras da cativada e dos membros maiores da familia cos máis pequenos e pequenas.

Cada capítulo está dedicado a un tipo de ditos consonte a súa función: caricias no colo, para xogar coas mans, para abanear e cabalgar, para durmir e espertar; recitados dialogados, para acompañar xogos, para facer bromas, oracións de risas, disparates e trabalinguas... En cada un destes capítulos, Migallas Teatro anima a pequenos e grandes a gozar practicando estas brincadeiras que foron recollendo ó longo dos anos na páxina web www.orellapendella.gal.

Así, en Caricias no colo pódense ver xogos coas mans cos pequeniños, outros dedicados á hora de comer e distintos agarimos rescatados do patrimonio cultural oral galego e da memoria dos avós e avoas.

"(...) Este olliño pimpilán, este olliño pimpilán, este nariz, narizán, esta boca pide pan, este queixo non llo dá... Arríncate cabalán!", cantanlles ós pequeniños en Brincadeiras da Lingua.

'Trispilispás' para a cativada do século XXI
Comentarios
ç