A TVG emitirá en alta definición polas súas dúas canles a partir deste martes

Os espectadores que dispoñan de aparellos compatibles co HD recibirán un aviso no seu televisor, que detectará as novas canles

Cristina Castaño e Carlos Blanco xunto a Roberto Vilar en Land Rober TVG
photo_camera Cristina Castaño e Carlos Blanco xunto a Roberto Vilar en Land Rober. TVG

A Televisión de Galicia (TVG) empezará a emitir en alta definición polas súas dúas canles a partir deste martes, 26 de febreiro. Deste xeito, converterase na "única" televisión, segundo reivindica, con máis dunha canle en España que os emitirá todos en HD na TDT, aínda que tamén manterá a súa emisión en definición estándar, como ata agora. 

Desde esta fin de semana a CRTVG informará á audiencia nos seus programas, redes sociais e páxina web sobre como sintonizar os seus televisores para poder gozar da alta calidade. 

Así, os espectadores que dispoñan de aparellos compatibles co HD recibirán un aviso no seu televisor, que detectará as novas canles. Nese momento poderase facer unha actualización da lista de cadeas -será diferente en función da marca do dispositivo- e logo poderanse reordenar e colocar a TVG HD onde estaba a anterior en definición estándar. 

A CRTVG traballou durante os últimos meses na posibilidade de emitir polas dúas canles e non só por unha, como era a previsión, de modo que todos os informativos, o deporte, a cultura e o entretemento chegarán aos fogares en máxima calidade. 

Comentarios