Un clásico adaptado y un secreto de familia, los favoritos del teatro gallego

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia deu a coñecer os nomes dos finalistas que optan aos Premios de Teatro María Casares. As montaxes favoritas a acadar a maior parte dos galardóns son A Esmorga, unha adaptación de Sarabela Teatro do clásico das letras galegas de Eduardo Blanco Amor, e O Segredo dos Hoffman da compañía Lagarta, Lagarta. A primeira opta a doce das trece categorías e a segunda a sete.

Trinta anos transcorreorn dende o pasamento de Blanco Amor e cincuenta dende a publicación da súa novela máis emblemática. Por iso Ánxeles Cuña, a directora da Esmorga sinala que ''estamos moi contentos por este recoñecemento porque afrontamos esta montaxe como unha homenaxe ao autor'' e destaca a importancia que ten para a consolidación de Sarabela Teatro dentro da súa ''nova andaina''. Este éxito pasa polo ''alento do público de Ourense'', con case cinco mil persoas nas primeiras representacións na cidade das Burgas e o ''cariño do resto dos lugares nos que estivo como un estímulo e unha responsabilidade'', afirma Ánxeles Cuña. A dificultade de adaptar unha obra como A Esmorga radica en que ''podía defraudar pero tivemos adapatadores de luxo e convida a unha nova lectura da novela''.

Pola súa banda, o responsable da compañía Lagarta, Lagarta, o tamén actor Ernesto Chao, afirma que eles tamén están ''moi contentos'' porque os premios aos que opta O Segredo dos Hoffman son ''os gordos''. A obra segue de xira e asegura Chao que ''está funcionando moi ben''. Non se lamenta de que el non opte a gañar un galardón na súa categoría porque ''xa estiven aí o ano pasado e agora tócalle a outros''. E sobre a gran favorita, A Esmorga, da que serán rivais por un día --o 24 de marzo na Coruña coñeceranse os gañadores--, di que ''ás veces os premios dan sorpresas e as compañías con moitas nominacións vanse de baleiro''.

Por detrás destas dúas montaxes, sitúanse como candidatos a catro premios Palabras Encadeadas de Talía Teatro, Saltimbanquis de Teatro do Morcego e Testosterona de Chévere; por 3 premios compiten O Xogo de Yalta-Afterplay de Teatro do Atlántico e Shakespeare para ignorantes de Producións Teatrais Excéntricas; dous galardóns poden caer nas mans das Dunas do Centro Dramático Galego; e a un premio optan A pensión de Redrum Teatro, Bicharada de Berrobambán, Atra Bile de Teatro de Ningures, Glass City de Teatro do Noroeste, Os cómicos dell'auto de Teatro de Ningures e Kvetch de Teatro do Morcego.

Resistencia do teatro galego
34 obras optaban a ter representación na gala do 24 de marzo, algo que para Ernesto Chao é ''demasiado. Temos o país que temos e somos demasiadas compañías. A pregunta do millón é: Quen se retira? Ninguén, porque todos temos dereito a estar aí''. Ánxeles Cuña, pola súa banda, tamén considera que é un ''nivel alto de produción'', algo que lle parece sintomático de que o teatro galego é ''maior de idade''. Destaca a directora da Esmorga que hai moitas compañías pero que ''as liñas que tratan son diferentes'' e aposta por ''fomentar a demanda'' para que se poida manter a produción teatral a este ritmo. Cuña cre que a baza fundamental do teatro é que constitúe ''unha oferta diferente a outros medios de lecer''.

A crise económica, como en tódolos ámbitos tamén se deixou sentir no teatro. No tocante as subvencións que reciben as compañías galegas Ernesto Chao afirma que ''a crise emprégase como motivo para facer rebaixas e nós estmos pelexando porque, polo menos, se manteñan as cousas''. Ánxeles Cuña cre que a recesión ''quizais non lle afectou ao teatro comercial, pero nós funcionamos máis como un servizo público. Ámbolos dous coinciden en que ''toca resistir'' e Ernesto Chao engade que é ''o noso traballo e a nosa vida e seguiremos adiante, pese a quen lle pese. Os políticos están de paso pero nós permanecemos aí sempre'', sentenza.

Comentarios